Cando as cousas están ben feitas
26 de agosto de 2010 (00:01 h.)
Festival Sete Sois Sete Lúas. Seguramente para moitos este nome evoque a un festival ao uso como os que podemos ter de referencia pero lexos da filosofía de moitos dos festivais europeos que eu coñezo, o Festival Sete Sóis Sete Luas converteuse nun gran proxecto de desenvolvemento internacional onde as fronteiras son físicas e non emocionais, onde a música e a arte camiñan da man para percorrer lugares descoñecidos e descubrir xente cun fío común, a cultura foránea.
No ano 2009, membros da organización viaxaron a Bruxelas para dar unha conferencia na Comisión Cultural do Parlamento Europeo no que non faltaron eloxios á propia iniciativa e ao seu desenvolvemento e é que, do festival aprendemos que a vontade e as gañas de facer as cousas ben facilitan o cooperativismo entre países e institucións e xeneran actividade económica aprezando o valor da pluralidade e o enriquecemento cultural.
Este festival consagra o maior evento de música sen fronteiras cunha rede de 30 países polos que flúe a seiba e a maxia deste acontecemento único. No 1993 Marco Abbondanza, o director do festival e o seu equipo deseñaron este proxecto humilde nos seus comezos pero cheo de grandes expectativas no sector. Pouco a pouco foron tecendo a rede Sete Sois Sete Lúas e para elo contaron ca inestimable axuda de Dario Fo e Jose Saramago, presidentes honorarios do festival.
Brasil, Cabo Verde, Açores, Canarias, Portugal, Marrocos, Francia, Cerdeña, Israel, Toscana, Lazio, Sicilia, Euskadi ou Andalucía son algunhas das paradas deste acontecemento. O primeiro obxectivo centrouse na mobilidade de artistas, a promoción de novos talentos, o acceso de figuras descoñecidas para os puntos de encontro do festival e na actualidade os esforzos diríxense á creación dos "Centros Sete Sois Sete Lúas". Deste xeito o festival eríxese como unha auténtica factoría cultural deseñando espazos para a creación, favorecendo canles de promoción e a propia difusión dos elementos que integran a iniciativa. Así, o pasado ano foron inaugurados os dous primeiros Centros SSSL, en Luas en Pontedera (Italia) e en Ponte de Sor (Portugal) e nos que a súa actividade xira en torno á promoción cutural nos países do mediterráneo e do mundo lusófono. Os centros deben compartir elementos comúns que os identifique e por suposto apoiar á rede da que forman parte.
Formar parte desta rede pasa por realizar unha política de gran diálogo cultural entre países dando máis espazos ás artes plásticas e a música valorizando artistas de renome sen proxección nos países de destino así como os novos talentos coa creación dunha programación con capacidade para realizala anualmente. A liña é clara, SSSL como lugar de diálogo cultural e de sinerxia entre a arte contemporánea, o turismo cultural, a promoción da artesanía e dos productos gastronómicos.
O Festival Sete Sois Sete Lúas tense convertido nun gran proxecto de promoción económica, cultural e artística cuxo obxectivo é a cohesión e a descentralización entre países e institucións e que require moita vontade de traballo baseado no cooperativismo. Une cos brazos da cultura a persoas e sociedades que a pesares de estar distantes temos orixes comúns e vínculos que nos podemos obviar.
A máquina voante "Passarola" que representa ao festival foi elixida polo poder evocativo e simbólico, a cal representa a metáfora do sono e a libertade utópica. Na obra de José Saramago, Memorial del convento, Bartolomeo di Gusmao, o xenial creador da Passarola, constrúe este inxenio acompañado de Baltazar Sete Sóis e Bilmunda Sete Luas, personaxes de ánimo visionario, que se moven pola Europa medieval oprimidos por unha intolerante inquisición. Inspirado nos valores presentes na obra de Saramago, o festival quere facer uso da capacidade de soñar que ofrecen a arte, a música e a literatura para poder ir máis alá da realidade dos nosos tempos.