A supresión da Consellería de Cultura
11 de xaneiro de 2012 (23:00 h.)
Decía no artigo do mes anterior: "Tal como están as cousas a supresión da consellería estou seguro que ninguén a botaría en falta, dado que os seus cargos políticos, desde o conselleiro aos directores xerais, non se destacan pola terminación de proxectos iniciados polo anterior goberno nin pola posta en marcha doutros novos da súa iniciativa, nin pola xestión do presuposto, só están para cobrar a fin de mes. Así que aforremos".
Sería ilusorio pensar que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ou os seus asesores, len esta edición dixital de Terra e Tempo, e moito máis crer que tomou en consideración a miña reflexión sobre a inoperancia da dita consellería para facela desaparecer na remodelación que fixo do Goberno.
Por un lado estou satisfeito. Feijoo desfíxose dos conselleiros que non lle interesaban, empregando unha vella táctica política, a do nomeamento por elevación, eso si, gardando as formas e facendo ver que se trata dunha recompensa polo ben que o fixeron. O que ten un bo colaborador manteno.
Por outro, estou desencantado porque o conselleiro da Galiña Azul segue e asume as competencias desta consellería.
Volver aos anos oitenta
Así que volvemos ao inicio da autonomía, á época na que Fernández Albor, posiblemente aconsellado polo que era vicepresidente, Xosé Luís Barreiro Rivas, fixo desaparecer a Consellería de Cultura para poder xustificar o cese do seu amigo Filgueira Valverde, o conselleiro que nomeou a súa filla directora xeral do Libro e Bibliotecas, e ninguén se queixou polo nepotismo. É a segunda vez en trinta anos de autonomía que se fai esta operación.
A primeira durou tres anos, de 1983 a 1986, cando era o responsable de Educación Victor Manuel Vázquez Portomeñe, e aínda se estaban recibindo as transferencias do Goberno central. A segunda esta que durará arredor dun ano, ata as eleccións que serán o 21 de outubro, se as enquisas non dan unha desafección do electorado cara o PP. Pero hai un diferencia. A consellería de Cultura, tendo hoxe máis competencias, queda reducida a dúas direccións xerais.
¿É bo ou malo a desaparición da consellería? Neste momento é indiferente porque non está operativa, e o vai a seguir con Jesús Vázquez Abad e co seu delegado Anxo Lorenzo.. É certo, como dixo Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, que todas as comunidades autónomas que teñen lingua de seu, a teñen. E ¿que dixo Xosé Luís Méndez Ferrin, presidente da Real Academia Galega cando lle preguntaron? "Quen te viu e quen te ve". Non dixo nada, non vaia a ser que se moleste o poder.
De xeito que coñecendo as ideas e a forma de actuar do conselleiro que asume Cultura, seguirá inactiva, entre outras razóns porque con 79.915.860 euros, pouca cousa se pode facer nun país culturalmente moi rico e en precario.
O conto da austeridade
Feijoo, que está no plan de aforrar, facendo da necesidade virtude, véndenos a remodelación coma a estratexia da austeridade, cando a realidade é primeiro librarse dos petardos, soltar lastre como din algúns, segundo xustificar así a falla de investimentos. O aforro da remodelación é o chocolate do loro, o soldo dun conselleiro, o do outro vai para o secretario xeral de Cultura, o de cinco directores xerais, e o gasto de oito coches. Porque os secretarios xerais son funcionarios e seguen cobrando practicamente o mesmo e os conductores tamén. Falta saber se a función dos directores é asumida por outros funcionarios. Feijoo comezou o seu mandato facendo ver que suprimía os delgados provincias das consellerías, para aforrar, é o único cambio foi chamarlles xefes territoriais.
Así que a falta de ofrecer outra cousa, o presidente vende fume presumindo de ser a comunidade histórica co goberno máis reducido. Segundo La Voz de Galicia "Feijoo recupera su cetro de adalid de la austeridad en la España de las autonomías". Pero habería que engadir, e dos investimentos.
¿Oportunidade de cambio?
¿Serán as eleccións en outubro? Se as cousas fosen ben serían despois do San Froilán, na segunda quincena de outubro, pero o máis probable é que non. A razón, que Feijoo quere ser o espello do Goberno de Madrid, e o deterioro que vai sufrir tamén o pode arrastrar. Mariano Rajoy xa comezou a facer todo o que abominaba do Goberno de Zapatero. E como a maior parte da xente é masa, e a masa só e boa para facer empanadas, esa masa votante pensou que o PP lle ía baixar o IVE, subirá en marzo; os impostos, xa os subiron; volver a retribución dos funcionarios ao nivel que tiñan en 2010, segue conxelado e traballando máis horas, en marzo baixaranllo; poñer de novo o cheque bebé, mantén a desaparición; subir o salario mínimo interprofesional, conxelouno; crear postos de traballo, segue medrando o paro; non seguir as directrices da Merkel, faltoulle tempo para poñerse as súas ordes, etc. E a maior parte dos pensionistas cando vexan que despois de subirlle a pensión un 1 %, vai cobrar este mes de xaneiro menos do que cobraba no mesmo mes do ano anterior, vaise acordar de Rajoy e do PP, aínda que sexa militante. Pero é o que hai.
Así que Feijoo aguantará ata que remate a lexislatura e sen facer absolutamente nada, sendo o peor Goberno da historia da nosa autonomía, volverá a ser presidente, porque desgraciadamente non se ve alternativa. A oposición está moi entretida nos asuntos domésticos do liderado, e a xente xenuinamente de esquerda, que preferiu quedarse na casa nas eleccións autonómicas anteriores, e nas xerais de agora, incomprensiblemente descontentos do traballo dos seus, prefire aos do PP, seguramente porque así xa ten a quen criticar nas tertulias.