Deslocalización, desintermedición, desestacionalización
Deslocalización, desintermediación, desestacionalización... palabras de hoxe en relación coa arroiada do mercadeo en determinados lugares, circunstancias e días. A cuestión é o equilibrio, fender cos vizos aprendidos que nos abafan e entre os que sucumbimos. Os seres humanos somos moi manipulables, tendemos e acomodámonos na rutina, nas vellas pautas, repetimos mecanicamente aquelas que van ben. Pero a Cultura é moito máis que tradicións, supón investigación, creacións, relacións.... Por algures desbotaremos o lastre. E para eso están os estudosos de cello engurrado, os especialistas da macroeconomía, os rimbombantes analistas das conxunturas do fenómeno económico na busca dunha "liña de evolución firme". Teimudos neso do análise dos compoñentes das series temporais económicas: tendencias, ciclos, estacionalidade, irregularidades...etc, etc... A cuestión do fluxo, a busca do reequilibrio socioterritorial.... Os asesores dos asesores dos gobernos contratan os seus servizos, os seus informes para ocupar cartafoles que pasan a cubrir os andeis baleiros dos despachos e todos fican satisfeitos de ter aportado volume de papel. Teorías que, cando se elaboran, moitas delas xa "caducan" na súa aplicación e compren novas "revisións". Os retos son máis sutís, móvense de presa, como as cóbregas, as circunstancias mudan axiña. E veña a rutina burocrática, novas estratexias, novas accións, máis teoría con epígrafes diferentes: novos plans de dinamización, de competitividade de destinos... Algo como o absurdo conto da boa pipa: "¿Queres que che conte o conto da Boa Pipa?. -SiiiiI! .- Eu non che dixen que si, soamente che dixen que si querías que che contase o conto da Boa Pipa- ¡¡¡Nooooommmm!!!!.- Pero eu non che dixen que non, soamente che dixen si querías que..." ¡¡¡ Cala o conto ese e vai pro carallo dunha vez!!!. Así remata a cousa e pode ser tamén un novo principio. E Vicente sigue indo onde o arrastra a xente. E é alí onde hai algo ou alguén que move a vida.
O contexto espazo tempo inflúe na mobilidade, o clima pesa moito e condiciona o traballo, os comportamentos, o ocio e o negocio. Nesa interacción paisaxe paisanaxe faise e desfaise o tear da Cultura, a identidade, a distinción fronte á uniformización. Compre previr, arranxar solucións para anovar a rutina establecida de días feirados, hábiles e movibles. E velaí que unha cousa é o discurso, o que se predica ou escribe -falar non ten cancelas e o papel trema de todo- e outra é o que pasa nos escenarios da vida e arredor de nós. Conviven as teorías coa ofrenda dos ovos a Santa Clara ante o temor da treboada que pode rematar coa feira e a romaría, moitas ansias perderanse entre a lama. É o que campa hoxe nestas latitudes e por aquí: movémonos polo principio dos réptiles, os que saen á quentura do sol que máis quenta. Concentración parcelaria festiva ó redor do quince do mes de agosto.
Con pedanterías e retóricas repetimos que o que compre é desestacionalizar. Non vai ben infartar o sangue vital da oferta e da demanda nuns días do ano. Todo se atúa e atranca nas procesións da "temporada alta": as estradas, as cidades, os hoteis, as praias, os montes... e pese á riada aínda hai quen persiste no esquema comercial do calendario escolar do "pechado por vacacións" e vaise a onde tamén está "pechado por vacacións", incluso a oficina de información turística, o museo, o teatro... No fluír de consumidores medran as oportunidades no mercadeo. Cousa ben sabida na tradición galega, nacida da encrucillada, do camiño e dos portos: pero tamén se sabe e faise que as feiras e as romarías se repartan en equilibrio ó longo do ano, incluso en tempos fríos, venteados ou chuviñosos. Sempre hai motivo para provocar e chamar á concentración e celebrar algo: créanse atractivos motivos arredor dun mito, dun santo ou dun produto gastronómico ou artesanal e con isto espazos adecuados e cubertos para o encontro e as transicións, máis alá da carballeira, do campo da feira, nas lonxas, nas prazas de abastos... Pero as cousas moito teñen mudado e seguirán, especialmente ó facernos aditos e impulsivos consumidores, seguidores da propaganda do anuncio que nos bombardea a todas horas e de todos os xeitos, virando as tendencias, promovendo unha nova rutina, a dos robots. Dalgún xeito entramos ó trapo e rematamos picando nos seductores sistemas do mercadeo global. Novos comportamentos, pois novos i atractivos escenarios.
E no engranaxe desa máquina rutineira seguimos e veña o acugulamento de pretextos para o encontro: festas patronais en honra dos santiños e santiñas, mitos, ritos, gastronómicas, dedicadas ós produtos enxebres, á rememoración histórica e outras miméticas carnavaladas a experimentar e a sumar, as que poñen a proba a invención e a ilustración municipal. O caso é que agosto ferve e compre saber repartir. Un xa non sabe o que escoller e que camiños tomar, non sabe onde i en que festa parar. A competividade aumenta, os uns chaman polos outros, ¿e como non? todos e dalgún xeito esperpéntico queren figurar no "Guinnes world records" para logo mercar e seguir ampliando as edicións do libro máis vendido. Agosto é unha gran feira en Galiza, a gran procesión na que tropezan todas as esencias tradicionais xunto ás de antúltima hora. Pan para hoxe.
Os resultados da desestacionalización dependen dun fondo e integral coñecemento dos recursos propios, do seu estado da cuestión, das tendencias e de saber competir, seducir, atraer, con calidade, autenticidade, do saber facer fronte as sinerxías globais, valéndose do produto propio, natural, que non é circunstancial, sempre estará aquí: o camiño de Compostela, as feiras, as romarías, as festas, a variedade da gastronomía, os viños (que é viticultura e vinicultura), os queixos e os pans nosos de cada día... os balnearios ( que tamén son talatoserapia, o termalismo...), o patrimonio cultural, tamén o inmaterial... pero compre que tal riqueza se rehabilite do esperpento, adecuar os espazos de encontro amplos para a revitalización, para burlar ós imprevistos meteorolóxicos. Países con mais dificultades téñeno feito: atractivos i emblemáticos multiusos, estadios cubertos... e para iso están as políticas de goberno para saber planificar e xestionar pasado presente e porvir en base ás posibilidades. Dos cidadáns depende. Polo demais o San Roque, o polbo, os Irmandiños, a Maruxaina, a Coca, a feira de Santos, o Nadal, o Entroido, etc, etc, etc... poden seguir sendo un argumento para dar vida ó longo dos días do almanaque.