Curros Enríquez en Euskal Herria e o bersolari Bilintx


No ano 1874, en pleno auxe da Terceira Guerra Carlista, Curros Enríquez escribe o poema Oda a la Guerra Civil que envía o diario madrileño El Imparcial; un poema antimilitarista no que exhorta aos contendentes a abandonar as trincheiras e que foi publicado en Los Lunes del Imparcial o día 3 de xullo dese mesmo ano:

Héroes que en inhumano
combate, confundidos como fieras sois el oprobio del linaje humano la enseña de la paz llevo en mi mano ¡yo os mando abandonar esas trincheras!

Esta oda supúxolle un premio de quince pesetas e vinte e cinco exemplares do xornal, pero ademais a dirección do periódico mandou buscar ao autor para ofrecerlle un posto na redacción. El acepta e, debido á forza expresiva que había naqueles versos, foi enviado a Euskal Herria como cronista de guerra no nadal de 1875.

O primeiro de xaneiro de 1876 atópase en Donostia e acorda ir camiñando a Hernani para informar dos danos causados polos ataques carlistas. Segundo Carlos López-Keller Álvarez nese treito foi atacado dende catro trincheiras carlistas. A partir de aí empeza a mandar as Cartas del norte ao diario madrileño; aborrece aquela guerra civil e colle amistade co gran bersolari vasco Indalecio Bizkairrondo Ureña, mais coñecido como Bilintx ou Vilinch, nacido en Donostia en 1831. Liberal e anticarlista como Curros1: Vilinch ten 45 años, empregados na súa maior parte procurándose un porvir honrado e defendendo a liberdade coa pluma e co fusil, diría nunha das súas crónicas. Era un home ao que a vida non tratou precisamente moi ven, pois xa na súa infancia sufriu un accidente que lle deformou o rostro, polo que tamén lle chamaban Moko (Pico); mais tarde, nunha sokamuturra2 sufriu a collida dun touro que lle causou graves feridas nas pernas que o deixaron coxo para sempre.

Curros, era un gran admirador da poesía deste bersolari que, segundo el, cantaba versos contra os carlistas e a favor dos Fueros, aínda que non desdeñaba os versos amorosos. O de Celanova afirmaba que ...hai en San Sebastián un poeta eminentemente popular, fillo deste país, escaso en instrución, pero dotado de privilexiadas luces..., o que tamén confirma José Manterola no seu Cancionero Vasco cando di: Hombre de escasa instrucción, era un bardo solitario a quien la poesía se revelaba espontáneamente... O donostiarra era moi descoidado a hora de gardar os seus versos e gracias o autor dese cancioneiro salváronse moitas das súas poesías que lle pediu persoalmente a súa viúva.

Creo que o noso bardo non sabía éuscaro e non sei como podía medir a calidade dos versos do seu amigo, pero el afirmaba que ...cada unha das súas poesías é unha xoia para os que saben estimalas e coñecen as belezas da lingua na que están escritas. Para el, ...esta produción que fascina, alaga e seduce a todo aquel que a escoita menos a el. Todos no seu ouvido ou na súa memoria conservan algo dela menos seu pai..., porque probablemente tiña, como todo bo poeta, un don especial para apreciar a beleza da poesía en calquera outro idioma.

No padrón municipal de 1972 dise que Bilintx vivía na rúa Mayor, 3, no Teatro Viejo, do que era conserxe e que dispoñía dunha vivenda na parte de arriba que el mesmo solicitou cando empezou a desempeñar ese posto. O día 20 de xaneiro de 1976, día de San Sebastián, cando estaba nesa vivenda do Teatro, ao lado da súa dona e dos seus fillos aínda pequenos, foi ferido por unha granada que entrou por unha ventá e que, segundo escribiu o propio Curros no Imparcial seis días mais tarde, ...deulle nas pernas, entre os nocellos e os xoenllos. Ao saber Curros a desgraciada noticia acudiu a visitalo: Cando souben, onte mesmo pola noite, eu, que coñecía ao nobilísimo Vilinch por varios dos seus cantares e por referencias das persoas máis ilustradas desta capital, acompañado do meu bo amigo D. Cirilo Latierra fun a súa casa, rúa do Puerto3 núm. 5, e o que entón sentín aínda o lembro con dolor.

Tras seis meses de sufrimento, durante os cales foi visitado varias veces polo seu amigo, falecía o 21 de xullo de 1876: O pobre Vilinch morreu, vítima do profundo pesar que o aflixía, o mesmo día que se firmaba a abolición das liberdades vascas que tantas veces cantara... escribiu o noso poeta.

O pasado día 8, en Outeiro de Rei, lembreime de que Manuel María tivo en Gabriel Aresti o gran amigo vasco, que traballaron conxuntamente para irmandar aos dous pobos, e a similitude con Curros Enríquez, que atopou en Bilintx ese amigo que lle ía facer mais doada e amena a súa estancia en Euskal Herria, que compartía con el alegrías e pesares ao ser ambos os dous loitadores pola liberdade. Si para Curros, cando desaparezan tódolos os idiomas do mundo, o único que sobrevirá será o galego, para Aresti o seu idioma éuscaro é como a auga nas vellas cosmogonías, na que resulta ser un dos catro elementos que compoñen o mundo, dicía Manuel María e será verdade, porque sabemos que a poesía e os poetas nunca menten.


1.- Curros incluso publicou en 1878 a novela anticarlista Paniagua y Compañía. Agencia de sangre e Bilintx, con 15 anos, loitou contra deles na Segunda Guerra Carlista.

2.- Touro encordado.

3.- Antonio Zavala di no seu libro Bilintx, bertsoak eta bizitza, que igual Curros non tiña moi ben aprendido o nome das rúas de Donostia ou quezas para sacar a Bilintx do perigo levárono a esa rúa do Puerto.