Cando falla o infalíbel
Levas tempo á procura dun emprego? Hai unha vaga… no Vaticano. Mais non te apures a ir preparar o teu currículo: trátase dunha cuestión demasiado importante como para depender de cualificacións terrestres. Ben se podía percorrer o mundo en busca da nova reencarnación de San Pedro como fan os budistas tibetanos cando fina o Dalai Lama, mais o Bieito XVI aínda non se puxo a criar malvas. Así, o selecto grupo de electores cardinalicios –claramente alleos a calquera pugna interna polo poder– reunidos nun conclave secreto volverán depositar a súa confianza no espírito santo que ha de mover as súas consciencias para escolleren o candidato ideal para representar a vontade de deus na terra. A ver se, desta vez, acertan e o elixido aguanta mellor o tirón que o actual ex-papa…
Debo confesar (nunca mellor dito!) que eu son das persoas que se alegraron ao ouviren a noticia da renuncia do Ratzinger como sumo pontífice, con implicacións políticas importantes. Mais non vou pecar de inxenuo, xa que tomo a serio os letreiros nas pasaxes de nivel que advirten: “Atención! Un comboio pode agochar un outro!”. E así será.
Como en calquera medio de comunicación que se prece, hai que acudir aos expertos e, así como loxicamente procuraríamos a opinión dun ladrón para sabermos máis sobre roubos, os que máis levan comentando o asunto son curas. Será por isto que non se aproveita o acontecido para repasar a historia recente e remexer un pouquiño nos trapos sucios do Vaticano.
Aínda así as cousas, hai quen baralla a posibilidade da renovación; dela mesmo falou o Papa no seu penúltimo Angelus. No entanto, se por algo se caracteriza a igrexa é polo seu inmobilismo, tardando varios séculos en recoñecer que Galileo estaba no certo. A pouco que repasemos as opcións, fica claro que dificilmente se poderá confiar nunha igrexa rexuvenecida cunha listaxe de papibili cuxo membro máis novo ten 56 anos e o máis idoso 75.
Disque hai sectores máis conservadores e outros menos reaccionarios na santa igrexa apostólica católica romana. Mais moi pouco peso teñen elementos realmente interesantes como a teoloxía da liberación, cuxo labor –dito sexa de paso– ben se podía desenvolver fóra desta retrógrada e casposa institución. Así que, non enganemos: vai ser como se o sucesor de Franco o elixisen os mandos do Réxime... En definitiva, colocar un outro vello á cabeza da organización non anova nada.
Sexa como for, teño unha cousa moi clariña: rezar rezarei para que non toque ao Rouco, pois non sei se podería aguantar pasar o resto da súa vida a ouvir falar do ‘primeiro papa galego’. Polo resto, non fago quinielas, que tanto fai quen sexa o gañador, mais coido que podo durmir tranquilo visto como andan as apostas.
Por outra banda, non sei se cre que ao dimitir poderá zafarse das responsabilidades que leva exercendo dentro da mesma organización desde hai varios lustros. Non esquezamos que estamos a falar dun home cuxa vida está inextricabelmente ligada á institución desde hai máis de 60 anos de sacerdocio e antigo prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, máis coñecida polo seu nome anterior, ‘Suprema e Sacra Congregación da Inquisición Universal’, responsábel de 2.700 xuízos e 17 execucións na Galiza segundo a Base de datos da Inquisición Española.
Sexamos benévol@s e deixemos a un lado o seu paso pola Xuventude Hitlerista, primeiro como Flakhelfer e logo no Reichsarbeitsdienst en Hungría, xa que seica foi obrigado, e como Pío XII non se opuxo á razzia de Roma, o Ratzinger tamén non tiña por que negarse a servir nas filas militares do nazismo… Nin falemos do seu papel como punta de lanza, seguindo nos pasos do seu predecesor polaco, na cruzada contra o comunismo, verdadeira esperanza da humanidade.
E de nada me valen as serodias escusas redactadas por Wojtyła en formato e-mail tentando desculpar a súa igrexa polos abusos sexuais perpetrados por curas, o papel da igrexa nas denominadas ‘xeracións roubadas’ de crianzas aborixes na Australia (1909-1969) e o comportamento dos misioneiros na China durante a época colonial. Aínda non se pediron desculpas polo papel dos representantes da igrexa como “cómplices, encubridores e beneficiarios dun dos xenocidios máis horrorosos que a humanidade presenciou”, en referencia á colonización das Américas. De nada valen estériles lamentos proferidos pola boca pequena. Antes de poderen ser absoltos os pecados cometidos, primeiro hai que pasar polo confesionario, entoando un mea culpa sen paliativos. U-la contrición? U-lo arrepentimento? U-la penitencia?
Haberá quen se ofenda polo que estou a escribir, mais pódolle asegurar que a min me ofende infinitamente máis a figura do papa e todo o que representa. Debería ofender calquera o indecente espectáculo do mammón encarnado ataviado con ouro, pedras preciosas e zapatos de alta costura a pontificar sobre a pobreza no México, un país que gastou 11 millóns de dólares na súa visita e onde a metade da poboación vive en pobreza e case 12% en situacións de pobreza extrema.
Hai quen non teme en acusar os coroneis do papa de crimes contra a humanidade. A igrexa non obra sempre directamente, mais as súas doutrinas e a súa compracencia fan que sexa moralmente cómplice. Lembren: “todo o que o home sementar, iso tamén segará”. E o que sementa a igrexa que lidera o papa é miseria, exclusión e morte polo mundo: ao seguir a condenar mulleres a morrer por culpa de abortos clandestinos (máis de 200 por día); fomenta a homofobia que tamén mata (non esquezamos o caso de Julio e Al-Dani); ao santificar a exclusión da muller de determinados ámbitos da sociedade (non son partidario de ver mulleres sacerdotes, mais non entendo por que se empeñan en as excluíren); ao teimar en perpetuar un modelo de familia baseado en principios anticuados; irresponsábeis declaracións a respecto da prohibición do preservativo fronte á arrepiante cifra de 80 millóns de mortos só no continente africano de aquí a 2025; ao continuar encubrindo o abuso sexual xeneralizado e sistematizado por curas (10.667 acusacións coa implicación de 4.392 curas tan só nos EUA segundo un informe elaborado pola propia Conferencia de bispos estadounidenses); ao non pedir desculpas polos asilos de Madalena que se aproveitaban de decenas de milleiros de mulleres vulnerábeis –mulleres sexualmente activas (‘promiscuas’ ou ‘caídas’), nais solteiras, raparigas cun retardo mental e nenas maltratadas– para forneceren man de obra escravizada ás lavandarías da igrexa e tamén un foco de vexacións de todo tipo.
Acaso todo isto vai mudar? Van deixar investigar libremente os anais internos do Vaticano e levar a declarar nos tribunais cardeais, bispos, curas e monxas como se fosen cidadá(n)s normais ou van seguir tapando e protexendo os presuntos responsábeis, como a Sor María, acusada xa hai máis de 15 anos polo delito d@s nen@s roubad@s e que nunca chegou a ser xulgada? Oxalá que así for, mais sigo a ter serias dúbidas.
Mais non hai mal que por ben non veña e hai que ver o lado positivo das cousas: primeiro a Raíña dos Países Baixos (virá outro comboio detrás…) e agora o Papa, tamén soberano do microestado do Vaticano outorgado á Igrexa polo goberno de Mussolini en 1929, deixan os seus postos. A ver se hai sorte e se transforma nunha moda contaxiosa que tamén atinxa outros potentados terrestres e celestes para que sexan eles quen engrosen as filas do INEM, que son os que realmente o merecen, e pouco a pouco o pobo se vaia tornando autenticamente dono do seu destino nun mundo verdadeiramente democrático e libre das chatas que atan o pensamento crítico e a capacidade de rebelión organizada.