Carvalho Calero e o Partido Galeguista


A tan só tres días de que rematase o ano, o goberno da Xunta de Galiza lembrouse do cento vinte e cinco aniversario da morte de Rosalía de Castro e organizou un acto ritual en Padrón. Non podían facelo de xeito máis caricaturesco e indicativo para a concepción que teñen da cultura galega. A actitude –case é preferíbel!- perante o centenario do nacemento de Carvalho Calero foi o silencio e o silenciamento. Non foron os únicos. A Real Academia Galega tampouco fixo nada por recordar ao intelectual ferrolán; porén acaba de publicar un monográfico sobre Ramón Piñeiro, escritor tamén nado en 1910, cumpridamente homenaxeado, como non podía ser menos.

Non creo especialmente nas datas, aínda que si recoñezo que poden aproveitarse como punto álxido de recoñecementos. Na nosa cultura temos datas para dar e tomar e o 2010 foi un bo exemplo. Antes que nas datas e que no pasou o día pasou a romaría, creo no recoñecemento permanente, no estudo e na manifestación pública ou visibilidade do feito homenaxeado. Creo que os nacionalistas galegos non confundimos a ninguén e nos esforzamos por iso precisamente: por pensarmos e actuarmos en coherencia, por crermos no que honramos, por demostrarmos o que somos cos nosos feitos, pola práctica diaria desde o ámbito do máis particular ao do máis público.

Despedimos 2010 coa percepción nidia de que a figura de Carvalho Calero non contaba cos parabéns do poder establecido, que non está disposto a concederlle nin unha migalla de recoñecemento. Tampouco o están todas as institucións dependentes, institutos e academias, para non variar a tónica habitual dos últimos vinte anos, desde o seu pasamento. Segue a ser unha figura molesta.

Certo é tamén que despedimos o ano co conforto de ollarmos que tanto Novoneyra, como Rosalía, como Carvalho Calero foron debidamente rememorados na medida da súa valía e das forzas con que contamos os que nos sentimos identificados coa súa obra e coa súa conduta. Por lembrarme tan só dalgúns, a modo de agradecemento, foi o caso de entidades culturais como Medulio de Ferrol, as Equipas de Normalización Lingüística, gobernos locais con presenza nacionalista, a CIG Ensino, a AGAL, a Fundación Bautista Álvarez…

Un proxecto político frustrado

Por estas mesmas razóns, aproveito a ocasión para acabar e comezar o ano cunha pequena aproximación ao que nos ensina a etapa política de Carvalho Calero nos anos trinta, como militante do Partido Galeguista. Son os anos mozos, cando as ilusións ateigan a vida dunha persoa e todo –mesmo o máis utópico- semella estar á volta do camiño. Cando se sentan os alicerces da formación dunha persoa. Quixera, con este breve repaso, que chegásemos a calibrar até que punto a Guerra truncou para sempre o desenvolvemento do que prometía ser unha grande figura política, nos eidos da vida organizativa partidaria, nos eidos da política institucional e mesmo nas teorizacións políticas. Foi esta Xeración de mozos, formados no ambiente do Seminario de Estudos Galegos, ao abeiro espiritual dos homes de Nós, a que padeceu de xeito máis traumático os efectos represivos da Guerra, fanando a súa normal evolución. Calquera mínima análise percibe que son moi ostensíbeis as preocupacións ideolóxico-políticas daquel mozo de vinte e poucos anos, que dentro do Partido e do grupo de mozos nacionalistas dos anos trinta era quizais o que apuntaba un futuro máis prometedor e concitaba a máis elevada confianza dentro do Partido.

Tanto é así que creo que o seu compromiso político ten trazos moi significativos para ser exemplar como conduta para as fileiras do nacionalismo actual, para os mozos e para os non tan mozos, para sabermos superar eivas que chegan a andazos. Efectivamente chama a atención que un mozo que se manifesta inicialmente na órbita de postulados tidos por sumamente radicais, xa for o marxismo, o comunismo (na conferencia “En torno a las ideas comunistas de Platón”) ou un certo arredismo, saiba asumir a política táctica do partido, mesmo sendo un dos máis firmes defensores dela. Poñendo por diante as liñas programáticas e superando o esquematismo das contradicións ao uso, como é o caso da dicotomía dereita/esquerda. Creo que neste terreo é onde fai gala dun realismo, e dunha ponderación notorios: ser capaz de comprender que para conseguir avanzar na realización do proxecto nacionalista había que combinar axeitamente maximalismo e táctica e practicar unha política de alianzas consonte esixía a realidade (ver “Xa somos ezquerda”). Isto é, ser un nacionalista quimicamente puro, o que xa é difícil ou, en palabras de F. Rodríguez, “manter unha posición esencial sobre Galiza”.

O mozo Carvalho licénciase en Dereito en xuño de 1931 cun brillantísimo expediente académico e xa comeza a combinar a creación literaria en galego (Vieiros, do mesmo ano), co exercicio da crítica literaria nas páxinas da revista Nós. Figura entón xa como un dos principais redactores, xunto con Lois Tobío, do Anteproxecto de Estatuto de Galiza, emanado da Sección de Ciencias Sociais, Políticas e Económicas do Seminario de Estudos Galegos, antes mesmo de fundarse o Partido Galeguista. No seu artigo primeiro considérase a Galiza como nación, constituída en Estado libre dentro da República Federal Hespañola.

Cando se convocan eleccións a Cortes Constituíntes, aparece asinando o manifesto da chamada Esquerda Galeguista no que se pide a abstención nunhas votacións que se xulgan antidemocráticas (“A Ezquerda Galeguista fálalle ao país”, A Nosa Terra, 1 de xullo de 1931). No mesmo xa se albisca unha fonda desconfianza cara aos gobernantes republicanos: “temos a obriga de confesar que o problema galego vaise tornando para nós incompatibre cos homes de Hespaña”. A desconsideración con Galiza e cos seus problemas faise patente ao negarnos “un decreto que poña a coberto os nosos dereitos lingüísticos, entanto se lle outorga a outros pobos”, na cuestión foral, nos ferrocarrís, etc. Entre as conclusións figura a “declarazón categórica do dereito indiscutibre do pobo galego a autodetermiñar o seu destiño no orde político”. Déixase entreaberta a porta ao entendemento cos partidos políticos de fasquía esquerdista, sempre que o ben de Galiza así o requira.

Pasados os anos, en xaneiro de 1936, na clausura da II Asemblea Extraordinaria do PG, correspóndelle exercer como Presidente de Mesa. A crónica deste acto salienta o seu breve, mais emocionado e intenso discurso, que foi moi ovacionado. É saudado xa desde a órbita do nacionalismo como “un Otero Pedrayo mozo e pausado”.

Sobre o vello espírito e a fraternidade galeguista

Entre ambas as datas, 1931-1936, son varias as súas intervencións políticas e colaboracións que nos permiten apreciar o alcance do seu pensamento político. Para alén do seu sentido internacionalista e antiimperialista, chámame particularmente a atención o sentido da ponderación de que fai gala nun artigo titulado “O novo esprito” (ANT, 24 de xuño de 1933). Este equilibrio era xa característico da súa mocidade, por máis que se agudizase, unido a un maior retraemento, tras a experiencia da Guerra. Así pois, analizando os males que afectan as organizacións políticas e concretamente ao seu Partido, alerta contra o que considera “infiltracións” de “logreiros e oportunistas” e contra os que se achegan atraídos por éxitos circunstanciais mais non acreditan nin atesouran os “fondos ideais da organización”. Pode ser mesmo que asimilen parte da “doutrina”, mais carecen do “espírito” condicente a unha organización deste tipo. Existe un Programa e é necesario o coñecemento do mesmo. Mais, para alén deste coñecemento e identificación neutros existe “unha concepción do mundo, unha sentimentalidade, un estilo vital, un tono de conduta, un matiz humano peculiar. Todo elo non pode ser recollido nun programa, e é obra dos grandes definidores do galeguismo, que van sinalando, cos seus actos miúdos cal é o verdadeiro esprito de galeguidade”. Isto é, un fondo e sentido patriotismo.

Estaba a pedirlle ás novas incorporacións que coñecesen xunto cos postulados programáticos “ese algo máis íntimo que é a nosa espiritualidade” e contrapoñía ao espírito novo, superfluo e “heterodoxo”, o vello espírito ou espírito clásico, que encarnaban personalidades como Otero Pedrayo, Risco ou Castelao, “temperamentos ben distantes; pero dificilmente desacordes no esencial da ortodoxia galeguista”.

A carón das reivindicacións políticas, dos feitos, non deixará de aludir, nos momentos máis indicados, ao sentimento de fraternidade, á concordia en torno a esa posición esencial sobre Galiza, a “acender o fogo do amor nos peitos galegos” e ao obxectivo de atinxir a unión de todos os galegos.

En fin, todo apuntaba a un Carvalho Calero polígrafo, semellante a algúns homes de Nós, arredor da cuestión fundamental galega, onde, segundo todos os indicios, a faceta política cobraría cada vez meirande importancia. Seguramente a Guerra privounos dun desenvolvemento político pleno á altura do que foi o escritor, o lingüista e mais o crítico literario. Mentres tanto é preciso coñecermos o seu pensamento político. Están aínda por recoller en volume e publicar todos os seus artigos aparecidos na prensa (El Correo Gallego, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Nós…) ao longo desta breve mais intensa etapa.

Esta lucidez sobre a cuestión fundamental permitíalle analizar cunha sorprendente clarividencia a contradición dereitas/esquerdas, definindo o programa e a práctica do PG como revolucionarios. Ao máis coñecido artigo “Xa somos ezquerda”, enfocado a conseguir unha decantación do PG cara a alianzas conxunturais con forzas republicanas deste signo para sacar adiante o Estatuto, habería que engadir outros onde analiza a problemática catalá. Situaba o problema no seu xusto termo: en Cataluña hai dereitas e esquerdas, pero, por riba de todo, hai cataláns. Ante unha ofensa do poder central, toda Cataluña responde ao unísono. E non ten o máis mínimo reparo ideolóxico en declarar:”Ditosa Cataluña que ten unha dereita catalana”. Era consciente de que en Galiza aínda ficaba lonxe o momento político de termos confrontación de forzas propias de polo oposto: “Cando en Galiza esteñan deslindados os dous frontes, a continuidade da nosa obra estará máis asegurada que na hora de hoxe”.