Desde Cantares gallegos, unha literatura de afirmación nacional
29 de abril de 2010 (00:01 h.)
Polo menos desde o momento que tiven conciencia do meu país, nun sentido crítico e profundo, non deixou de preocuparme que senten ou que sentimos os galegos cara a Galiza, que somos e como nos integramos no mundo. Estamos moi lonxe aínda de vivirmos nunha situación en que se asuma dun xeito espontáneo e natural a conciencia galega, que permanece solapada nunha superior omnipresente, a española. A maioría das veces, cando un mozo/a chega a reparar neste dilema, non sen poucos conflitos, acaba facendo descobertas que teñen dimensións de revelación.
No meu caso, esta descoberta produciuse, en boa medida, coa axuda da literatura galega. Por iso teño claro e comparto a afirmación de que se hai algo que, por riba de todo, define a literatura galega é a vontade de reafirmar a existencia de Galiza, da pervivencia da súa lingua; en síntese, que é unha clara expresión de patriotismo.
Iniciaba a anterior colaboración cunha aproximación ao significado do termo patriotismo na nosa literatura, fundamentalmente en dous dos teóricos máis relevantes do nacionalismo galego, Castelao e Ramón Vilar Ponte. Como é lóxico supoñermos foron moitos os cabos que ficaron soltos naquela achega e cómpren matizacións e ampliacións. Curiosamente, neste mes en que andamos, o ministro J. Blanco volveu a tirar do termo e descalificou aos que practican un patriotismo de folladelata; retrucou Feixóo cun suposto verdadeiro patriotismo, con certeza ambos os dous de filiación españolista. Non creo que nos interesen as concepcións nin dun nin doutro, máis próximas á idea rexional da patria chica, que vive en harmonía con la madre patria. Nunca caímos en mistificacións nin en renuncias por pruritos progresistas: o patriotismo dun nacionalista galego camiña en sentido diverxente ao dun españolista; é a antítese do Todo por la patria, que reza nos cuarteis militares e da garda civil. Chama a atención, porén, a facilidade con que o usan a inmensa maioría de homes e mulleres dos países de América do Sur (incluso os disidentes cubanos de Miami) e mesmo doutras latitudes.
Para un nacionalista galego, o patriotismo é un sentimento de identificación con Galiza tan amplo e tan fondo, que ten a ver con todos os trazos diferenciadores da nación: lingüístico-culturais, políticos, sociais, económicos, históricos... O contrario de calquera vía que conduza á españolización ou ao cosmopolitismo
Galiza ti non tes patria
Así o entendeu tamén Rosalía de Castro, cando con Cantares gallegos, sentou os alicerces da moderna literatura galega en 1863. O 17 de maio dese ano asinaba a dedicatoria deste libro, considerado cardinal na literatura galega por Carvalho Calero. Resulta sorprendente que unha moza de tan só vinte e seis anos, como era Rosalía cando se publican os Cantares (algún poema como Adiós, ríos xa vira luz en prensa dous anos antes), fose quen de compor proclamas de tan afervoado sentir patriótico. Non en balde, o propio Murguía sinala este nobre empeño ao considerala a "verdadeira reveladora da alma do seu país". Desde logo, este é o fío condutor de todo o libro e o que cómpre salientarmos da intervención inicial da autora no prólogo e da meniña gaiteira no remate. Xa se ten advertido que o termo "patria", moi usado naquel intre, prestábase a certa ambigüidade e admitía diferentes graos de identificación. Porén, vai ser Rosalía mesma a que deite precisión sobre os referentes de afirmación e de negación que tal uso conleva.
A gaita gallega é un dos exemplos máis rotundos e ilustrativos: "Galicia, ti non tes patria, / ti vives no mundo sola". Unha verdadeira constatación do camiño a seguirmos: "Galicia é a patria en si mesma; non agardemos amparo e axuda alleos, non agardemos que a salvación veña de fóra. Temos que valernos por nós mesmos". A denuncia dos males do pobo galego ("prole fecunda"), convertido por designios do Estado en "errantes hordas" (a integración de Galiza como periferia exportadora de materias primas e man de obra barata). Como consecuencia lóxica do dito, a negación e denuncia da subordinación de Galiza ao Estado español ("Probe Galicia, non debes // chamarte nunca española, / que España de ti se olvida").
A resposta á visión deturpada de Galiza comeza polo propio prólogo, acusando aos que desde o poder central consideran o galego idioma bárbaro, o noso pobo torpe e rudo e aos que desde dentro cometen "erros que manchan e ofenden a súa patria". Fronte a simplificacións e estereotipos sobre Galiza, Rosalía ofrece a visión empírica de diferentes terras de España que ela visitou (Castela, Extremadura, Murcia,...) E considera que Galiza é "competidora en clima e galanura cos países máis encantadores da terra". ..."veigas floridas, vales, montañas, ceos azuis e serenos como os de Italia, horizontes nublados e malencónicos anque sempre hermosos como os tan alabados de Suiza, ribeiras apacibles e sereniñas, cabos tempestuosos que aterran e admiran pola súa gigantesca e xorda cólera..., mares inmensos"."Galicia é sempre un xardín onde se respiran aromas puros, frescura e poesía..." A intención é ofrecernos unha visión pangalaica, que sirva de desabafo mesmo contra moitos dos tópicos estendidos na literatura española nos séculos anteriores (paisaxe, costumes, mulleres e homes) e que aínda perduraban. Reacción contundente contra a destrución, contra os que aldraxan a Galiza sen a coñecer e, o que aínda é peor, contra os que a aldraxan coñecéndoa.
Patria, Natureza e Pobo
Hai máis neste enaltecemento e nesta invitación insistente a sentir a natureza? Por que a natureza se mostra tan poderosa e sublimada, ás veces tan anceiada?
Algo debe ter a ver coas aspiracións rosalianas á liberdade.
Está claro que Rosalía une maxistralmente a denuncia da opresión das mulleres e a denuncia da opresión da súa patria. Partindo dese contexto, parece evidente que un dos primeiros espazos vedados á muller era o disfrute da natureza. Se se tratar dunha natureza vizosa, propia dunha terra fecunda e dunha paisaxe caprichosamente modelada como a nosa, temos razóns para pensar que os desexos de disfrutala serían maiores e, polo tanto, un suplicio máis grande. As mulleres -e Rosalía tamén o expresa- teñen que sentirse engaioladas nos espazos que a norma establecía. Nunha carta a Murguía confésalle nunha ocasión que, se for un home, nun día tan fermoso como aquel, estaría saíndo ao monte, mais como é muller ten que contentarse con ficar encerrada no seu salón. Engaioladas como paxaros, e tales imaxes usáronse -non sabemos se deliberadamente ou non- para simbolizar a vida (cantar/liberdade/voar) da que Curros chamou musa dos pobos: ruiseñor, rula...Como á muller, privada de liberdade, tamén aquí á patria se lle negaba a liberdade, a valía (paisaxe, lingua, costumes).
Mais o fundamento do libro é expresión da vitalidade dun pobo, que se manifesta nas súas peculiaridades, que mantén os seus costumes, que sabe divertirse e amar... Un pobo que traballa con agarimo a súa terra, que vive en harmonía con ela e que foi modelando laboriosamente ao longo dos tempos unha paisaxe agraria. Ou un pobo que sabe vivir tamén do mar. Esa ansia totalizadora do galego percíbese ben no poema Nosa Señora da Barca, farto de colorido, e verdadeira peregrinaxe da xente das vilas costeiras (mozas de Muros, Camariñas, Cee, Laxe, Noia ou de onde for).
Murguía, no capítulo dedicado a Rosalía en Los Precursores, amósanos cal era a disposición anímica da autora naquel momento e maniféstanos que era a súa intención contribuír coa súa literatura ao espertar da conciencia nacional, cun libro "fillo do exaltado amor ao país". Non era facer unha interpretación paisaxística ou un contributo sen máis ao folclorismo costumista. Si o coñecemento dos sentimentos populares, da poesía popular e da lingua galega. O propio Murguía alude en varias ocasións á vontade patriótica que motiva a autora a escribir este libro.
Esa mesma vontade, aínda que teña perdido a esperanza dos tempos de mocidade, perdura en Follas novas, que ten como fin último "buscar o natural agarimo nos corazóns que sufren e aman esta querida terra de Galicia". E ao remate da súa vida, cando agarda un rexurdir da patria como o de Lázaro, cun fervoroso "yo no quiero que mi patria muera", senón que se diga ao mundo "que Galicia existe" (En las orillas del Sar). Dúbidas que tamén asaltan a Curros, considerado por Murguía "alma xemelga" de Rosalía, cando na súa derradeira viaxe a Galiza en 1904, lle fai unha sentida ofrenda a esta, recollida no poema Na tumba de Rosalía
Non quero concluír sen reiterar que neste abano de sentimentos, de amor á patria, se atopa un dos trazos máis representativos da nosa literatura, desde Cantares gallegos, pasando por Curros ( "na unión dos bos galegos está da patria o porvir"), Cabanillas, os membros da Xeración Nós, Manuel María, Blanco Amor (que aludía a un "patriotismo social"), Uxío Novoneyra ("É xa hora de que señas toda patria dos teus / dos que gardaron a fala"...). De Rosalía a Novoneyra e a tantos outros..., Non renunciamos á patria galega!