Cultura galega: moito talento, pouca estrutura, ínfima visibilidade

Cultura galega: moito talento, pouca estrutura, ínfima visibilidade

Todos os anos gravo un cedé con cancións escollidas para os amigos de Ribadeo. A maioría deles non teñen a música entre os seus principais hábitos de lecer e coñecen basicamente o que soa en cada momento a través das radiofórmulas españolas (40 Principales, Cadena Cien, ...). Porén, todos os anos comprobo que as cancións en galego dos grupos e artistas que lles vou incluíndo nos discos (Narf, Nordestinas, Espido, Marful, Emilio José, Ataque Escampe, Guadi Galego, ...) son magnificamente recibidas por eles e pasan a formar parte, felizmente, da súa banda sonora persoal.

Fóra da anécdota, non me parece arriscado sinalar que a situación descrita podería servir como elemento de reflexión sobre a situación da nosa produción cultural. É imposíbel gozar con normalidade do que non se coñece, do que permanece apenas visíbel a través de determinados circuítos e medios que tamén hai que coñecer previamente -sempre minoritarios: os que dedican tempo e espazos á nosa cultura minorizada-. A música galega -e a cultura galega en xeral- é estranxeira na propia terra, unha auténtica descoñecida para a maioría dos galegos e galegas.

O normal, o desexábel, sería atoparse con ela nos medios (especialmente nos públicos, mais tamén nos privados) que operan en Galiza, da mesma forma que nos topamos de xeito non buscado con boa parte da produción cultural española. Extraordinario é o que acontece agora: coñecer a creatividades dos nosos artistas supón un esforzo, unha procura ás veces complicada que parte sempre dunha curiosidade ou interese previo (que non toda a xente ten nin ten por que ter e que desde logo non se incentiva desde as canles oficiais). Existe un talento innegábel, mais falta visibilidade e precísase unha maior fortaleza nas estruturas empresariais que traballan para facer chegar ese talento ao conxunto dos cidadáns e cidadás.

A produción cultural galega (que xera, segundo os últimos estudos publicados, arredor do 2% do noso PIB) precisa urxentemente de políticas estratéxicas que fagan posíbel seguirmos a ser unha nación con capacidade para xerar discurso cultural propio, de noso, nun contexto cada día máis dominado polas multinacionais do ocio e do lecer. Para facelo posíbel, é preciso adoptar políticas públicas que entendan a necesidade e lexitimidade de intervir nas dinámicas dos mercados, que axuden a dar solvencia e músculo ás estruturas empresariais que conforman os diferentes sectores privados da nosa cultura (artes escénicas, audiovisual, libro e edición, música, ...) e que orienten o apoio á produción cultural dunha forma necesariamente ligada á creación dun espazo galego de comunicación e cultura.

Nun momento de importantes mudanzas nos xeitos de facer e de acceder á produción cultural, un organismo como a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) debería estar encabezando un proceso de análise serio, profundo e concertado para definir unha estratexia de traballo a medio e longo prazo, que vaia máis alá da mera especulación endogámica de interese autoreferencial ou das achegas interesantes mais parciais que desde cada sector se podan levar a cabo. A lingua galega, as novas tecnoloxías, os medios de comunicación, os mercados e públicos da cultura, ...serían temas centrais nese espazo de traballo sobre os retos que a produción cultural de noso ten por diante. Non observamos, porén, nese organismo nin interese nin capacidade nin competencia para facelo. Para completar a foto, desde a Xunta de Galiza advírtese un recorte orzamentario para 2011 que o propio conselleiro cualifica de "escandalosamente alto".

Os sectores empresariais da cultura -recentemente vertebrados na asociación Cultur.gal, que saudamos con esperanza e ledicia- teñen a posibilidade, con todo, de tomar a iniciativa e encabezar unha proposta conxunta que trasladar e negociar coa Consellaría. Diante da dimisión do Goberno para coas súas responsabilidades toca, novamente, facer emerxer a responsabilidade e a capacidade de acción conxunta dos sectores.