Andrés Torres Queiruga, 70 anos de pensamento en galego
29 de outubro de 2010 (00:00 h.)
Con motivo da xubilación de Andrés Torres Queiruga coma profesor de Filosofía da Relixión na Universidade de Santiago, a asociación Encrucillada organiza esta mesma semana unhas xornadas de homenaxe ao pensador galego. O xoves 28 e o venres 29 desenvolveranse no Salón de actos da Facultade de Filosofía da USC e o sábado 30 coincidindo co Foro da revista Encrucillada, no Auditorio de Galiza. Amigos e estudosos de Torres Queiruga irán repasando a súa extensa obra nestes días. Ademais dos relatores propios do país (XL. Barreiro Barreiro, Engracia Vidal, Xesús Ferro Ruibal, Alfonso Novo, Victorino Pérez Prieto, Pedro Fernández Castelao, Pilar Wirtz) poderemos escoitar a especialistas chegados do Estado Español, de Italia, Portugal e Brasil.
Andrés Torres Queiruga naceu en Aguiño (Ribeira) en 1940, estudou en Santiago, Comillas e Roma, ademais de longas estadías en Alemaña. Doutor en Filosofía e Teoloxía. Membro da Real Academia Galega desde 1980 e do Consello da Cultura Galega. Foi fundador e director da Revista Galega de pensamento cristián "Encrucillada" e é membro dos consellos de redacción de Sal Terrae, Revista Portuguesa de Filosofía, e a prestixiosa publicación a nivel mundial, Concilium, xunto a persoeiros como Hans Küng, Jon Sobrino ou J. Baptiste Metz.
Cando no ano 2003 lle concederon o premio Trasalba, o presidente da Real Academia, Barreiro Fernández afirmou que posiblemente estabamos ante a "cabeza intelectual mellor preparada de Galiza". Ademais do Trasalba conta Queiruga con numerosos premios e distincións como os da Crítica e Ensaio(1977 e 1985),Galego Egrexio (1994), de Investigación Losada Diéguez (1996), Galicia Comunicación(2003), e quizais o de mais repercusión o Premio Nacional de Tradución no 1990 que recibiu xunto a Fernández Lago, pola Biblia en Galego(A Biblia,Sept 1989) traducida á nosa lingua desde os textos orixinais, en hebreo, arameo e grego.
Non teño espazo para contarvos a peripecia da tradución dos libros litúrxicos ao galego que chegaron con 20 anos de retraso con respecto a Cataluña e Euskadi. O Caso é que após o Vaticano II e a aprobación das linguas vernáculas na liturxia "esquecéronse" do galego. Unha vez máis foron os galegos do exterior os que comezaron as reivindicacións. Torres Queiruga xunto a un gran equipo de voluntarios fixeron posibel a realidade. Mágoa pola tardanza, imaxinade que desde os anos 70 as parroquias todas celebrasen en galego...(o misal oficial en galego é de 1987, o catalán de 1975). Tampouco hai espazo para contar os atrancos oficiais á tradución, especialmente cando asemellaba á portuguesa.
Boto unha ollada o andel onde teño os libros de Torres Queiruga, conto uns 20, pero ten publicados cerca dos 40 e traducidos e publicados en Italia, Alemaña, Brasil... Contaríavos da súa sona en América Latina, onde acude con frecuencia convidado polas máis prestixiosas universidades, e a outros recunchos do mundo. Pero Torres Queiruga cometeu un "pecado" que o privou dunha maior proxección. O pecado non foi outro que apostar por Galiza, pola súa lingua e cultura, e polas súas xentes. Chegado de Roma coas máximas cualificacións na tese de doutoramento, topa co rexeito polo seu compromiso co galego:- Esperábamos tanto de ti y ahora nos vienes hablando en gallego!...foi o recibimento dun dos superiores en Santiago. Certamente Andrés fixo unha opción que o foi afastando dun brillante futuro de cargos e dignidades. Xa en Roma participou da creación do grupo dos "Irmandiños", estudantes sensibilizados coa causa da identidade nacional galega. Pero non foi só a lingua, senón tamén a aposta por unha teoloxía en diálogo co mundo e coa cultura, buscando novas linguaxes e interpretacións dos vellos dogmas. A Tese doutoral de Torres Queiruga en Roma consistiu nun fondo estudo sobre a evolución do dogma no filósofo galego Amor Ruibal(1869-1930). Curiosamente, Amor Ruibal foi tamén incomprendido polos seus contemporáneos eclesiásticos.
Nunca esqueceu Torres Queiruga as súas orixes mariñeiras e volveu sempre en defensa da súa xente, nas hemerotecas podemos atopar artigos seus denunciando situacións de abuso e freando cacicadas xunto o seu gran amigo Francisco Lorenzo Mariño, cura de Aguiño durante 40 anos e un comprometido patriota galego.
Pero a gran paixón de Queiruga, ademais da filosofía de Zubiri, Hegel, Heidegger...é a teoloxía, o repensar a Deus nun novo paradigma que sexa comprensibel e sobre todo humanizador. No seu gran libro A revelación de Deus na realización humana(Galaxia 1985) amosa xa as liñas do que será a súa creación teolóxica: a paixón de Deus non pode ser outra que a paixón polo ser humano realizado, é mais, Deus revelase na plenitude da persoa cando se vencen as inxustizas, desigualdades, clases...xa temos clara a conexión ca Teoloxía da Liberación. Comeza un traballo de recuperación, de repensar, de aí moitos dos seus títulos: Creo en Deus Pai, Recupera-la salvación, Recupera-la Creación, Repensar a Cristoloxía, Repensar a Resurrección, e o último e denso Repensar o mal que recolle o traballo de case toda unha vida intentando dar explicación ao problema filosófico da existencia do mal.
Non é un autor fácil en moitos dos seus traballos, que requiren unha gran formación filosófica e teolóxica para ser lidos, pero ao mesmo tempo ten a calidade de ser un gran pedagogo capaz de chegar a todos os públicos en conferencias, cursos, clases e tamén en libros máis sinxelos.
O saber concede liberdade para falar, e así Torres Queiruga fala sen medo á hora de analisar a situación da Igrexa, pero faino sempre desde un afán conciliador e positivo. Porén a sospeita e a envexa andan sempre soltas, e non lle faltan a Queiruga detractores que non perden oportunidade en desacreditalo e o tratar de herexe. Últimamente os ataques veñen da chamada "caverna", a extrema dereita organizada a través das redes informáticas. É o que ten navegar en augas turbulentas: a indiferenza do progresismo estándar, e o ataque desde odio dos que nin sequera son capaces do diálogo científico e recorren á descualificación persoal.
Teño claro que dentro de moitos anos, espero, conmemoraremos a obra de Andrés Torres Queiruga nun día das nosas letras. Entrementres podemos agasallalo co respecto aínda desde a discrepancia, e sobre todo cos parabéns merecidos por estes 70 anos creativos a prol da nosa patria.
Para rematar este anaco dun artigo de hai 30 anos, e de rabiosa e lamentabel actualidade:
"...nunca lle escoitei a ninguén en serio que os defensores da escola en galego pretendan ou teñan sequera o mínimo interese en que os nosos nenos no aprendan o castelán... Aclarémolo dunha vez: defender o galego na escola consiste simplemente niso, en deixar que deixe de ser unha lingua paria e de parias... Isto non implica o abandono do castelán, senón a recuperación do galego... recuperación incluso máis correcta e eficaz que o castelán." (23-IX-1979)