Denuncia a ICOMOS polas obras que a Xunta desenvolve nos Camiños Norte e Primitivo de Santiago

Denuncia a ICOMOS polas obras que a Xunta desenvolve nos Camiños Norte e Primitivo de Santiago

Aínda que pareza inconcibible a experiencia e os feitos evidencian que o peor inimigo do patrimonio cultural son algunhas administracións públicas ás que as leis responsabilizan da súa protección, un contrasentido escandaloso, pero real. A súa actuación pódese resumir en manga ancha para as obras que promoven e "pau e tente teso" co particular, para demostrar esixencia co que acaba converténdose nunha administración sectaria, perigosa e inoperante por non cumprir coa finalidade para a que está, que é a resolución razoable e rápida dos problemas cos que se atopan os bens culturais, mobles ou inmobles, materiais ou inmateriais.

Vén isto a conto da actuación da Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia nas obras que está realizando, e as que sacou a concurso en agosto, mes moi apropiado para limitar a concorrencia de licitadores e a contestación, para facer o que eles chaman "un camiño para ou século XXI", que vén ser converter os antigos camiños, en pistas polas que poidan circular vehículos de tracción, utilizando para iso o eufemismo de " recuperación, sinalización e melloras dos Camiños Norte".

Para iso os actores deste disparate pretenden abrir cunetas, gabias, facer ramplas, escaleiras de acceso, etc, nos Camiños Primitivo e Norte. A isto hai que engadir que con este pretexto aproveitan as obras para consolidar os tramos alternativos aos orixinais e aquelas alteracións ou desvíos feitos nos últimos 20 anos, co que se oficializa o novo trazado en detrimento do orixinal, que é o que defende a UNESCO, e que está recorrido nos tribunais por máis de vinte asociacións e colectivos de Galicia e de Asturias integrantes do Foro do Camiño, destinado a defender en todos os seus termos as rutas históricas dos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.
,Unha visión exclusivamente mercantilista

A visión que ten a Xunta do Camiño é exclusivamente mercantilista, de maneira que están masificando os camiños, privándoos da súa esencia e converténdoos nun parque temático do que é un bo exemplo o esperpento da Praia das Catedrais.

Segundo o profesor Ricardo Polín, un dos especialistas máis solventes do Camiño Primitivo, están urbanizando os Camiños de Santiago, co único obxectivo de favorecer o mercado/comercio do Camiño, acumular miles de peregrinos nas cifras finais do ano, sen que lles importe deixar ao carón a esencia destas vías medievais:

"Xa non se trata de desviar a traza, ou de non querer recuperar o seu territorio asociado e os seus valores; agora trátase de rachar co espírito propio dos camiños de Santiago (peregrinaxe, espiritualidade, recollemento, tradición, simbolismo, etc.). Agora vai ser unica e exclusivamente un camiño para o turismo e para o comercio, un camiño de pastiche e superficial, que nada ten que ver coa peregrinaxe ou coa conexión coa tradición, a natureza ou o patrimonio".

Os que somos camiñantes e fixemos tramos de varios dos camiños de Santiago, que en esencia veñen ser as antigas vías romanas, apreciamos a beleza do camiño como tal, e aborrecemos os tramos que desapareceron devorados polo asfalto, por incómodos, perigosos e faltos de beleza e tranquilidade, ou que foron usurpados ou desviados por intereses particulares ou políticos faltando ao rigor histórico. Pero ademais, a esencia do camiño de peregrinación é espiritual, sexase ou non crente. Evidentemente os camiños son públicos e poden andar por eles os xa coñecidos como "turigrinos", pero o que non debería facer a administración é fomentar esta clase de usuarios e destruír a esencia dos camiños urbanizándoos, e polo mesmo, malgastando o diñeiro público. Os camiños só necesitan estar ben sinalizados, limpos, restaurar as súas pechaduras e vexetación autóctona, conservar e mellorar a paisaxe, os monumentos, as casas dos núcleos rurais por onde pasa e a súa estética. Nisto é no que hai que investir.

Denuncia a ICOMOS

Ante esta actuación da Xunta, pasiva durante tres anos e activa en vésperas das eleccións autonómicas, presentouse a correspondente denuncia ante ICOMOS, organismo asesor da UNESCO, para que interveña ao estar declarados estes camiños como Patrimonio da Humanidade.

No escrito de denuncia faise fincapé en que no ano 2007 ICOMOS-España fixo un informe para a UNESCO en relación co enfoque que deben de adoptar os organismos públicos, e en concreto a Administración galega, para preservar na súa integridade o valor cultural e a significación espiritual dos camiños históricos a Santiago de Compostela. Neste informe advírtese do compromiso cívico e moral que asume a sociedade para evitar a trivialización e garantir a súa categoría como ben Patrimonio da Humanidade.

Nel dise que os camiños son un itinerario cultural de significado universal, con especial relevancia para Galicia onde se atopa a súa razón de ser, e por iso, as súas autoridades deberían de poñer maior esmero na pervivencia do seu trazado físico, así como a dos bens asociados á súa existencia. Tanto os valores patrimoniais tanxibles, é dicir, o camiño físico e os demais bens mobles e inmobles que o conforman, como os intanxibles ou espirituais, son parte do camiño que deben protexerse e conservarse en toda a súa autenticidade e integridade si se quere salvagardar e transmitir a esencia e o significado do Camiño.

Só desde o respecto á autenticidade da traza se pode entender a proliferación de espazos culturais e a humanización do seu territorio cuxo aspecto se debe axustar á tradición oral mediante a cal numerosas xeracións de camiñantes e xentes do seu contorno retrataron con detalle a calzada milenaria e as súas vivencias.

Estes valores espirituais que conforman os camiños xacobeos a través do tempo, están sendo gravemente agredidos coas actuacións promovidas desde a Xunta de Galicia ao atentar contra a fisonomía tradicional do camiño, alterando o seu soporte físico poñendo en cuestión a supervivencia do contido espiritual, e os seus valores históricos e culturais.

Os denunciantes entenden que estas actuacións vulneran a propia definición legal do Camiño de Santiago, Lei 3/1996, de 10 de maio, de protección dos tramos dos Camiños de Santiago como ben de dominio público con carácter cultural e categoría de territorio histórico, ao atentar agresivamente contra a natureza patrimonial da súa calzada.

Este modo de proceder da Xunta evidencia que se concibe o Camiño só como un elemento funcional desprezando o itinerario físico das calzadas históricas, de maneira que non só se desnaturaliza e transforma o camiño, senón que tamén se urbanizan espazos rurais tradicionais.

Esta visión meramente turística e mercantilista dará lugar a un novo camiño reedificado en 2016, presentando esta actuación ante o público como un gran avance en canto á potenciación das rutas xacobeas, facendo fincapé a administración no incremento de usuarios e a repercusión económica que iso ten para a iniciativa privada, ocultando con iso a escasa ou nula xestión na protección efectiva do territorio vinculado ao Camiño.de Santiago e omitindo o feito de que se trata de camiños de peregrinación ligados a un proxecto de carácter espiritual, histórico e cultural, incompatible coa especulación comercial que se pretende facer dos mesmos pola que apostou a Xunta ao derivar a súa xestión desde a dirección xeral de Patrimonio Cultural á Axencia de Turismo de Galicia que será a encargada de elaborar o Plan Director e Plan Estratéxico dos Camiños de Santiago en Galicia, establecendo como criterio para a selección de proxectos a concurso os coñecementos en promoción turística.

Por todo iso pediuse a ICOMOS-España que adopte as medidas necesarias para evitar a realización das obras licitadas e que traslade un informe á UNESCO para que actúe con urxencia para evitar que os camiños Norte e Primitivo a Santiago perdan os méritos e valores polos cales foron declarados Patrimonio da Humanidade, e que se evite o predominio especulativo e comercial do camiño fronte á súa condición de senda de peregrinación e de contacto coa natureza e o seu territorio cultural e simbólico asociado.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.