Crebinsky: austeridade e algunhas claves para un cine galego


Vin Crebinsky, a longametraxe de Henrique Otero, que se vén de estrear nas salas de cine de Galiza. Como a moitos espectadores sorprendéronme moitas cousas desta comedia protagonizada por dous irmáns que aparecen como extraterrestres e chantan unha cabana nun lugar dos máis desgornecidos da costa galega. A proposta non disimula o seu carácter lúdico, surrealista e ás veces provocativo por arroutado. Está enmarcada por un comezo e un remate con secuencias de debuxos de papel, como aviso a navegantes.

Crebinsky é o prototipo de película de baixo custo e demostra que se poden facer cousas orixinais, aínda sen contar con grandes axudas. Semella como se quixese ser unha especie de alegoría da austeridade ou da humildade, con varias claves simbólicas representativas do pobo galego e acenos de por onde pode ir o cine galego. Axudada por unha publicidade peculiar (unha banda musical, escarapelas coa vaca-submarino...), é unha proposta nova, mais con enfoques que lembran outras anteriores como Pradolongo ou Sempre Xonxa.

Coido que hai moitas claves galegas como para pasaren inadvertidas, como para seren pura casualidade. Os Crebinsky actúan como galegos. Entre eles hai agarimo e tenrura, aínda que lles falte ser atinados, que lles falte un fervor como se di popularmente. Director, actores e demais promotores do filme puxeron por diante mensaxes como a "tenrura galega", Galiza como un posíbel paraíso para o cine, a potencialidade das paisaxes galegas representativas, etc.

A cabana e outros espantallos

Onde primeiro se fai ostensíbel a austeridade é na propia cabana en que viven os Crebinsky, instalada á beira dun rigoroso litoral, que se corresponde cos acantilados de Ortigueira. A cabana, -como a dos pobres ou como as dos nenos que xogaban a facelas- está armada con restos variopintos que foi cuspindo o mar e que eles se encargan de recoller a diario. Madeiras, ferranchos, lonas,... e toda clase de cacharros encontran a súa función neste improvisado fogar. O acordeón é usado de fol. O muíño eólico campa no alto da choza. O cazolo que fai de sombreiro. Imposíbel non asociar a imaxe á teima de recoller, reutilizar e reciclar (3R), coa idea de que todo é aproveitábel e todo vai cumprir unha función. Quen non observou nos nosos prados, bañeiras habilitadas como bebedeiros para os animais? Andando as estradas do país ou os camiños de ferro, quen non reparou na cantidade de elementos que perverten o medio natural: plásticos, chabolas, bidóns, cables, taboleiros... Tamén sería conveniente falar do impacto do outro feísmo, do promovido polos poderes públicos coas súas actuacións; mais iso merecería un capítulo a parte. Pode ser a lectura da comprensión/parodia dunha especie de caos e desorde, non innatos aos galegos, senón en boa parte derivados do choque entre as sociedades da abundancia e do consumismo e as sociedades rurais precapitalistas nas que poucas cousas se tiraban e case todo se aproveitaba.

A vaca: sustento e fonte artística

O segundo elemento que simboliza a austeridade, a humildade e tamén o noso país, é a vaca. Unha vaca do país que vive cos Crebinsky na súa cabana e que, co seu leite, garantiza o sustento máis elemental dos dous irmáns. Asemade contribúe a dar verosimilitude a unha vida de puro azar e supervivencia nun lugar pouco acolledor. A través dun bufarro -como era común na Galiza tradicional- a vaca toma a súa merenda ou cea na mesma mesa onde comen os irmáns.

Os protagonistas expresan grande afecto cara a este animal, básico no mundo rural durante moito tempo. Como non, a vaca ten nome; chámase na súa versión rusa Muchka [múska], mais acaba sendo Mucha, hipocorístico de nome galego, na pronuncia de Miguel de Lira, nos episodios en que se desenvolve a procura do animal extraviado.

En segundo lugar, a propia vaca serve de fonte de inspiración ao outro dos irmáns, que está a facer diante da cabana unha escultura en madeira e a tamaño real da mesma. A vocación artística, o artesán, o homo faber, existe nas clases populares tamén. A afección de tallista provén da súa infancia, cando observaba expectante como o pai dunha amiga facía sobre todo tallas de santos. Un exemplar dunha destas santas, da que non se desprenderá máis, será roubado por el mesmo neste obradoiro. Serve tamén para poñer en evidencia e parodiar a grande e variada devoción polo santoral.

Unha trama sinxela

Tendo claves simbólicas como ten, podía ser unha película atemporal. Porén, o panorama histórico de fondo remítenos á segunda Guerra mundial, con episodios de tensión entre alemáns, presentes xa na España de Franco, e aliados. Un piloto alemán, tras sufrir un accidente, aparece morto xunto ao seu paracaídas na praia próxima á cabana dos Crebinsky. Desde un submarino, militares americanos observan a situación e as andanzas dos Crebinsky, que acaban arrastrando o cadáver do piloto e despoxándoo de canto leva enriba, incluído un dispositivo de localización. Dentro do paraugas do paracaídas escóndese o milagre dos peixes, cos que fan logo unha caldeirada. O papel de Tosar, ao mando do submarino, é discreto. A imaxe do improvisado submarino é sempre interior; permite ollar cara fóra por medio do periscopio. É tamén a imaxe da austeridade de recursos.

Nesta parte, pretendidamente antimilitarista, xorden algúns tópicos. A mestura da maldade e estupidez dos nazis, tan ao uso nos filmes americanos, esténdese aos outros actores da guerra. Tanto americanos, como alemáns e españois saen malparados e fican ridiculizados ante os indíxenas que, malia a súa inxenuidade, acaban burlándoos.

A fuxida da vaca, coincidente coa arribada do pelotón nazi que procura o piloto accidentado, amplía os escenarios e precipita a dinámica da película. As andanzas dos Crebinsky en procura de Muchka, acompañados da santa de pau e do dispositivo luminoso do piloto morto, guían os alemáns na persecución. Puidera dar máis xogo esta segunda parte da película con máis matices paisaxísticos. Salientan as secuencias da ermida, da romaría na que canta Loli Marlem (sic!) e, xa cando atopan a vaca, o percorrido polas marxes dun río ou nun bote. A vaca acaba conducíndoos ao escenario final, onde morre sorprendentemente ou simbolicamente, nunha paisaxe que evoca o pasado dos irmáns e a morte e desolación dos espazos asolagados por encoros. É o sentido máis acaído ao medo irracional que neles esperta a chuvia.

Hai aínda outras claves que precisan a súa interpretación, como o contraste entre as pombas mensaxeiras do fareiro e os ensaios de aeromodelismo doutro personaxe [...]

En síntese, seguramente hai moitos proxectos cinematográficos que agardan a mínima axuda para se poñeren en marcha. Desde logo, materia prima haina e tamén bos profesionais, dise, mesmo para exportarmos. Desde logo, todos coincidimos en que o noso cine ten que se asentar nalgunhas especificidades galegas para mellor proxectarse e chegar a ser universal. O idioma é esencial para falarmos de cine galego. Curiosamente, Crebinsky incide na teima dos últimos tempos (tamén no filme 18 comidas) de inserir outras linguas a maiores do galego. En canto a argumentos, argumentos hai e ben substantivos nos períodos cruciais da nosa historia (vén de se anunciar unha de romanos e gallaeci), nas obras dos nosos escritores ou na súa vida mesma, a comezar por Rosalía ou Castelao. Miguel de Lira, -mellor actor polo seu papel no filme nos Mestre Mateo-, asegurou que "desde fóra se recoñece o sector como pioneiro e podemos presumir agora máis de audiovisual galego que de fabricar Citroën". Tamén reparou e avisou de que a TVG sempre foi motor do sector, "por iso é mellor novas producións que repoñer sempre as mesmas".