Castelao, ilustrador de libros infantís-xuvenís
05 de xuño de 2010 (00:01 h.)
O pasado sábado, 29 de maio, tivo lugar en Lugo a xornada de formación do BNG, Presenza do pensamento de Castelao na alternativa política do BNG. O acto foi no hotel Méndez Núñez, onde en 1918 as Irmandades da Fala celebraron a I asemblea nacionalista. Os relatorios de Manuel Rei Romeu e Francisco Rodríguez trataron sobre as ideas e actuacións políticas de Castelao.
A relación que estabeleceron con citas e datos entre o nacionalismo do Partido Galeguista e o do Bloque Nacionalista Galego serviu para podermos afirmar que o pensamento de Castelao é necesario para darmos respostas á situación política, social e económica actual. Os documentos de debate foron fragmentos do Sempre en Galiza e intervencións no Congreso dos Deputados de Castelao cos que puidemos observar unha continuidade do nacionalismo galego ao comparármolos con posicionamentos actuais.
Despois dun interesante coloquio, a xornada de formación rematou coa visita ao Museo Provincial de Lugo da exposición Castelao: a derradeira lección do mestre. Esta exposición, que tivo como comisarios a María Pilar García Negro e Felipe-Senén López Gómez, é unha oportunidade de coñecermos as diferentes actividades de Castelao de 1936 e 1950.
Castelao e os exiliados galegos van desenvolver principalmente a súa actividade en Bos Aires. A situación de desalento e dor pola propia situación de exiliados vese nesta dedicatoria de Luís Seoane ao grupo de amigos e escritores galegos na Arxentina:
"A Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado
por todo canto fixemos xuntos en Buenos Aires,
perdendo,
por canto soñamos en Galiza desde Buenos Aires,
escribindo, pintando, loitando
e perdendo.
Soios."
Superaron o desánimo de estaren nunha terra con lingua allea co traballo incansábel. Continuaron proxectos que tiñan para Galiza nos que a colectividade galega será o seu principal destinatario. Os exiliados galegos desenvolveron un gran labor cultural e editorial e deixaron unha pegada na sociedade arxentina nos artigos, revistas e centos de libros que publicaron.
A actividade do exilio galego máis descoñecida é a que realizaron en editoriais e xornais arxentinos. Os exiliados galegos van desenvolver un proxecto editorial de moita difusión e transcendencia na lectura infantil-xuvenil. Crean nos anos 40 unha colección co obxectivo de influír no hábito lector dos nenos, na formación literaria e no pracer da lectura. Rafael Dieste e Carmen Muñoz chegan a Bos Aires en 1939. Por intermedio da pintora Maruxa Mallo, que lle presenta a Constancio Vigil, dono da editorial Atlántida, Dieste asume a tarefa de realizar a colección Billiken para nenos entre os 7 e 80 anos.
A colección Billiken consta de tres series de literatura infantil e xuvenil: "Roja", obras mestras compendiadas; "Verde", vidas famosas; "Azul", coñecemento de América. Dieste planifica conxuntamente a colección "Oro", de divulgación cultural para un público xuvenil de temas literarios e documentais: arte, ciencia, historia. Outro galego, Federico Ribas, era o director de arte da colección Biblioteca Billiken da editorial Atlántida.
Castelao vai ser o galego que máis libros ilustra desta colección pois polo menos doce libros levan ilustracións súas. Realiza as ilustracións destes libros entre 1941 e 1944. Castelao nestes anos desenvolve unha grande actividade: publica o Sempre en Galiza; representa Os vellos non deben de namorar; e crea o Consello de Galiza. Ademais de realizar ilustracións e pinturas condicionado polos problemas de vista.
As ilustracións achéganlle ao libro un valor estético e os libros da Biblioteca Billiken son pequenas obras de arte. Castelao traslada coas liñas e as cores as súas ideas reivindicativas a través da gran expresividade que transmite coas ilustracións. Na Biblioteca Billiken realizou as ilustracións dos seguintes libros: Los negros en América, de Elsa Brunelli; Los Sertones, de Euclides da Cunha; Marie Curie, de Jaime Espinar, pseudónimo de Mariano Gómez Fernández; Amadís de Gaula, versión de Garci-Ordóñez de Montalvo e E. Pérez Mariluz; El tonelero de Nüremberg, de E. T. A. Hoffman, versión de Rafael Dieste; Los héroes del África misteriosa, de Santiago Orfila; Miranda, de Lauro Palma, Grandes figuras de Grecia, de Plutarco, versión de Arturo Serrano Plaja; Grandes figuras de Roma, de Plutarco, versión de Arturo Serrano Plaja; Aventuras de Tom Sawyer; de Mark Twain; e Cuentos, de Oscar Wilde, adaptación de Rafael Dieste.
Na Biblioteca Billiken tamén destacan outros ilustradores exiliados galegos. Manuel Colmeiro, co pseudónimo de Guimar, ilustra Poema del Cid; Vida de Mahoma, de José Clemente; Carlomagno, de Angustias García; Livingstone, de Lauro Palma; Viajes de Simbad, versión de Arturo Serrano Plaja; Cuentos y apólogos, de Tolstoi, versión de Juan Plasencia (Dieste); e La Eneida, de Virxilio, adaptación de Enrique Pérez Mariluz. Federico Ribas realiza para a revista Billiken dúas historietas gráficas: Don Quijote de la Mancha e El mercader de Venecia, de Shakespeare, adaptación de Arévalo. En 1939 ilustra para a Biblioteca Billiken o libro de poesía Fábulas de Iriarte, de Tomás de Iriarte; Simón Bolívar, de Lauro Palma; e La isla del tesoro, de Stevenson. Luís Seoane ilustra o libro Tres obras de Calderón.
Rafael Dieste adapta El conde Lucanor, Cuentos, de Tolstoi, Oscar Wilde, Hoffmann, Swift, Daudet. Tres dos libros que adapta Dieste levan ilustracións de Castelao, e os outros de Manuel Colmeiro. As súas versións, incluíndo as que asina co pseudónimo de Juan de Plasencia, son Los cuentos de Tolstoi, El tonelero de Nüremberg, Tartarín de Tarascón, Viajes de Gulliver, Cuentos, de Oscar Wilde, que son considerados como adaptacións e versións modélicas para o novo lector. Lorenzo Varela escribe o estudo histórico El Renacimiento. Carmen Muñoz fai versións, traducións, revisións e correccións. Na colección "Oro" de divulgación cultural, escribe o libro La Edad Media. A súa última colaboración foi a tradución e versión de David Cooperfield, de Dickens en 1962.
A colección Biblioteca Billiken está impulsada polos exiliados galegos dentro do proxecto cultural que desenvolveron en Bos Aires. Este proxecto mostra que Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Luís Seoane e Castelao coordinábanse e mantiñan unha relación permanente que non coincide coa imaxe de división do exilio galego.