Castelao, a república e nós (e III)


Após a experiencia de cinco anos de República, da guerra e do exilio, Castelao mostra xa pouca confianza na capacidade de rectificación dos dirixentes republicanos, embora sen perder de todo a esperanza. "Contra os desvíos e incomprensións dos tempos idos cabe aínda unha esperanza, a derradeira que os galegos podemos manter: a que arestora fundamos no desterro dos republicanos españois. Se agora persistisen na vella teima centralista (...) non nos quedaría mais que un recurso: arredarnos deles e vivirmos exclusivamente para Galiza" Moi lonxe, porén, do optimismo que, pese ao complexo da situación, manifestaba durante a guerra, cando comezaba a escribir o Sempre en Galiza: "O federalismo internacional soamente pode realizarse sobre a ruína dos estados imperialistas e con previa abolición do sistema capitalista actual. Por iso a estrutura federal do Estado hespañol será posíbel co triunfo das armas leais".

Mal podía prever na altura Castelao que os partidos da esquerda española acabarían por renunciar mesmo a restaurar a República de 31 para pactar outra restauración, a da monarquía borbónica recuperada por Franco e herdada da ditadura. Mais, a experiencia política acumulada levábao a reafirmarse na convicción de que os galegos contamos apenas con nós mesmos parta determinarmos o noso futuro. E, nas últimas palabras que deixa escritas para o que será o Libro IV do Sempre en Galiza, sentencia: "Non temos ningunha fe nos hespañois; pero témola en nós mesmos e nas ideias que profesamos".

É oportuno lembrarmos estas valoracións de Castelao non só para clarificarmos a posición nacionalista face á II República, mais tamén para comprobarmos como as súas propostas políticas continúan a ser un referente absolutamente válido para operarmos na Galiza de hoxe. Sen pretendermos aplicacións mecánicas, porque debemos actuar atendendo á situación política actual e desde os parámetros dun nacionalismo galego que difire en madurez ideolóxica, capacidade analítica e metodoloxía interpretativa daquel dos anos 40. Mais é evidente a súa vixencia referencial na realidade presente desta Galiza "autonómica" no cadro dunha monarquía española que, alén de non admitir o carácter purinacional do Estado, ten manifestado claramente os seus límites canto á pretendida e predicada descentralización.

Mais a solución non será mudarmos para unha "república de 31" unitaria e centralista. E, embora non fose de desprezar a mudanza que significaría, cando menos no plano simbólico, tampouco para unha "república federal" que o fose apenas de nome, á maneira como a entende a esquerda española que -agora- se di republicana. En contrapartida, a proposta de Castelao estabelece un cadro político cualitativamente diferente.

Castelao ten claro que o que determinada a diferenza substancial entre un sistema autonómico e o federalismo non é xa o número de competencias, mais a orixe e blindaxe das mesmas. En síntese, a chave está, en primeiro lugar, en vermos se o autogoberno provén dun dereito conquistado ou concedido e, en segundo lugar, se as nacións federadas se dotan das garantías suficientes para defenderen en todo momento a súa soberanía: "Que diferenza existe entre unha federación e un réxime de autonomías concedida pola graza do estado? Xa se sabe que a diferenza non está na cantidade de atribucións particulares: reside, iso si, na calidade orixinaria desas atribucións e das defensas de que están rodeadas".

Sen entrar a definir en pormenor cales deberían ser as competencias da Galiza no cadro da República Federal, é verdade que estabelece unha serie de condicións que aproximan máis a súa proposta dunha confederación do que do sistema federal tal como se practica na actualidade na maior parte dos países que se definen como federacións e mesmo tal como aínda hoxe o entende a esquerda española que se chama de federalista.

Primeira, constituída de forma pactada a partir do exercicio de autodeterminación de Galiza e en uso da súa soberanía.

Segunda, a federación estaría constituída "polo libre consentimento de catro pobos: Galiza, Cataluña, Euskadi e Castela (entendendo por tal os territorios de lingua e cultura castelá). E despois, todas as autonomías que poidan concederse dentro de cada nación".

Terceira, Galiza tería blindadas as súas competencias, e recoñecido o dereito a separarse da federación. "Queremos que as nacións teñan dereito a separarse do Estado a que pertencen cando non foren felices dentro del, pois xamais poden renunciar á súa soberanía. En resumo: declarámonos partidarios de toda unión pactada, sempre que se garanta a soberanía das nacionalidades."

A visión que ten Castelao dunha nova articulación política á que aspira Galiza complétase con Portugal. Convén lembrar que a cuestión da reintegración política, cultural e lingüística de Galiza e Portugal estivo sempre presente no galeguismo. No Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo (1918) dise: "Federación da Iberia. Dentro desta federación, igualdade de relacións con Portugal". Castelao volta insistentemente a este asunto até incorporalo á síntese final da súa formulación.

Na ""folla de ruta" que esboza o dirixente nacionalista, após a reorganización federal do Estado -necesariamente previa, para ofrecer inequívocas garantías a Portugal de respecto da súa soberanía- camiñaríase para a constitución da Confederación Ibérica, non xa como a mellor fórmula de lograr unha unidade peninsular baseada na libre decisión e na igualdade de dereitos das nacións que a conforman, máis tamén para recuperarmos os lazos que historicamente uniran galegos e portugueses: "Somos ardidos defensores da unión ou alianza ibérica, porque no fondo insubornábel da nosa alma bole o anceio de achegarnos a Portugal e de confundírmonos con el." Aliás, Castelao entende que, pola afinidade histórica, cultural e lingüística, a Galiza tería de xogar un papel chave nese proceso.

Por tanto, se tomarmos Castelao como referente, o horizonte político de Galiza como nación fica ben distante da II República e oriéntase, en troca, para a Confederación Ibérica de Repúblicas libres, previa constitución, en exercicio do dereito de autodeterminación, dun Estado galego soberano. Porque, con efecto, se a chave está na calidade orixinaria do status co que se participa, calquera articulación plurinacional do actual Estado (ou da Península) que quixer ser definitiva debe pasar pola asunción plena da soberanía. E só entón, se a cidadanía galega así o decidir, Galiza estará en condicións de participar nunha nova forma de unidade política peninsular.

Non se nos escapa a dificultade da formulación, porque en tanto que a proclamación dun Estado independente é sempre un acto unilateral (aínda que se diga acordada, na realidade a outra parte limítase a aceptala), a Confederación implica a vontade activa e pactada das partes. Mais, en calquera caso, as premisas deben ficar claras. Lembraba recentemente Bautista Álvarez no acto de aniversario do Terra e Tempo dixital que "o punto de partida non é o pacto federal, o punto de partida debe ser a independencia". Porque só desde a plena capacidade de decidir se garante efectivamente a participación en igualdade en calquera estrutura política supranacional. Por iso, actualizando a acertada expresión de Castelao, podemos dicir que damos por mortas a primeira e a segunda República e agardamos -e debemos traballar- pola próxima: a nosa, a República da Galiza.