Esperta do teu sono…
26 de abril de 2010 (00:01 h.)
Din dos Galegos que mexan por nós e dicimos que chove, maldita frase! Os Galegos somos un país que durante moitos anos sufriu unha represión enorme, un país que sufriu todo tipo de desgrazas, un país que soportou a emigración masiva e incluso a aproveitou para exportar a nosa cultura ao extranxeiro, un país que foi desde sempre maltratado e mal etiquetado. Pero lonxe diso, nunca fomos un pobo acomplexado, sempre levamos as nosas raíces por diante, gabámonos do noso gran patrimonio e sempre orgullosos de ser como somos.
Creo e sinto, que o pobo galego está tan afeito a sufrir, que construíu unha especie de coraza na que moitos dos ataques que sofre nin sequera os aprecia, esta coraza que temos nos fai seguir coa nosa vida como se algúns problemas non nos afectasen ou nos desen igual, pero eu creo que iso é o que se ve desde fora. Non somos un pobo conformista, para nós o primeiro é o noso, pero despois de tantos paus levados, hai algúns que parece que xa non doen. Con todo isto, parece que estou defendendo a maldita frase máis que desmentila. Pero qué lonxe, porque todo esto perde sentido cando te atopas no medio da Praza do Obradoiro, corazón de Galiza, entre milleiros de persoas que gritan e esixen, que piden o xusto, que manifestan o seu sentir... que demostran que cando lles toca donde lles doe de verdade non agochan a cabeza, non baixan a orella, se non que se erguen e se fan oír. Remóveseme a alma cando escoito que "el pueblo gallego es muy manejable", que "los gallegos no saben si suben o si bajan" e penso que a esta xente tiñámola que invitar a un destes actos, como o que tivo lugar o pasado 17 de Abril en Pontevedra.
Non podo describir o que sentín cando subín ao escenario en Pontevedra e vin a tanta xente; cando puxen o primeiro pé no escenario púxoseme a pel de galiña ao ver a toda esa xente, a toda a nosa xente, que non viñan só a disfrutar coa nosa música, viñan a facerse oír unha vez máis, viñan a berrar ben alto que non pensamos dicir que chove.
Eu que estivera nos festivais de Nunca Máis, revivín de repente unha chea de sentimentos, de emocións que me levaron a reflexionar logo toda a noite. Nunca Máis, Queremos Galego, que máis dá ... non é a frase que se cante, non é o que se esixa, nin polo que se proteste, é ver de novo ao pobo, unido e posto en pé, o pobo galego que como reza o noso himno "esperta do seu sono" unha vez máis, ese "xigante" que sae cando está en perigo o que máis queremos.
No escenario de Pontevedra agromaron sensaciónns xa coñecidas, todos estabamos alí co mesmo propósito, facernos oír, denfender o noso patrimonio, neste caso un dos seus piares, a propia lingua. E eu pregunto, hai ataque máis directo a un país e á súa cultura que un ataque á propia lingua? En fin, compañeiras e compañeiros, non quero repetir unha e outra vez máis o que gritamos en cada xuntanza ou manifestación de Queremos Galego, con este artigo quería expresar o meu sentir cun pobo maltratado ao longo dos anos, que non deixa que violen a súa identidade, que non permite calquera tipo de ataque contra o seu patrimonio.
Síntome moi orgullosa de ser galega. Cada vez que vexo esta unión, esta irmandade que brila cando pican as pulgas gordas síntome satisfeita e con ilusión para mirar adiante.
Esta loita é longa e non remata despois de cada acto pois temos que demostrar que non nos cansaremos nunca de defender o noso. O 17 de Maio, máis que nunca volvamos a facernos oír, esta vez de novo en Compostela, e con máis forza se cabe. Queremos Galego!