Ao pé do peto das ánimas


No meu lugar de nacemento, á saída pra veiga, hai un peto das ánimas. Ao seu pé pasabamos tempo mentres os cabalos bebían nas pías. Tempos da infancia, da IIª República, de certa arcadia. Aquela república, e aquela arcadia, abortou. Inda sentimos o pranto. Que di ese pranto?

Que non se pode enganar indefinidamente aos pobos. Baixo o palio episcopal dicían os "malandros" sublevados que ían a unha cruzada de "revolución nacional sindicalista". Aqueles nenos non sabíamos o significado de nacional sindicalista. Podía ser o "vélaro de ouro". E aguantamos tempo.... Ao descubrir a patraña, interpretamos o sofisma: ían desfacer as redes dos campesiños que querían liberarse de trabucos, e manteren desigualdades e privilexios dos "fidalgos" e dos burgueses.

E chegou 1975 e despediuse o "maior"; as rúas voltaron seren dos nenos e os merlos cantaban nos salgueiros ao pé do peto das ánimas. Mentres facían asembleas os "notables"-mesmo entraron obreiros a compartiren.. Deron una lei de amnistía pra todos os malandros. E saíu unha "constitución", a de 1978. Por arte dos "magos" somos "un" reino, manda unha monarquía hereditaria, hai autonomía s, constan "dereitos" humanos v-g de vivenda, traballo etc. Case que un "vélaro de ouro", "un modelo de transición".

Algúns historiadores vivían un tanto atentos aos "ritmos económicos". Tocan bastos desde a década dos setenta; é dun "declive de longo prazo". As "socialdemocracias" van poder atallaren as caídas e refacernos tecidos con menos desigualdades?. Mais non, afunde o"socialismo real" e os "socialdemócratas" adoptan o neoliberalismo económico e así até a cuada..

A crise xeral que vivimos descobre: a solución da "transición" foi con trampa, seguiron os mesmos cans con outros colares, ataron as mans dos "loitadores"(pacto da Moncloa..), alternancia política (PP-PSOE), un sistema capitalista de democracia formal, de parlamento bicameral de dominio asegurado aos "dous",verbalismo compartido v.g. cambio tras cambio como Lampeduisa dixit. Iso é o tellado da mina que explotan os financeiros: o poder económico está na banca que domina o poder político, trata de manipular todos os podres.

Como discutíamos sobre o canto do merlo, dos reiseñores, dos xílgaros, arriba e abaixo ao longo do regueiro do meu lugar! Iso que fan estes días os "revoltosos" das prazas. Ese movemento xuvenil, con presenza de veterano barbudos, que abriron o melón do engano social, político e dos "medios". Iso que mornece o grito histérico do cambio da reacción ultradereitista. Mais "nós sós"; debilitados por oíren trompetas abafantes e soñaren co regueiro de xuncos, merlos e xílgaros. Nós aterecidos; agás lugares, urbes. Casos "raros", de excepción.

Vaia una opinión: o xogo partidario para gañar poder e mellorar a situación das vítimas é de louvar. Outra canción compre: descubrir a trampa centenaria que nos escraviza con enganos, provocación e mentiras. Ver como saíren da infancia arcádica á adultez liberada. Compre alento porque se alonga o vieiro á Itaca, mais que "futuro e alternativa", hai vereda e na vereda hai chan pra artellar futuro...