A voltas co camiño primitivo

A voltas co camiño primitivo

Quero en primeiro lugar dicir que non son experto dos camiños de Santiago, senón máis ben un curioso no tema e moderado practicante destas rotas históricas. Fixen en ocasións varios tramos do Camiño Norte, do Primitivo e do Francés ata chegar á confluencia de todos en Arzúa. Si podo dicir que estudiei e reconstruín o discorrer do Camiño Primitivo ao seu paso pola cidade de Lugo a partir dalgunhas referencias, bastante escasas, que aparecen na documentación medieval e moderna, e sobre todo dos elementos materiais que conservamos.

Pero malia iso, quizais polo desenvolvemento adquirido polo chamado Camiño Francés, foi algo ao que nunca se lle deu importancia, ata o punto de pasar por alto, máis por ignorancia que por desidia, que o primeiro camiño de peregrinación a Compostela pasaba pola cidade de Lugo.


Peregrinos ilustres

Ao longo da historia pasaron por Lugo peregrinos ilustres. Un dos primeiros foi o rei Afonso II O Casto, que tiña a corte en Oviedo, baixo cuxo reinado se descubriu o sepulcro do Apóstolo. En 1214 a tradición di que estivo en Lugo San Francisco e que fundou o convento da súa orde. De romeu para Santiago estivo Afonso XI en xullo de 1345. En 1412 San Vicente Ferrer aloxouse no convento de Santo Domingo e predicou aos fieis subido a un carballo. Ao seu regreso de Santiago os Reis Católicos hospedáronse no palacio episcopal do 10 ao 13 de outubro de 1486, do mesmo xeito que a raíña Mariana de Neoburgo os días 20 ao 22 de abril de 1690, de paso para Valladolid para casar con Carlos II.

O mesmo palacio serviu de residencia, entre maio e xullo de 1719, a tres Jacobos que peregrinaron a Compostela, o católico pretendente Jacobo III de Inglaterra e os seus curmáns Jacobo Butler, duque de Ormond e Jacobo Stuart, duque de Liria.

Aínda que por motivos políticos, en plena Guerra Peninsular, pasaron por Lugo, logo de estar en Santiago, Henry Richard, terceiro barón Holland e a súa dona Lady Elizabeth Vaasall Fox Holland, amigos de Jovellanos e protectores dos liberais españois.

,Un desenvolvemento espectacular

O falecido cura de O Cebreiro, Elias Valiña, foi un dos que contribuíron a revitalizar o Camiño, preocupándose dun xeito persoal en sinalizar o seu trazado marcándoo cunha frecha amarela, cor que podía ser outra calquera, pero que se debe a que houbo quen lle regalou uns botes de pintura que antes se utilizaba para a sinalización horizontal nas estradas, se fose hoxe seguramente a frecha sería de cor branca e reflectante.

Ao longo dos anos debido a unha serie de factores, as asociacións xurdidas que teñen por obxectivo a promoción dos camiños, así como as políticas institucionais, especialmente das comunidades autónomas por onde discorre o seu trazado, popularizaron esta ruta cada vez máis concorrida non só polos que a fan por devoción, senón tamén por outras razóns, estando aqueles que o consideran unha forma de facer turismo barato en tempos de crises como os actuais.

Os que coñecemos O Cebreriro, por poñer un exemplo, podemos advertir que o pobo actual non se parece en nada ao que había na década dos anos 80 do século pasado na que todos os veciños vivían da agricultura e a gandería. O único negocio de hostalería que existía era a hospedería anexa á igrexa. Hoxe parece que un se atopa paseando pola rúa do Franco en Santiago, xa que en cada casa hai un negocio de hostalería ou de venda de recordos. Os camiños, xa que logo, convertéronse nunha fonte de negocio que non pasou inadvertido para outros que mostran interese por eles.

Unhas delimitacións pouco rigorosas


Logo de ser declarado o Camiño Francés Patrimonio da Humanidade, agora fórono o Camiño Primitivo e o Camiño Norte. É verdade que todos os camiños conducen a Roma, e por extensión tamén todos poden levar a Santiago de Compostela, pero non debemos de esquecer que as primitivas vías romanas, que eran as autovías da época, aquí foron ata finais do século XVIII, en que se fixo o Camiño Real de Carlos III, as rutas utilizadas polos peregrinos. Como estas quedaran en desuso, as institucións decidiron delimitar o seu trazado, pero nalgúns casos atopáronse en que eses camiños foran usurpados por particulares incluíndoos nos predios lindeiros da súa propiedade, procedemento que tamén foi utilizado nalgúns casos pola propia Administración nalgunha concentración parcelaria. So á ignorancia se pode atribuír en moitos casos estes feitos.

Todo isto deu lugar a que as delimitacións non se axusten aos trazados orixinais ou históricos, non só para evitar litixios para recuperalos, senón ata por presión dalgúns alcaldes e particulares interesados en facer pasar o camiño por lugares polos que nunca discorreu, obviando os datos que facilita a microtoponimia e os documentos, especialmente os de leiras que adoitan referirse a el ao dar os lindes.

A delimitación oficial do Camiño Primitivo está chea de erros, que a Xunta non quixo corrixir en base ás alegacións, ben documentadas, presentadas por algunhas asociacións nas que están persoas cualificadas nesta cuestión. É absurdo ver preitear a unhas asociacións carentes de medios técnicos e económicos para defender o que é público ante os tribunais, cando por lei lle corresponde facelo á Administración, simplemente por contratar estes traballos con empresas de fóra, que descoñecen o tema ou incorporan como expertos a persoas carentes de coñecemento na cuestión, que fan informes e traballos de campo pouco rigorosos. É lamentable ver como a Administración ve ás asociacións interesadas na defensa do patrimonio como inimigas en lugar de telas como potenciais, leais e baratas colaboradoras.

A controversia da distancia


O Camiño Francés esta colapsado polo número de peregrinos que cada ano o percorre, aínda que o máis correcto é dicir que están colapsadas algunhas infraestructuras, especialmente os albergues. Parece ser que se nota máis nos últimos tramos debido á confluencia de varias rutas, o que crea innumerables problemas.

Algunhas asociacións específicas relacionadas co Camiño, propoñen que para conseguir a Compostelana se esixa camiñar como mínimo 300 quilómetros en lugar dos 100 que vén rexendo ata agora. As opinións están divididas, pois mentres que a Igrexa parece ser partidaria de mantela, outros ven imprescindible alargala, precisamente para diminuir a conxestión dos últimos tramos.

Estes inconvenientes poderíanse liquidar recomendando mediante unha propaganda eficaz as rutas alternativas do Camiño Primitivo e do Camiño Norte, pero para iso é imprescindible melloralas e dotalas de infraestructuras que hoxe non teñen.


É a hora de actuar

Logo da recente declaración destas rutas como Patrimonio da Humanidade, todo hai que dicilo coa sorpresa das autoridades locais por onde pasan porque non o esperaban, algo haberá que facer ademais das fotografías, as manifestacións aos medios da súa alegría e dos parabéns duns e outros. Agora vén o momento da verdade, que é o tratar de melloralas, coidalas e crear as infraestructuras necesarias para a atención ao peregrino e o camiñante, tanto a nivel institucional como privado.

Pero os camiños non só son un lugar físico de paso, senón que son tamén outros elementos materiais da súa contorna que na súa maior parte é necesario rehabilitar, restaurar e recuperar, bens mobles e inmobles, como igrexas, retablos, imaxes, arquitectura popular, pontes, calzadas, estética e paisaxe. E isto só pódese facer cunha serie de plans, preferiblemente coordinados, a desenvolver priorizando as necesidades, para o que se necesita unha avaliación do estado dos camiños e todo o referido da súa contorna, elaborar os proxectos de intervención, orzamentos e tempo. Para comezar algo deberían de facer as administracións poñendo como obxectivo o Ano Santo do 2021.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.