“Hableme en cristiano”

“Hableme en cristiano”

O día 23 de xaneiro, en vésperas da manifestación que reclamou en Santiago un trato diferenciado ao galego no ensino e a poder vivir en galego, fun testemuña da realidade do problema. Estaba ás once da noite tomando un viño nun local da cidade de Lugo cando chegou un grupo de homes e mulleres que reservara unha mesa para cear ás nove e media.
O encargado do establecemento recibiunos e díxolles en galego que o sentía pero que eran as once e que xa estaba pechada a cociña. O que encargou a mesa xustificou o retraso dicindo “es que nos liamos” e outro do grupo díxolle, “háblenos en cristiano”, e como o encargado ademais de ser correcto tamén é europeo, español, galego, lugués, lucense, nacido na Piringalla, bautizado, fillo de obreiros e educado nun colexio público, respondeulle en cristián, “Sorry, the kitchen closes at eleven”.

E como o refrán di que “o gaiteiro toca ao son de quen lle paga” ou “quen paga, manda”, para que o entendesen ben díxolles: “lo siento, no pueden cenar porque tenían la reserva para las nueve y media y son las once, y la cocina de martes a jueves se cierra a esta hora, como se indica en ese letrero”, e engadiu “el cocinero es un trabajador con un horario laboral que tenemos que respetar”.

A pregunta que compre é ¿que é falar en cristián? ¿Só español?. E un francés, un italiano, un alemán un inglés, un danes, un portugués ¿non falan en cristián?, porque o rapaz falou con claridade, espontaneamente, porque é a súa lingua materna, o que fala habitualmente, e porque o galego e “tan cristiano” como o español o calquera outro idioma.

Non hai que facerlle


Lin un artigo na revista Tempos Novos dedicado á análise dos resultados das últimas eleccións autonómicas. Unha das contradicións é que onde máis votos obtén o PP é no medio rural onde o cento por cento fala galego desde que nacen, e con todo apoian co seu voto as políticas regresivas deste partido en relación co galego en Galicia, e coas outras linguas vernáculas desde o goberno de Rajoy. Cando coincidín con el nos bancos de AP no Parlamento de Galicia, nunca lle oín dicir unha palabra en galego, “lagarto, lagarto”, nin sequera cando foi vicepresidente da Xunta. Polo menos do seu mentor, José María Aznar, sabemos que fala catalán na intimidade.

Había no primeiro goberno de Albor un conselleiro de agricultura, Jaime Rei de Roa, que nunca falara en galego, pero aínda que o apedraba, polo menos esforzábanse en facelo, como o facía Antonio Carro Fernández Valmayor, deputado do PSOE. Rajoy co galego, nin o intentou, non sei se por evitar o esforzo ou por outras razóns que descoñezo.

A cruzada do PP e do seu ministro de Educación e Cultura, José Ignacio Wert, para españolizar aos nenos cataláns, demostra unha incultura impropia dun profesor universitario que se deixa vencer pola ideoloxía máis reaccionaria, pois hai a falsa teoría de que fomentando as linguas vernáculas se lle da pulo ao independentismo. Para a dereita levamos case que corenta anos esnaquizando a sagrada unidade da patria, e aínda anda agora Mas amolando a Rajoy con que se queren separar. Tamén é ignorancia supina da realidade por parte do citado ministro, porque os nenos que falan catalán, galego ou vasco, son bilingües, e os que só falan español, monolingües. Á mantenta exclúo o inglés, nese caso serían trilingües e bilingües, porque os alumnos non dominan esa lingua como a vernácula e o castelán.

,¿Auto odio?

Non creo, máis ben penso que a falta de prestixio do galego ven dos tempos en que as xentes do medio rural non tiñan ningunha preparación e eran a maior parte analfabetas, e se viron na necesidade de emigrar, un lastre do pasado, cando o seu nivel cultural e de instrución era inferior ao do medio urbano. As novas xeracións do rural, non se diferencian en nada das da cidade. O inconveniente é que os efectivos demográficos no rural son escasos pola falta de atractivo e expectativas de negocio para os mozos. Un tío meu, que naceu e vive nunha aldea, galego falante desde a infancia, votante do PP, dixo nunha conversación entre amigos, na que estaba presente Lois Diéguez, “que idiomas era mellor só un”, e ese un era o español claro. E por iso non creo que se queira tan mal que se auto odie, máis ben penso que di o que di por ignorancia, porque ninguén lles explicou porque se debe de falar galego ou porque se deben conservar as pallozas do Cebreiro, que tamén di que no valen para nada.

Pero o grave é que hai persoas ilustradas que pensan o mesmo e que cualifican o uso do galego en razón da súa utilidade. Un cura, que para máis inri naceu e viviu nunha aldea, e que foi profesor de galego no Seminario de Lugo, díxome que lles dicía aos seus alumnos que “o galego así que pasedes Pedrafita, xa non vos serve para nada”. A utilización do galego nas cerimonias relixiosas pola maior parte dos curas nos medios urbanos, é practicamente nula, e no rural a medias, malia que a maioría teñen esta procedencia, por iso moitos ao facer as lecturas soen dicir “descípolos”. ¿Como se pode facer cambiar esta apreciación? Nos máis vellos é difícil. Nos máis novos, culturizando, insistindo en que o uso da lingua propia, non só é un vehículo de comunicación e expresión espontáneo, senón un elemento valioso da súa cultura.

O desafío do conselleiro

Mentres os convocantes da manifestación do pasado día 27 de xaneiro, celebraban o seu merecido éxito, malia as inclemencias do tempo, o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez Abad volveu mostrar peito insistindo en que seis sentenzas avalan o decreto, que por certo tamén recorreu Galicia Bilingüe, porque non está conforme con elas, o cal supón unha contradición. Entendeuno ben Carlos Callón, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística que preguntou: “Como é que recorren sentenzas que lles son favorables?”.

Claro que como di o poema de Ramón de Campoamor, ”En este mundo traidor / nada es verdad ni mentira / todo es según el color / del cristal con que se mira”, e o cristal do conselleiro é o do optimista que ve a botella medio chea, como corresponde a un político novo, alegre, elegante, dinámico, xovial e moi agresivo, esta última palabra enténdase na acepción que se aplica aos bos vendedores de produtos difíciles de colocar e que aspiran a un ascenso na empresa. Porque o papelón de figurar na historia da normalización do galego, como o único conselleiro de Educación que rebaixou o seu estatus no ensino, non vai ser moi lucido para o seo curriculum.