As cidades asolagadas e o labirinto da Atlántida
24 de marzo de 2011 (23:00 h.)
As verba e os idiomas cabalgan sobre a economía e a tecnoloxía. Por algo "tsunami" é unha palabra xaponesa que se impón, ó menos até agora, para desprazar á máis científica e comprensible de maremoto. Na medida que se garda memoria e se perfeccionan os sismógrafos, a meteoroloxía e as comunicacións, comezamos a saber máis sobre o latexar vital do planeta Terra. E seguen os enigmas e a fabulación.
Fomos catequizados, amedrentados neso dos cataclismos finais, nos diluvios, nas lendas de cidades asolagadas, no inferno e no rechiar de dentes. Fonte de inspiración na tradición céltica de paraísos perdidos, as cidades submarinas rescatadas polos murais e os versos de Urbano Lugrís.
A forza poderosa do mar levámola no chip do subconsciente colectivo e individual, para desbordarse nos soños e nas máis antergas lendas deste confín que emproa cara o Océano Maior, o que foi dos Atlantes. Atlántico, Atlántida, paraíso perdido. Historia referida no século V a.C. por Platón no "Diálogo de Crítias". "O pais dos feacios está no océano", Basileia, a illa santa dos Atlantes: urbanizada conforme ós astros, en circos concéntricos, arrodeada de canles, diques, comportas, torres cubertas de oricalco.... centrada por unha acrópole de pazos e templos sobre os que se erguía o de Poseidon. Nas súas abas o burburexar de dúas fontes, unha de auga fría e outra quente. Era unha Manhattan da remota antiguidade, a que moveu a fabuladores, a arqueólogos a buscala e refacela, ate en xardíns de todo renacemento. O enigma do labirinto. Algúns sitúana no Exeo, desaparecida cando os tremores do 1650 a.C. partiron a illa volcánica de Thera ou Santorini, a que hoxe aínda mostra os vestixios de Akrotiri, como unha Pompeia da civilización Micénica. Florecentes pobos do mar que mesmo poñerían no brete ó Exipto de Ranses III. Labirínticos escenarios da Ilíada e da Odisea.
Xeróglifos, papiros exipcios, o bíblico "Éxodo", as "Metamorfoses" de Ovidio, Tácito, Diodoro de Sicilia, sabios de todo tempo, fálannos de reinos, de pobos desaparecidos, de guerras, de éxodos, motivados por catástrofes ou pragas, atribuídas irracionalmente á carraxe dos deuses. Xustino refírense a pobos de navegantes, como ós fenicios, os que procedentes de Asiria tiveron que buscar novos asentamentos...
Enigmas de civilizacións desaparecidas, Sodomas ou Gomorras perdidas baixo a area dos desertos ou do leito dos ríos, arrasadas polo vento ou os incendios, asolagadas polo mar... Como Tartessos, aquel refinado reino de Argantonio, o primeiro que acuñou moeda e que a arqueoloxía busca entre as marismas do Guadalquivir e de Doñana.
Outros non dubidan en situar a Atlántida máis alá das "Columnas do Ceo", eses orientativos fachos naturais, como Xibraltar (Mons Calpe) ou o Abyla en Ceuta. Promontorios que denantes de estar dedicados a Hércules, heroe-deus forzudo, foron para venerar ó atlante de cen cabezas e cen brazos, fillo do mar e da terra, Briareo, a xulgar polos mesmos textos homéricos. Divindade do enigmático, que poida ter que ver co Bero-Breo venerado nesas altamiras, cimas avisadoras que apuntan ó confín da terra e do mar, como o Facho de Donón, no Morrazo, a carón das Cíes, conforme confirman as abundantes aras aparecidas neste santuario castrexo. Tácito escribe "Estas columnas son o eixo de todas as cousas....atópanse nas fronteiras do mar escuro, no cabo do mundo, no medio das augas sacras, alí onde se esconden os deuses..." Betilos en relación co culto e o sacrificio do touro solar e luar, taurobolio. Altares para o lume sacro, mesa onde compartir crateras co sangue do touro... unión mística co deus do principio e do fin. Referentes orientadores que daban seguridade nas labirínticas odiseas. Piares, que foron cristianizados por ermidas dedicadas a algún Apóstol ou á "Pilarica", labor de "homiños santos", ermitáns na soidade das raxeiras do sol, das brétemas, das xeadas ou das arroiadas, dedicados a unha misión humanizadora de construír, curar, sementar, pescar, orientar... Cabo Home, Portela do Home, Cova do Home...
Tamén Tanezruft no Sahara, as "Illas dos Afortunados", as Canarias, Madeira, as Azores, comparten o mito do país dos atlantes, do xigante Xerion... Outros coidan que ese paraíso perdido puidera estar máis alá do que tamén serían as Cassiterides, o Ostium Minium, o Promontorium Nerium, o Magnus Portus Artabroum ,as Aras Solis...onde se perde a vista no océano. Alí o Xardín das Hesperides, as illas das mazás de ouro, paraíso de ultratumba para os fenicios... da ansiada arribada para os Argonautas, comandados por Jacksón, os buscadores do Vellociño, da pelica de ouro, símbolo de imperios...berce da lenda castrexa do Castrón de Ouro. Tradicións de odiseas que segue Ith e o seu pai Breogán cara a Erin... océanos para expedicionarios do cristianismo en "barcas de pedra", as do cotizado mineral de estaño, ferro ou ouro... transporte para evanxelistas, para santos como Barandán, os temidos drakars vikingos, como os de Olaf, naos de peregrinos e cruzados, carabelas de aventureiros e conquistadores como a "Gallega" de Colón, galeóns que repetían outras odiseas.
Galiza conviviu i educouse en canto conleva o mar, pese a que aínda non se ensina nos museos. No século XV o dominico valenciano, Vicente Ferrer, un dos cristianizadores da Bretaña dos megálitos e de Merlín, amedrentaba coas súas prédicas sobre o anticristo e o fin do mundo, facíao en Compostela e na Coruña: predicía que a cidade sería engulida polo Océano... os cidadáns imploraban a Santa Bárbara e ós santos "que no ceo están escritos.,."
Non era unha novidade onde as lendas falan de cidades asolagadas, como Duio na praia de Lagosteira en Fisterra, onde a lenda xacobea di que o delegado romano fixo prisioneiro ós discípulos de Santiago...para liberarse milagrosamente e o mar castigar e cubrir a cidade...A lenda de Valverde que quedou baixo as augas das lagoas, de Doniños, de Valdoviño...a cidade balura de Veria, baixo a de Cospeito, a do Puzo do Lago en Maside, a Antioquía da lagoa de Antela que no seu encanto mantén a un exército artúrico... sitios nos que na noite de San Xoán, cando a parroquia dos vivos fai reconto coa parroquia dos mortos, escóitanse voces e campás, a memoria dos desaparecidos. Cóntase que eran cidades de paganos, xentís, idólatras que lle negaron o pan a Noso Señor e a súa Nai cando andaban de peregrinos polo mundo ...entón aconteceu o castigo: "lago te asolago o derriba para abaixo" . Lendas comúns na Bretaña, en Irlanda, como a da Illa de Ys, castigada pola súa soberbia ...inspiradora para o bretón bardo céltico de arpa que segue sendo Alan Stivell. A auga do bautismo purifica e redime.
Nunha celebración de Santos do 1755 as ondas sísmicas do terremoto de Lisboa fixeron tremer Galiza, moitos grandes edificios mostran as cicatrices: o Colexio do Cardeal de Monforte, Oseira, Melón... a perda do importante caudal de auga quente das Burgas... e parece que quince días despois potentes olas lamberon unha beiramar despoboada, dende Marrocos a Finlandia e á Martinica. Ate entón os núcleos urbanos estaban protexidos no vértice das rías, ou sobre outeiros, mirando ó sempre respectado mar. A falla das Azores-Xibraltar, a foxa atlántica segue estando aí...e a bola do mundo segue a engurrarse na súa muiñeira astral.