Desinterese e falta de compromiso da Consellería de Cultura coa arqueoloxía de Lugo


Foi moi comentado o contido do último Consello da Xunta do bipartito, porque o único asunto aprobado era a declaración dunha festa gastronómica como Festa de Interese Turístico. Aínda que con toda a lexitimidade do mundo aquel Goberno podía aprobar o que quixese, nun acto de elegancia por estar en funcións non tomou ningunha decisión que puidese hipotecar ao que lle ía a substituír.

Despois veu a Xunta monopartita de Feixóo que converteu a excepción en norma xeral, de maneira que agora é habitual que os consellos da Xunta sexan actos elegantes nos que os acordos redúcense á aprobación de trámites burocráticos, sen que se vexan iniciativas investidoras que contribúan ao desenvolvemento do país.

Atrás quedaron as promesas e os milagres dos mitins que non se ven materializadas por ningunha parte. E isto ocorre cando os flamantes gobernantes, que por certo ninguén coñece, levan xa media lexislatura consumida, e dicir, dous anos.

A parálise da Consellería de Cultura

Nun artigo anterior fale do potencial arqueolóxico de Lugo e puxen algúns exemplos, como o Centro da Romanización, que non existe; as termas, pendentes de continuar as escavacións e musealizar; o castro da Piringalla, sen tomar unha decisión ao respecto, e o mosaico de Batitales descuberto en 1842, hoxe musealizado en parte.

A actitude da Consellería de Cultura con Lugo, e en especial a dirección Xeral de Patrimonio, é patética. Sendo como é a cidade máis importante arqueolóxicamente de Galicia, o director xeral, José Manuel Rey Pichel, puxo os pés nela por primeira vez a mediados do ano pasado invitado pola Universidade para asistir á inauguración do Edificio Museo e Casa do Coñecemento, cuxas obras comezaron cunha escavación arqueolóxica no ano 2000, na que apareceron unha domus ou casa romana, e un templo dedicado ao deus Mitra. A excepcional importancia dos achados fixo que se tivese que reformular o proxecto arquitectónico e que se decidise musealizar os restos para o que se asinou un convenio entre a Universidade, o Concello de Lugo e a Consellería de Cultura.

O anterior director xeral de Patrimonio, Felipe Arias Vilas, deixou todo preparado para que se abrise ao público no mes de xuño de 2009. O seu sucesor manifestou no referido acto de inauguración que a musealización estaría lista para finais de 2010, e agora xa se nos di que o será para o 2012.

Nunha situación similar están as termas, declaradas BIC, que levan máis de dez anos pendentes de que se continúen as escavacións e que se musealicen. O propietario do balneario no que se atopan, chegara a un acordo verbal con Felipe Arias para facer a musealización ao cincuenta por cento. O propietario decidiu comezar pola parte que está dentro do edificio que financiou. Cando lle expuxo a Rei Pichel o compromiso que había, non o considerou válido porque non estaba escrito. A este tipo de políticos, encargados de velar polo noso patrimonio, hai que quitarlles o chapeu.

A terminación da recuperación da Fonte da Porta Miñá, de finais do século XVI, unha parte do corpo de garda da muralla nesta zona, as importantísimas escavacións inmediatas a este lugar, todo está paralizado desde que o PP está na Xunta, grazas ao desinterese dunha consellería titulada de Cultura e Turismo. E todo isto ocorre nun monumento declarado Patrimonio da Humanidade e no seu contorno.

Exposición "A Domus do Mitreo"

Pero estes bos administradores son dos que "nin comen nin deixan comer" de maneira que ao ver que non se facía a musealización da Domus e do Mitreo, a Universidade pediu autorización para utilizar algúns dos materiais achados na escavación para mostrar nunha exposición que esta aberta na sala de exposicións da Vicerreitoría, e que conseguiron despois de dar moitas voltas. Nela hai unha selección de pezas dos varios miles que apareceron nas escavacións do solar feitas no ano 2000, e que abarcan estratos que van desde o ano 27 a. de C., os máis fondos, ata os máis superficiais que se corresponden co século XX.

Apareceu unha domus ou casa romana, que se organiza arredor dun patio interior. Cara o ano 284 d. de C., a casa sufre unha reorganización creando unha serie de ámbitos privados, entre o que destaca o mitreo, un espazo rectangular cunha nave central bordeada por cinco pilastras que sustenta a cuberta. O nicho do culto tivo unha estatua de bronce dedicado ao deus Mitra matando ao touro. A peza máis importante é a ara dedicada ao deus polo centurión da Lexio VII Xemina Antoniniana, Victorius Victorinus.

A partir da construción da muralla, cara ao ano 270, a casa foi expropiada, destinándose a parte non afectada a outros usos. Na Idade Media a casa desaparece, faise unha calzada apegada a muralla e un cemiterio que se utiliza no século XII. Tamén aparecen evidencias de que este espazo se utilizou como taller dos canteiros que traballaban para facer a catedral románica.

A fins do século XVIII, coa nova fachada da catedral, remodélase o adro, fanse as casas acorde coa importancia da nova obra, entre as que está a que foi de don Pedro Pablo Montenegro, sede actual da Vicerreitoría.