Adoctrinación da muller nos campamentos falanxistas femininos, I: Almeiras (Culleredo), 1940-1941

Adoctrinación da muller nos campamentos falanxistas femininos, I: Almeiras (Culleredo), 1940-1941
Entre 1940 e 1944 desenvolveranse nos meses de verán, no desaparecido pazo de Ombre (Almeiras, Culleredo), diversos campamentos de nenas das Organizacións Xuvenís da Sección Femenina, e cursos de formación de mandos femininos do Sindicato Español Universitario (SEU). Mais xa antes desta data constatamos en Galicia a existencia deste tipo de actividade doctrinaria dende 1938. De carácter masculino foron o “José Antonio” (A Estrada, Pontevedra, 1938), “Ramón Bermúdez de Castro” (Bergondo, A Coruña, 1938), “Pavía” (Bergondo, A Coruña, 1939), “Alto de los Leones de Castilla” (Ribadeo, Lugo, 1939). E, femininos, sería os campamentos “Sargadelos” (Cervo, Lugo, 1938, 1939…), “San Marcial” (A Ramallosa, Pontevedra, 1939, e instalado na finca “Escuela Pro Valle”, cedida por Manuel Lemos, en nome da “Unión Hispano Americana Valle Miñor”) ou Arillo (Oleiros, A Coruña, 1939).

Nesta primeira entrega, repasaremos os de Almeiras en 1940 e 1941.

O 6-8-1940 inaugúrase no citado pazo o campamento “25 de Diciembre de 1937” da Organización Xuvenil da Sección Feminina, na que participaron “flechas” de Ourense, Zamora e A Coruña (aproximadamente 100 “camaradas”), en tres quendas de 20 días cada unha: as dúas primeiras, para “frechas azuis”, e a última para “frechas”. Todas vestindo idénticos uniformes. Diversos xerarcas asistiron á inauguración: o gobernador civil, Emilio de Aspe Vaamonde, o xefe provincial do Movemento, Lorenzo Villalonga, o xefe provincial das Organizacións Xuvenís, Juan Arias, a delegada provincial da Sección Femenina, Amelia Molina, o asesor relixioso P. Ignacio Iruín e asesores da organización. Bendecíronse e visitáronse as instalacións (comedores, clínica, duchas, cuartos de baño, dormitorios). No patio central houbo izado de bandeiras e falou o xefe provincial, Villalonga, en nome de Sancho Dávila, delegado nacional das O. X, finalizando o acto co canto dos himnos dos frechas e o “Cara ao sol”, e os berros de “¡Arriba España!”

O Campamento pretendía a formación física e moral das mozas, para o que se impartirían clases de música, bailes rexionais, deportes e charlas “nacional-sindicalistas” e relixiosas.

Días despois da inauguración comezaron as conferencias de “nacional-sindicalismo”. Logo de breves palabras do asesor provincial de C. e Formación N. Sindicalista, Federico Soto, interveu o conselleiro nacional do SEU Juan Arias, que dixo: “Concebimos a la Falange como una muchacha morena, alegre y deportista, magnífica y entera, jamás como la España estéril e infecunda de otras épocas”. Logo cantáronse himnos e repartiuse a merenda. Máis tarde, as mozas, en formación, foron dar o paseo regulamentario.

O luns 12 visitaron o campamento o asesor relixioso, Pai Iruín, e o asesor médico, Fraga. O crego daría unha charla sobre “espiritualidad de la mujer falangista” e o médico afirmou que todas estaban en bo estado de saúde. O venres 17 será Enrique Mariñas, director artístico de Radio Coruña, sobre “La feminidad de la mujer en Falange”; tamén se anuncia que axiña habería unha sesión de cine organizadas polo Departamento de Cinematografía da O. X. O sábado 18 visitou o Campamento o secretario provincial do Movemento, Juan Miguel Daporta, que falou ás rapazas; o domingo 19 poderían visitar o Campamento os familiares destas.

O campamento clausuraríase o 26 de agosto. Ao acto asistiron o xefe provincial do Movemento, o xefe provincial da Sección Feminina, delegado provincial de O.X., comandante de Marina, o Pai Ignacio e o alcalde de Culleredo. Realizáronse demostracións de ximnasia, bailes e cantos. Falou o xefe provincial, Villalonga. Arriáronse bandeiras e cantouse o “Cara al sol”.

Un artigo publicado o 22-8-1940, titulado “O.J. Un día en el “Campamento 25 de Diciembre”, asinado por un tal. F.A., é moi ilustrativo do que era un día de campamento e da retórica que se estaba implantando nos discursos:

“Las Organizaciones Juveniles Femeninas han emplazado su campamento de verano en el lugar de Almeiras. Esta alegre e inquieta juventud forma un conjunto de cien muchachitas que proceden de todas las clases sociales. La Falange es hermandad y su pan lo reparte con todos”.
Logo de erguerse “entre trinos de pájaros y arrullos de palomas”, as mozas saían fóra a facer ximnasia, bañábanse en auga fría e arranxaban posteriormente os seus cuartos “con alegres tonillos esencias del folklore castellano y gallego –el uno recio, el otro dulce-“. Almorzaban, ían á praia, facían algún deporte e viñan comer, nunha mesa de pino que “ellas se encargan de adornarla con sus risas de cristal y con algunas flores cogidas entre las más blancas y las más perfumadas”. Descansaban un anaco e logo, “con recogido fervor y absoluto silencio, escuchan al asesor religioso de la Organización su charla, casi diaria, de Religión”. Outras veces, durante a semana, a esta mesma hora, “el gesto de las acampadas es marcial y el ánimo y el espíritu patriótico; escuchan la conferencia de formación nacional-sindicalista”.

No serán, merendaban, daban un pequeno paseo e retornaban ao campamento. Arriábanse as bandeiras, cantaban os himnos, ceaban e “a la hora del Angelus, en medio de una gran explanada, alrededor de una gigantesca hoguera, les habla la jefe de la expedición”, dando fin así á xornada. Logo rezaban o rosario e desfilaban cara os seus dormitorios “con paso religioso en espera del día siguiente, tan prometedor y excelente como el anterior”.

No mes de setembro de 1940, na segunda quenda, o Campamento será visitado polo inspector e asesor de Campamentos da Delegación Nacional de O.X., Luis Aguilar, e a inspectora nacional María Mainar, que estaban na Coruña. Clausurouse o sábado 21, coa asistencia do secretario provincial do Movemento, Juan Miguel Daporta, delegado provincial de Prensa e Propaganda, Luis Antón, asesor de C. e Formación N-Sindicalista, Federico Soto, delegada provincial da Sección Femenina, Amelia Molina, a rexedora provincial da O.X., Lolita Akerman e o crego Ignacio Iruín. No acto de clausura, as consabidas danzas, exercícios ximnásticos, bandeiras, discurso do xefe provincial, canto do “Cara al Sol” e oración na cruz dos caídos (o crego pronunciou a oración de Sánchez Mazas). A este Campamento asistiran mozas de Zamora, Ourense e A Coruña. (La Voz de Galicia (A Coruña): 7, 10, 13, 17, 18, 22 e 27-8-1940, 7, 21 e 22-9-1940; El Ideal Gallego (A Coruña): 3, 6, 7, 10 e 13-8-1940, 7-9-1940; Heraldo de Zamora (Zamora): 5 e 30-8-1940; El Día de Palencia (Palencia): 9 e 12-11-1940).

Transcorre un ano. En xuño de 1941 celébrase na agora chamada “Escuela de Mandos de Almeiras” un cursiño para delegadas locais, organizado pola S. F., que se clausuraría o sábado 21, coa asistencia do gobernador civil, xefe provincial accidental do Movemento, delegada provincial e secretaria provincial da S. F., xefe rexional de Milicias, asesor relixioso da S.F. e delegadas e rexedoras de todos os servizos. O xefe provincial “señaló la trascendente responsabilidad que implica el ser revestido de jerarquía, recordanto a este respecto algunas frases y consignas de José Antonio. Exhortó a las futuras delegadas locales para que enmarcadas en las normas de seriedad, silencio y disciplina, características de la Falange, desarrollen su labor con el pensamiento puesto en la grandeza de España”. Pola súa parte, o asesor relixioso tomou xuramento ás cursillistas e despois entregáronselle os nomeamentos. Os tres primeiros, polo gobernador civil, o alcalde de Culleredo e o xefe rexional de Milicias; o resto, pola delegada provincial da S. F.

Logo temos noticia de que o día 28 de xullo inauguraríase un campamento do “Sindicato Español Universitario” (SEU), no que participaron 62 afiliadas de Zamora, Salamanca, Cáceres, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Impartiríanselles leccións de diversas disciplinas, así como puericultura, cantos e bailes e deportes. Na inauguración estivo presente a esposa do dictador, Carmen Polo, acompañada da súa filla Carmen. Chegaran procedentes do pazo de Meirás, acompañadas polo gobernador civil, Emilio de Aspe, e o axudante de Franco, capitán de fragata Jesús Fontán. En Almeiras esperábana o capitán xeneral da Rexión militar, o gobernador militar, o alcalde da Coruña, o presidente da Audiencia Territorial, o párroco de Almeiras, o xefe provincial accidental de “FET y de las Jons”, o inspector nacional do SEU, o secretario xeral accidental do SEU, o inspector provincial e o secretario local accidental do Movemento, o xefe do SEM, delegados provinciais e secretarios de todos os Servizos do Partido, do SEU e da Sección Femenina, así como a xefa do Campamento, que lle ofreceu un ramo de flores. Izáronse no patio as bandeiras de España e do SEU, mentres as mozas, en catro ringleiras, entoaban o “Cara al sol” brazo en alto. Logo houbo visita ás instalacións. Finalizada esta, as mozas cantaron e bailaron cantos rexionais para Carme e a filla.

O 29 de xullo, as participantes no Campamento visitaron monumentos e rúas da Coruña; tamén realizarían unha excursión marítima.

O 11 de agosto inaugurouse o “Albergue Nacional Feminino” do SEU, un cursiño de mandos de 20 días ao que asistían as delegadas provincias desa organización. Levaba nesta ocasión o nome do primeiro xefe nacional do SEU “muerto por los rojos”, Alejandro Salazar. Asistiron o gobernador civil, de Aspe; o alcalde, José Crespo; o xestor provincial Rodríguez Rey; o coronel de Carabineiros Villalba Escudero; o crego Celedonio Fernández, do albergue de Bergondo, o secretario provincial do Movemento, Daporta, e o secretario local do Movemento, Langoni. Clotilde Salazar Salvador, delegada nacional do SEU rezou un pai noso e leu un parágrafo de José Antonio. Houbo izado de bandeiras, canto do “Cara al sol”, colocación dunha coroa de loureiro na cruz dos caídos, con oración do crego. Logo chegou o xefe provincial do Movemento, Diego Salas Pombo, que dirixiu unhas palabras, “prometiendo volver con más calma, ya que así se lo inspiraba su amor al SEU, del que procedía. Les dijo a las jóvenes que iban a aprender una de las cosas más difíciles, como es la de ser camaradas y hermanas. Se refirió a lo que debe ser la mujer universitaria y a su misión en el hogar y terminó afirmando que las mujeres deben ser cada vez más mujeres para que los hombres sean cada vez más hombres”.

Uns días despois, o 20 de agosto, sería o propio dictador fascista, Francisco Franco, o que visitaría os albergues do SEU en Almeiras e Bergondo. Ía acompañado polos xefes das súas casas civil e militar e os seus axudantes. Foi recibido polo capitán xeneral, gobernador civil, xefe provincial do Movemento, delegado nacional do SEU, e autoridades provinciais e do Movemento. Percorreu as dependencias e viu exercicios e bailes das rapazas da Sección Femenina, felicitando á rexedora do albergue. (La Voz de Galicia; 3, 20 e 22-6-1941; 12 e 30-8-1941; El Ideal Gallego: 29-7-1941, 29 e 30-7-1941, 6, 12 e 21-8-1941; El Compostelano (Santiago): 9-7-1941; El Pueblo Gallego (Vigo): 22-6-1941, 29-7-1941, 9, 12, 13 e 21-8-1941; ABC (Madrid): 21-8-1941; La Nueva España (Oviedo): 21-8-1941; Yugo (Almería): 30-8-1941; Imperio (Zamora): 25-7-1941; 2-9-1941).

Como podemos ver, os Campamentos non deixaron de ser un espazo de adoutrinamento de nenas e mozas, sendo impartidos, curiosamente, a maior parte dos relatorios doutrinais por homes.

Inauguracións e clausuras son un contínuo desfile de militares e dirixentes falanxistas, practicamente varóns todos, que supoñemos querían deixarse ver en tempos no que se están creando ou consolidando as novas estruturas de poder. Para as dirixentes da Seccións Femenina, pouco máis quedaría que as clases de puericultura, danzas rexionais, entrega de ramos de flores ou rezar algunha oración.