Dismorfia lingüística
Desde xa hai moitos anos, constátase, pese á política pasiva fraguista de 'bilingüismo harmónico' -ou, mais ben grazas a ela- un constante e contrastado retroceso cuantitativo (perda de utentes e reducida taxa de transmisión interxeracional) xunto cunha erosión cualitativa (deixo a Radio Galega como exemplo por antonomasia) do galego en todos os ámbitos.
Tras a tímida tentativa de acción afirmativa real para recuperar espazos e dereitos para a lingua galega (a temida 'imposición' do BNG durante o período do Bipartito), xorde agora un proxecto para resucitar unha estratexia baseada na reivindicación do 'bilingüismo' (xa non 'harmónico', senón 'restitutivo ou equitativo') como reflexo filogaleguista da política oficial que se vén impondo (si, impondo coa máis descarada prepotencia de quen detén a maioría absoluta no Parlamento), baseada en loar as vantaxes do 'bilingüismo' como activo do pobo galego (Comunidade con dúas linguas) e do 'multilingüismo' que, como é obvio, non son máis que a parte máis visíbel da ofensiva destinada a arrasar cos elementos chave da identidade nacional da Galiza.
Sen entrar nunha análise pormenorizada do informe do IGEA e dos pronunciamentos varios que deron pé á polémica actual, quixera reflectir sobre o que é que se entende por 'bilingüismo' e se, desde unha determinada óptica, o bilingüismo puider valer como peza chave dunha nova estratexia para unha verdadeira revitalización lingüística (para o galego, enténdase...). Como xa se pode intuír, a miña resposta é negativa, e paso a continuación a expor as razóns que me levan a esta consideración.
Mais antes de falarmos da cuestión do bilingüismo, cómpre eliminar a enganosa miraxe do 'multilingüismo'. Non é difícil decatarse de que non se trata en realidade doutra cousa que a suposta adquisición do inglés -nunca de calquera outra lingua- a través do sistema escolar, deixando ver clarisimamente que non é máis que unha quimera concibida para engaiolar: sobre todo porque o status do inglés na Galiza non é nin en termos sociais nin institucionais comparábel co do galego ou do español, mais tamén porque o sistema escolar -por moita 'innovación' que se nos queira vender- non está en condicións para acadar este (talvez de por si loábel) obxectivo. A máis que se indagar, queda de manifesto que a imposición do ensino do inglés non é máis que unha escusa para debilitar a presenza do galego e a súa adquisición normal nos centros educativos do País.
Volvendo xa á cuestión central do bilingüismo, para entender as políticas institucionais neste ámbito e outros ámbitos 'proteccionistas' stricto sensu (quer dicir, tendentes a erradicaren desequilibrios de poder co fin de protexeren sectores e elementos máis vulnerábeis), hai que entender cales son os comportamentos individuais e grupais sobre os que estas políticas pretende actuar e exercer unha influencia co obxectivo último de os mudaren nunha dirección ou noutra. E se ben é certo que a Comunidade Autónoma da Galiza é bilingüe tanto legal como socialmente no seu conxunto, ao non sermos animais bífidos, resulta imposíbel falarmos dúas linguas á vez, por moi potencialmente bilingües que sexamos.
Así, en todo momento cada quen opta por unha lingua ou pola outra en cada circunstancia comunicativa, e á vista do contexto político no que nos movemos e o clima lingüístico que iso leva xerado estas decisións nunca son neutrais, senón diglósicas. Noutras palabras, debido ao clima sociopolítico circundante, o potencial bilingüe de cada individuo se ve suxeito como acto social a prácticas que, na realidade, exclúen o galego de moitos ámbitos da vida pública e privada, sobre todo os máis prestixiados.
As políticas lingüísticas están chamadas, pois, a regulamentaren e a xestionaren esta situación para mudaren a realidade nun determinado sentido ou no outro. Son tres as principais opcións que eu vexo para xestionar a situación que se perfila na actualidade:
1. Unha actitude de laissez-faire que se apoia na diglosia xa existente, levando paulatina e inexorabelmente á asimilación e á extinción do galego;
2. Unha política de segregación lingüística individual ou por zonas xeográficas, como por exemplo nos Gaeltachtaí de Irlanda (cada vez máis reducidos) ou o sistema de bantustáns da África do Sur na época do apartheid;
3. Unha estratexia educativa de inmersión xunto con outras medidas para restabeleceren o hábitat ecolingüístico do galego no seu propio espazo natural, destinada a que @s españolfalantes, e sobre todo as súas fillas e os seus fillos, sexan verdadeiramente bilingües (@s galegofalantes xa o son), para gañar nov@s falantes para o galego e inverter así a tendencia actual. O papel do nacionalismo consiste, neste marco, en alzar a consciencia d@s galegofalantes para romperen cos esquemas propios da diglosia que levan á erosión lingüística, fomentando a práctica proactiva do monolingüísmo social, entendido como o exercicio constante dos seus dereitos lingüísticos.
Se a terceira destas opcións é o que se entende polo (non tan) novo discurso bilingüista, benvida sexa. Mais teño as miñas dubidas ao respecto. Vexamos, a modo de exemplo, o que Craig Patterson cualifica como 'bilingüismo harmónico' na Universidade de Caerdydd no seu artigo 'A forza dunha nación': "A cerimonia foi completamente bilingüe, variando harmoniosamente entre galés e inglés. Si, harmoniosamente. Con todo, e sen dúbida, o signo diferenciador de todo, o son que convertía nun conxuro aquel remate ritual dos estudos de tantos mozos, eran as palabras galesas que nos lembraban a todos que aquí reina outra identidade, que aquí reina outra tradición". Os conxuros en linguas litúrxicas teñen a súa carga simbólica, mais non sei até que punto se pode describir a situación real da lingua galesa dentro desa mesma Universidade como 'harmoniosamente bilingüe', á luz dos datos do seu Servizo da Lingua Galesa publicados no seu "Plan para a Lingua Galesa": menos de 1% do profesorado se sente capacitado para ministrar aulas en galés; a decisión de utilizar o galés ou non nos formularios oficiais depende da frecuencia do seu uso e até que punto están dirixidos a falantes de galés (como se determina?); todos os formularios para o público xeral serán publicados en galés, agás formularios técnicos para grupos especializados (por que?).
A situación do galés non é (de momento) a mesma que o do galego, e por iso non pretende ser unha crítica da política lingüística que se aplica nesta universidade galesa. Mais o que este exemplo si deixa claro -de xeito, acho, moi criticábel- é o que se pode agochar detrás da engadadeira do 'bilingüismo' ('harmónico', 'restitutivo', 'equitativo' ou chámese como se chamar...), que non é máis que unha limpeza de cara simbólica e ritual que permite manter o statu quo do predominio cada vez maior dunha lingua sobre unha outra.
Avecíñanse tempos duros, vai haber que loitar máis duro que nunca para non recuar na reivindicación do galego como única lingua propia da Galiza e para reconquistar espazos que lle foron arrebatados pola imposición directa e indirecta do español.