A traxectoria intelectual de Antonio Romero Ortiz
Un dos protagonistas civís da Revolución de 1846, Antonio Romero Ortiz (Santiago, 1822-1884, Madrid), desenvolvería, ao longo da súa vida, unha intensa actividade intelectual; certo é, tamén, que foi allea ao novo sistema cultural galego que estaba a nacer, (tampouco foi o único) e que florecería no Rexurdimento. Paradoxicamente, foi un profundo coñecedor da literatura portuguesa, que daría a coñecer en libros e artigos, e un grande defensor do iberismo.
Foi membro activo da Academia Literaria de Santiago. En febreiro de 1842 ano funda, con Xosé Rúa Figueroa, o semanario Santiago y a ellos, crítico-satírico-burlesco, que lle causou problemas, sendo clausurado ao 3º número. Neste ano colabora tamén con El Huracán, de Madrid, un xornal radical, escribe La razón de la sinrazón, -drama sentimental, con Xosé Rúa Figueroa-, e Quien puede con ellas, -comedia sociolóxica, tamén con Xosé Rúa Figueroa, estreada en Santiago en 1842 -outros autores din que o título era Quien pierden son ellas-. Contra o que alguén sostivo, Romero Ortiz non é coautor, con José Rúa Figueroa, do drama Fernán Pérez de Churruchao.
En 1845 funda, con Antolín Faraldo e Xosé Rúa Figueroa, El Porvenir, que dura ata o mes de agosto, sendo clausurado polo gobernador civil. Ten nel varias colaboracións literarias; aparece como un escritor libertario e cínico, e amosa a súa admiración por Larra e Espronceda. Ao ano seguinte, 1846, será, con Antolín Faraldo, o principal redactor de La Revolución, órgano da Junta de Gobierno de Galicia.
En 1848 colabora no Boletín Mercantil e Industrial, da Coruña. No nº 28, de 4-1-1848, sairá o seu artigo “Recuerdos de Portugal”; nun dos números posteriores, de 4 de maio de 1848, vén a noticia de que, ao día seguinte, en El Liceo, poñeríase en escea unha comedia en tres actos da súa autoría, El poeta y la poetastra. Romero Ortiz era socio correspondente desta entidade, Sociedade Artística e Literaria da Coruña. No citado artigo Romero Ortiz alude a que dera a luz, en varios números de El Clamor Público, varios artigos nos que se ocupara das relacións culturais e intelectuais entre os españois e os portugueses, constatando como vivían de costas uns dos outros, pero non os demos localizado.
Instalado en Madrid, é redactor de La Nación, que dirixía Xosé Rúa Figueroa, e colabora noutros xornais progresistas.
En 1849, impreso na imprenta madrileña de Andrés Ruiz y Díaz, aparece como un dos coautores do Diccionario de la Política, con Manuel Ruiz Quevedo e Eduardo Chao. Ao ano seguinte, 1850, publicará dous artigos no Semanario Pintoresco Español: “Una corrida de toros en Lisboa” (nº 4, 27-1-1850), no que expresa o pouco que lle gustaba esa “festa”, e “Una noche de máscaras en Villa-Hermosa” (nº 6, 10-2-1850).
En 1852 a revista coruñesa El Eco de la Revista, que dirixía Xosé Puente Brañas, nunha serie titulada “Escritores y hombres célebres de Galicia”, publicará en varios números unha relación de tales celebridades, atribuída a Xosé Rúa Figueroa e Romero Ortiz. E en 1853 realiza a tradución de Ricardo III, de William Shakespeare, da versión francesa de 1852 de Victor Séjour.
En 1855 escribe Amores a Nieve. Pieza cómica (nun acto e en verso), estreada en Madrid en decembro dese ano. É unha obriña que, en boa medida, evoca as súas relacións con Gertrudis Gómez de Avellaneda. O 20 de outubro deste ano tamén estreará, no Teatro de Variedades de Madrid, a súa comedia en verso Droguero y confitero, publicada en Madrid, na imprenta de Vicente de Lalama, 1853. Tres anos despois, en 1858, fundará La Península, voceiro da Unión Liberal.
Entre finais de 1862 e comezos de 1863 hai unha tentativa, por parte de Manuel Murguía, en que Romero Ortiz lle remese os seus datos biográficos, para o dicionario de escritores que estaba a preparar, pero non ten éxito. Romero Ortíz envíalle unha carta, datada en Madrid o 11 de febrero de 1863, na que lle di que “Difícil me es enviar a U. mis apuntes biográficos porque nunca me he ocupado de formarlos, aunque me los han pedido en distintas ocasiones; sin embargo reuniré esos datos cuando mis ocupaciones me lo permitan, y se los remitiré a U. […] Puede U., cuando guste, mandar a una persona de su confianza que recoja los dos volúmenes de estadística criminal que pongo a su disposición. […] He publicado otros libros y folletos, pero no conservo ningún ejemplar”. (Un dos amigos de Murguía destaca que Romero Ortiz era un grande bibliófilo).
No ano 1869 ven a luz o seu extenso e documentado libro La literatura portuguesa en el siglo XIX (Tipografía de Gregorio Estrada, Madrid), e tamén Memoria presentada a las Cortes Constituyentes el 12 de junio de 1869, publicado polo Ministerio de Graza e Xustiza. E entre 1869 e 1870 son numerosos e amplos os artigos que, sobre escritores portugueses, publica na Revista de España (a Marquesa de Alorna, Filinto, Bocage, Almeida Garrett, Castilho, Herculano e Castelo Branco).
En 1872 prodúcese unha vacante na Real Academia Española, polo falecemento de Antonio Ferrer del Río (o sillón Q). Prodúcese un movemento, promovido por Patricio de la Escosura, destacado masón como Romero, académico dende 1847 e nese momento ministro plenipotenciario en Berlín, para facer unha campaña de apoio ao ingreso de Romero Ortiz na Academia e evitar que o fixese un “neo”: así o manifesta nunha carta que lle envía dende Berlín, datada o 30-11-1872. O certo é que non é elixido, e si o “neo”, Antonio Arnao. Neste mesmo ano, con Carlos Sedano y Cruzat, publicará Cuba: estudios políticos, na Imprenta a cargo de M.G. Hernández, Madrid.
En 1879 é elixido presidente da Asociación de Escritores e Artistas Españois, ocupando o cargo ata 1881.
O 12 de marzo de 1880 é elexido membro da Real Academia da Historia, a proposta de Cánovas del Castillo, director da institución, e outros académicos, tomando posesión o 30 de xaneiro de 1881. O seu discurso de ingreso versou sobre Historia y vicisitudes de la magistratura conocida con el nombre de Justicia de Aragón. Este discurso de ingreso (e o de recepción) foron publicados en Madrid, na imprenta de Manuel G. Hernández, en 1881.
Neste ano 1880, nuns Xogos Florais celebrados en Pontevedra, organizados pola Sociedade de Xogos Florais e presididos por el, pronunciou un discurso, publicado en Santiago nese ano, no que, despois, de facer unha breve historia dos xogos florais e destacar a súa importancia cultural, dedica uns parágrafos ao “dialecto gallego”. Acepta en parte a acusación que se fai de que o apoio ás linguas rexionais pode significar un perigo para a unidade de España, aínda que estima que este perigo pode darse unicamente en Cataluña, pero non en Galicia. Di tamén que España, logo da noite dos tempos iniciada no século XVI, esperta, zarandeada pola Guerra da Independencia, á liberdade e ao progreso científico e literario.
Ten destacado Francisco Rodríguez que non menciona nese discurso a Rosalía, que xa tiña publicado había tempo Cantares Gallegos; tampouco o fai con Curros Enríquez, membro do xurado deses Xogos Florais, que publicara Aires da miña terra uns meses antes e era membro da loxa “Auria”, do Grande Oriente de España que dirixiría pouco despois Romero Ortiz.
En 1881 presidiu a comisión do Bicentenario da morte de Calderón de la Barca. (Madrid Cómico, núm. 23 do tomo II, 5 de junio de 1881, Ano II, nº 76).
En 1882 colabora na revista La Ilustración Cantábrica, dirixida por Alexandre Chao e editada en Madrid. O seu primeiro nº saiu o 8-1-1882, deixando de publicarse a finais do mes de agosto dese ano, no nº 24 (fora a sucesora de La Ilustración Gallega y Asturiana). Romero Ortiz figura neste primeiro número como "patrocinador de la sección de Galicia".
Foi tamén socio honorario da Real Sociedad Colombina de Madrid.