Da árbore á cadeira


Unha vez máis, e para contribuír á amortización do complexo da Cidade da Cultura, fun visitar a exposición "Da árbore á cadeira", que estará aberta ata o 5 de novembro no mal chamado "Museo".

Tres cousas me chamaron a atención nesta nova visita. Primeiro que para chegar ao tal "museo" hai que circular por un corredor valado, pois o recinto parece que se atopa en obras, de maneira que un sente a sensación de ser un curioso que entra furtivamente nun lugar onde un letreiro lle advirte "Prohibido o paso a toda persoa allea ás obras", e por suposto un bota en falta poñerse un casco na testa para protexerse do posible impacto dunha pedra desprendida.

A outra cuestión é a incorrecta e enganosa denominación que a Xunta fai do edificio destinado para facer as exposicións. Está perfectamente regulamentado o que é un museo e por iso a Consellería de Educación e Cultura debería ser a primeira en esixir, ou que o tal edificio sexa un auténtico museo, ou que se lle chame centro de exposicións. Non é presentable ignorar o que a administración esixe aos demais, cousa por outra banda e bastante frecuente nas administracións públicas cando elas mesmas son as afectadas. O que hai no Gaiás non é un museo, senón un edificio que se utiliza para exposicións temporais.

A terceira é a decadencia das exposicións que se montan no tal "museo", non sei si `por falta de orzamento, dunha dirección competente, ou de comisarios con ideas máis claras, ou pot calquera outra causa. Son consciente do que dicía o escritor latino Publio Terencio Africano "tantos homes, tantos pareceres: cada un ten o seu xeito", ou a súa opinión. Xa que logo expreso a miña, porque como contribuínte teño dereito a facelo.

,Unha exposición deficiente

A exposición "Da árbore á cadeira", comisariada polo arquitecto Carlos Seoane, segundo se di no folleto que se entrega, trata de "amosar as dúas vidas e narrativas da madeira: como produto da natureza e como elemento moldeado polo home. Do bosque ao moble contemporáneo". Quizá sexa moi rotundo, pero a min me pareceume unha exposición deficiente, a peor de cantas ata agora se montaron no citado macro espazo.

O tema dá máis de si, podíaselle sacar máis partido, tanto como, por exemplo, a exposición que se dedicou a Auga, e que ocupou desde a planta baixa ata a terceira. Neste caso só hai dous andares, que serían suficientes si a mostra estivese máis elaborada, pero neste caso quedouse curta.

Si se quere promocionar a Cidade da Cultura, non se pode facer ir ao visitante a ver só iso porque sairá defraudado e xa que logo a súa opinión será negativa tanto para os autores, como para os xestores e a institución.

A exposición comeza cuns enormes troncos de castiñeiro, da finca Galea de Alfoz e da colección de Xaquín Lorenzo (Xocas), un en proceso de fosilización, que de seu sorprenden por ser unhas extraordinarias esculturas esculpidas pola natureza e o paso do tempo, dunha gran forza plástica, con entidade propia, dignas por iso de estar soas ante a mirada do espectador, sen necesidade de estar aprisionados por unha enorme estrutura de madeira que trata de ocupar en altura o enorme volume da sala, o que fai que se converta en protagonista, de maneira que o principal, que eu penso que son os trocos, pasan a ser o secundario.

A montaxe é confusa, non se sabe moi ben si se trata dunha exposición de instalacións, algunha estéticamente aceptable, como os dos cadros dos vermes e o panel de follas e ramas, de Jorge Perianes, con cadeiras que se perden visualmente montadas sobre unha chea de tacos de madeira. Ata hai un panel cuns mapas mal iluminado pois cando un se para a velos proxecta a súa sombra sobre del por estar iluminado pola fronte, coma se non se tivese que parar diante o espectador.

A selección de pintores e pinturas, ou de paisaxes que mostren a nosa riqueza arbórea, podía ser máis diversa e escollida, pois os nosos pintores novecentistas pintaron os piñeiros, os eucaliptos, os castiñeiros e os carballos.

Hai pintura contemporánea que, sen desmerecer a súa calidade, pola súa temática abstracta, o mesmo vale para esta exposición como para outra. Das fotografías as que máis me gustaron foron as dos biólogos, magníficas. E o mellor de todo, os vídeos pola beleza das paraxes que mostran.

Falta cacumen

Si, non só falta agudeza, senón tamén competencia. Os responsables deste despropósito do Gaiás, que os galegos temos que manter e financiar, deberían reflexionar, unha vez máis, sobre o que queren facer con el. Xa nunha ocasión escribín a raíz da crébaa da Nova Caixa Galicia, que as súas coleccións de arte, hoxe reunidas na denominada Colección Afundación, constituídas fundamentalmente por obras de artistas galegos modernos e contemporáneos, deberían pasar a formar ese Museo do Gaiás. Co diñeiro que se leva gastado nestas exposicións podíase facer. Sería unha inversión rendible.

Escribín naquel momento o seguinte:

Como non hai mal que por ben non teña, perdida a galeguidade do aforro, fagamos agora un esforzo para non perder o que foron acumulando as antigas caixas de capital cultural que tamén ten un valor no mercado, aínda que posiblemente menos do que se cre. Porque se á vista do resultado final xa ninguén dubida de que a xestión de ambas as caixas deixou moito que desexar no económico, tamén tivo as súas sombras e deficiencias a adquisición de obras de arte por parte dos responsables das coleccións
.

Referíame ás falsificacións de obra de Maruja Mallo denunciadas non seu día por Isaac Díaz Pardo e polo irmán da pintora, Cristino Mallo, pero que foron dadas como auténticas polos tribunais porque á funcionaria da Xunta Pilar Corredoira, como experta, dixo que eran auténticas.

As obras parece que foron feitas por un pintor chinés chamado Pei-Shen Qian residente en Queens que traballaba para o presunto estafador guitiricense José Carlos Bergantiños Díaz e a súa parella Glafira Rosales que fundaron a empresa King´s Fine Arts, e que estafaron a coleccionistas durante anos vendendo obras falsas de pintores contemporáneos.

Claro que a Directora de Acción Cultural na Fundación Cidade da Cultura, María Pereira Otero, tamén se columpiou cando era a responsable cultural de Caixanova coa exposición da colección do suizo Jean Zanchi, que se presentou en Vigo, Ourense e Santiago, na que a peza protagonista dicíase que era a única escultura en bronce de Miguel Anxo, acompañada de obras de famosos pintores como Caravaggio, Cozzarelli, Rubens, Turner ou Van Dyck, entre outros, que segundo expertos tamén eran falsos.
O que nos terían que explicar os políticos responsables da Cidade da Cultura é porque cos cartos de todos temos que premiar e ben pagar a incompetencia.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.