Filósof@s: textos, contextos doutros textos
Hoxe falar de Filosofía semella unha pedantería que non aquece. E así andamos cando outros cavilan por un. Cada individuo pensa conforme ás súas vivencias, á amplitude e ás sombras da "cova" na que nos imos desenvolvendo cara á luz. Compre saír da casa para entrar na Historia, navegar por océanos de incerteza."Navigare necesse est, vivere non necesse", como "filosofare necesse est...", Lapidarias frases clásicas que labradas sobre os limeiras dos templos ou escritas sobre os limiares dos libros abren a infindos cavilares: a vida, a morte, a eternidade, o pensamento, a comunicación, o individuo, a sociedade, a inmensidade do cosmos, a verdade, a terra e o tempo, a economía, a relixión, a política, a identidade, a globalización.... Navegar é poñer en marcha os sentidos a través de mares que coutan a vida, furar entre sedutores cánticos de serea, pitonisas e xigantes... andar camiños vellos, xa tripados, aventurarse noutros novos e mesmo abrilos. Navegar é enxergar, poñer en marcha e afiar os sentidos, a sensibilidade. Así sentimos que somos e existimos. E velaí os vellos e os novos filósofos a darlle voltas e reviravoltas a sempiternas cuestións que nos sitúan no infinito e na eternidade. Ser ou non ser, velaí a cuestión.
Nesa ansia de saber sempre caemos na Filosofía e nos clásicos, proba de que pensamos... e entón somos, sempre retornamos a Ithaca, a Grecia, a Platón, a Aristóteles, ó Medievo de Tomás de Aquino, ó Kant da Ilustración, á Hegel e Marx da Contemporaneidade.... Hoxe mesmo aínda pesa o pensamento e a acción de Bertrand Russell, as súas advertencias sobre as trampas da linguaxe; o "Existencialismo" de Jean-Paul Sarte, a realidade individual e intransferible... seu sentir marcou comportamentos e ate vestiu de loito, de liberdade e poesía a moitos mozos. Agora na área anglosaxona, tan sometida e sometedora de supermercadeos, fálase de Joseph Zalman Margolis, americano de New Jersey (1924), autor de "A persistencia da Realidade". Filosofía baseada na Ciencia e na Conciencia social, na Ética, no Todo e mesmo na Nada, como xa o fixera Heidegger e Sartre, afondando en Bakhtin e Bourdieu, sociólogos da educación, da cultura e dos estilos de vida, con influencia nos movementos do 68... e niso entra a crítica ós medios de comunicación e seus efectos na cultura.
As obras de Margolis comézanse a espallar, aínda non están traducidas, máis que ó alemán e ó xaponés. E xa quixéramos ser vangarda, como no pasado se traducía ó galego, denantes que ó castelán a Joyce. No galaico-portugués poidera ter mellor mercado. Coñecemos algo da filosofía de Margolis a través da navegación internáutica e por o amigo e profesor de Matemáticas César Varela, viaxeiro, "navigator", sempre atento ó acontecer e ó humanismo. Tertulia que logo contrastamos con outro admirado profesor de Filosofía, Demetrio Díaz e concluímos momentaneamente algo sempre provisional, que tampouco nos inqueda. Deixa pegada o que se lee e o que se fala, así nos conformamos, somos e transmitimos.
A verdade é que sendo Galiza un país de confíns, onde a Vida-Morte está a flor de pel, tradicionalmente de magos e meigas, o que quere dicir de profundadores de porta para fora ou mesmo de mesacamilla, aínda non deu filósofos "de libro" e si creadores impregnados da máis fonda filosofía, dese panteísmo que nos integra na divina espiral do Cosmos. Deixamos atrás a Prisciliano, a súa filosofía e relixiosidade, para cavilar en Ramón Piñeiro, matinador da "Filosofía da Saudade", como unha permanente identitaria do sentir galaico portugués. Prócer dun selecto movemento cultural (que non revolución) que desembocaría en culturalismo de cerimonias... A cultura non é un adorno endomingado, é un xeito de resolver a vida, con tradicións, relacións, innovacións... A saudade é un efecto cunha causa: nostalxia dun "Paraíso Perdido", cando o sentimento do "Nós" plural, maxestático, é deturpado, perdido, engulido pola globalización.
Nada é definitivo, non todo está descuberto, toda orixinalidade está limitada, todo ten un punto de partida. Margolis arranca do que xa dicía Protágoras que "o home é a medida de todas as cousas". Mulleres e homes, os seres humanos somos a medida da realidade, do saber, da verdade... Margolis, bebe tamén do río de Heráclito, e retoma o que dicía o filósofo do cambio, do devir, do constante devalar... "as augas do río que pasan..." fronte ó inamovible, o invariable, a cerna eterna. Nada é eterno. Principios que aplica ó que os seres humanos facemos, a cultura, a arte, os "arte-factos", abrindo a unha nova teoría sobre a relatividadade da ética e da estética. A filosofía de Margolis basease en cinco puntos:
1) A realidade é intransparente para o coñecemento.
2) A estrutura da realidade e a do pensamento humano están simbiotizados.
3) O pensamento ten unha historia, é historizado.
4) A estrutura está preformada, é automdificante .
5) Os fenómenos e as entidades de cultura humana son constituídas o construídas socialmente...
Seguimos nunha "cova" máis ampla: coñecemos, lemos, desciframos, transcribimos sinales. Interpretamos ó mundo a través das limitacións do xeito de pensar e con el construímos tamén unha historia limitada, sempre corrixible e definida por unha tradición canónica. Somos influenciados e influenciamos. Somos impulsivos fabricantes de historias, de ideoloxías, de culturas. Facemos e desfacemos todo a medida e gusto dos dirixentes de turno e a disgusto doutros. Estamos preformados e formados pola cultura ou a aculturación. Tamén somos capaces de cambiar a cultura e a cultura cámbianos, como quen muda de traxe e comportamento.
O ser humano é un anaco da Historia, unha fase da Historia, con maiúscula, aberto ó cambio continuo. Os textos son contextos doutros textos. Movémonos na intertextualidade. Buscamos e atopamos consolo en tradicións, en escombros de pensamento, en desguaces de pescudas e nesa chatarreira ás formas de vida outorgámoslle un xeito de actuar, de crer cegamente, canonizamos todo e sentimos a necesidade de divinizalo. Margolis asume que todo está historiado, que el mesmo é herdeiro de todo isto que ven de atrás, íspese entón e teoriza, sabe que o fai tamén a través do que lle ven dado, do "tradicionalismo", conformado polos herdos clásicos, como do "progresivismo" que substitúe doutrinas ou tendencias filosóficas.
Segundo os seus propios presupostos a súa mesma filosofía é un artefacto, ten a súa aplicación a catro normas morais:
- a do principio do "Summum Malum"
- a do "Minimum Bonum"
- a do "Nullum malum "
- a do "Metyanoporma" ou "adequatio".
O Summum Malum é o recoñecemento de condicións que non deben ser toleradas (os campos de concentración, a discriminación por sexo, raza, cor...).
O Minimum Bonum, é o requisito mínimo para a vida: unha casa, o traballo, educación sen presuposicións...
Nullum Malum, o ancheamento gradual dos comportamentos desviados, no pasado considerados malos, até retirar o estigma moral: suicidio, aborto, homosexualidade... E si "o home é a medida", entón tócanos a nós decidir.
A "adequatio" é o xuizo, a conciencia colectiva, que asesora, lembra,... resultado entón historizado, que mide até que punto o grupo minimiza o peor e avanza cara ó mellor. Así admítese o recurso, a revolución, como un camiño para acadar metas...
Filosofía, ansia de saber universal, feita por particularidades culturais e sempre en devalar... ser e convivir. Algo que non prescribe ou caduca.