Atentado contra o idioma


Aínda que o erro veña de atrás, neste momento, por varios motivos, cobrou actualidade e relevancia. Refírome aos apelidos galegos pronunciados de forma incorrecta. Os que reciben, coma Feijoo e Rajoi, unha lectura aberrante. O calificativo non é meu. Tomeino do Diccionario dos nomes galegos, obra colectiva dirixida por Xesús Ferro Ruibal. Este maltrato ao idioma está de actualidade porque os dous exemplos que tomei repítense a cotío nos discursos dos representantes nacionalistas, os que teñen como obriga a defensa e uso correcto da nosa lingua. Habendo tantos lingüistas comprometidos co país, extráñame que ningún deles lle puxese o stop a esta deturpación. Se cadra, porque prevalece a preocupación por feminizar a linguaxe sobre o esmero por galeguizar a mesma. Sen ánimo de convencer a ninguén, pois os anos leváronme a conclusión de que os meus artigos non valen para iso, vou utilizar este escrito para desafogar a carraxe que me produce a J española, máis propia para arrincar gargallos que para falar con elegancia.

Dado que os eruditos están calados neste tema, eu, que son un profano, vou permitirme a ousadía de penetrar no presbiterio que a clerecía deixou libre. Hai apelidos, coma os que antes citei, escritos en grafía arcaica. A J correspondía a un fonema fricativo prepalatal sonoro, que actualmente se conserva no catalán e portugués. Por exemplo, na terceira palabra de Río de Janeiro. No galego desapareceu, igual ca no portugués do norte. O fonema sonoro converteuse en xordo, que se expresa coa letra xe (x). A desaparición do sonido prepalatal sonoro no español parece máis serodia, sendo substituído na altura do século XVIII polo fricativo velar xordo, o dos esgarros, o que aberrantemente utilizan os nacionalistas cando se refiren ao Presidente da Xunta ou do Goberno español. Máis grave aínda é cometer a mesma incorrección con apelidos que levando o x na súa orixe foron españolizados posteriormente coa j. Por exemplo "Seixas", convertido na monstruosidade de "Seijas", que non é galego nin español. Incórrese en aleivosía cando se substitúe o fonema orixinal polo ilexítimo. Estes nomes espurios, adulterados, teñen dúas causas. Foron castelanizados máis frecuentemente por decisión do rexistro, eclesiástico ou civil, ou por iniciativa propia. En ambos casos é unha adulteración bastarda. É curioso observar como no mesmo documento manuscrito, datado o 22 de febreiro de 1.783, aparece o nome de Patricio de Outeiro, e seis liñas máis abaixo Patricio de Otero.

Faríamos o ridículo se pronunciásemos coa carrasposa os nomes e apelidos cataláns de Jordi, Pujol ou Jorquera. O español aproxímase á pronunciación orixinal utilizando o y semivocálico. Non precisamos nós pasar por Madrid, contando co xe (x) para achegalos á nosa fonética. Respectamos o de fóra e menosprezamos o propio. E despois hai aínda quen dubida ou nega a condición colonial de Galiza. Ridiculizamos os locutores españois que se esmeran en calcar, ás veces de maneira errónea e pedante, a fonética de palabras estranxeiras, e por outra banda adulteran os nomes portugueses chamándolles coelos aos coelhos. Desprezo que parte da ignorancia, como atinadamente a calificou o verso de Machado. Ignorancia dun pobo e dun idioma que lle bota o alento na caluga ao español. E iso que Portugal, ademais de ser estremeira ten un enclave en terras extremeñas. Eu gostaría de saber a fórmula pedagóxica utilizada polos mestres para educaren os nenos de Olivença. Poida que pretendan continuar o labor que os Filipes deixaron pendente no ano 1.640.

Despois do exposto comprenderase a aventura suicida do reintegracionismo integral. A súa teoría intrasixente pode devolvernos ao Rianjo e ao Sanjenjo. Tras o traballo que nos custou eliminar da toponimia a letra dos esputos, que pervive aínda na boca de moitos galegos renegados, os eruditos ortodoxos van meter outra vez o fonema no veo do padal. Ou algo moi parecido. Voume permitir unha digresión. As adulteracións que a fala rural fai ás veces da palabra "xardín" e outras semellantes. A función ornamental do mesmo carece de tradición na cultura aldeá. A terra está para producir froitos que deleiten a boca e non para o pracer dos ollos. Nunha das miñas viaxes a Londres, unha noite un galego empregado na embaixada española convidoume a cear na súa casa. Comín un caldo de nabizas que me soubo a gloria. A verdura era de colleita propia. Nos eixidos que forman parte das vivendas unifamiliares, e que os londinenses destinan a cultivar flores, o noso paisano sementoulle nabos. Este é o concepto que os labregos teñen da función da terra. O xardín é algo que veu de fóra, como as quincalladas que chegaron á aldea a través das ferretarías. É certo que entrou no pazo, de igual modo que penetrou nel a lingua de Castela. Ilústranos mellor a deturpación que o vulgo fixo do verso de Curros, cambiando "xardín" por "eira do trigo". O feito é que por escapar da J o pobo fixo un híbrido: gardín. Boa maneira de converter o galego en barallete. Sanguengo, Riango, Irigo, e outras maneiras de adulterar o idioma introducindo novas grafías.

,Concordo en que debemos reencarnar no idioma as formas vixentes na súa póla xa normalizada. Sobre todo na incorporación de neoloxismos. O que Rodrigues Lapa defendía, que o galego tiña que salvarse dentro do portugués. Esta teoría, que desde moito antes viña defendendo, escoiteilla nunha conferencia pronunciada na universidade do Porto. Algúns dos ouvintes acusárono de imperialista. Non vou descalificar a opinión do prestixioso filólogo de alenmiño. Pero coido que o criterio debe aplicarse con certa discreción. Antes de limpar o faiado debemos empezar aseando a cocina. Teño dúbidas sobre a substitución polo uve do be de pobo e outras palabras que levan o pe na súa raíz etimolóxica. O fonema bilabial xordo da palabra latina populus tivo dúas evolucións diferentes no romance. Mantivo o pe inicial no italiano (popolo), no corso (populo), no francés (people), e sonorizouse no catalán, español e galego (poble, pueblo, pobo). O rumano, sitiado polas linguas eslavas, tomou unha raíz diferente. Pero eu, que como dixen antes son un profano e ignorante na materia, non acho razóns para explicar a liña evolutiva seguida polo portugués. Pasar dun fonema xordo a outro sonoro dentro da mesma posición bilabial resulta normal. O que non parece lóxico é saltar desde unha pronunciación bilabial a outra labiodental. Quizais se deba a un fenómeno que os filólogos consideran como falsa etimoloxía. Nada de extraño, tendo en conta a similitude das dúas grafías nos manuscritos medievais, cando aínda non estaba a escrita uniformizada pola imprenta. O mesmo trazo para o uve e para o be, deitado cara a esquerda o primeiro deles. A min resultoume difícil distinguilos nun documento de Fernao Lopes do século XVI.

Sabemos que o fonema labiodental sonoro do uve se mantivo nos romances peninsulares até máis tarde do século XVI. A partir de entón, ademais do francés e italiano, consérvano dous dialectos do catalán: o balear e o valenciano. E por suposto o portugués. Desapareceu do galego e do portugués septentrional, anque o dialectalismo vaise reducindo presionado pola forma imposta desde o sur. Dámaso Alonso opina que a súa extinción no norte da península débese á influencia vasca. Teoría a ter en conta, por vir de quen vén, pero un tanto dubidosa, dada a distancia que media entre Galiza e Euskadi. ¡O que faltaba! ETA, ademais de entregar as armas vai ter que devolverlle a España a pronunciación orixinal do uve. Tamén ás veces os científicos elucubran. Coma o gramático portugués Joao de Barros, que atribúe a introdución da cedilla (ç) á influencia árabe. Tanto o fonema como a súa grafía estaban presentes no provenzal e no galego, berce da lingua de Camôes, zonas nas que a implantación sarracena non tivo apenas importancia. Á conclusión que eu quero chegar é que escribir "pobo" con be ou con uve é unha minucia que carece de importancia. A unidade do idioma serbocroata non se rompe polo feito de que os serbios o escriban en alfabeto cirílico e os croatas utilicen o latino.

Maior importancia ca escritura ten a fala, máxime nos tempos nos que a lectura foi suplantada polos modernos métodos audiovisuais. Que a xente escoite nunha entrevista radiofónica ou na tribuna do parlamento Feijoo en lugar de Feixoo resulta máis destrutivo para o idioma ca ortografía da palabra goberno. Isto é grave, tanto falando en español coma en galego. E se o que comete a incorrección é quen por ideoloxía ten a obriga de contribuír a rescatar o prestixio da nosa lingua está incorrendo nunha prevaricación. Convencido de que os meus argumentos políticos carecen de valor, pois habendo tantos, como afirmaba Groucho Marx, a xente pasa de todos eles, botei man dos científicos, arriscándome a interpretar unha sinfonía para a que o meu violín non está afinado. E fíxeno principalmente para espertar do letargo aos lingüistas con experiencia e mando en aulas, que de momento manteñen un aquiescente e sospeitoso mutismo. Con militancia ou sen ela, quen ten por profesión o idioma ten que velar pola súa pureza. Empezando pola Real Academia, que máis que para limpar e fixar, como afirma o lema, semella un clube de amigos reunidos para xogar ao tute.

Os académicos, algúns deles con dúas cuartetas no seu currículo, ademais de lucir medallas desfrutan dunha cadeira. Os máis afortunados pousan o ilustrísimo traseiro nunha marcada con letra maiúscula. Non sei cal é a fórmula seguida para a distribución de galóns. Aos das maiúsculas non me atrevo a esixirlles ningún informe, pois nesta materia coido que o seu violín desafina máis ca o meu. Que senten estes no patio de butacas e que procuren que non lles pegue o sono, como lle pasou a un amigo meu que se botou a roncar mentres escoitaba unha ópera de Wagner.

------------

Nota bene.- De acordo co autor, sinalamos que sobre este tema publicou María Pilar García Negro o artigo "Incongruencias, ad maiorem gloriam Hispaniae" no semanario Sermos Galiza nº 93, 24 de abril de 2014