A reconquista é un mito fundacional


Deixei dito na primeira entrega que a Idade Media -convenientemente terxiversada e manipulada- foi o principal alicerce no que se asentaron as nacións modernas. A Historia de España, seguindo as pegadas de Sánchez Albornoz e Menéndez Pidal, constrúese a partires dunha inventada Reconquista, na que un reino de Asturias se transforma nun reino de León que acabará cedendo protagonismo ao condado máis oriental de seu territorio, que, á súa vez, se converterá en reino de Castela. Sucesivos avances sobre territorio musulmán rematarán coa conquista de Granada en 1492. Os godos, que foran invadidos polos árabes, recuperaron por fin o seu territorio. Este era o resumo e, naquelas historia de bacharelato, só había que amplialo con nomes de reis, matrimonios e datas de batallas. As ditas ampliacións eran certas, pero fallaba a síntese que pretendían completar.

Non vou entrar agora en algo de tanto interese para a historia de Galicia como é a confusión do estado coa súa capital política, o que levou a falar de reino de Oviedo ou de León ao que non era máis que o xa antigo reino de Galicia, a Yalliqiya ou Gallikkia dos musulmáns. Hoxe temos un reino de España coa capital en Madrid; pero ten estado noutras cidades, caso de Valladolid baixo o emperador Carlos I ou o seu neto Filipe III; mais nunca se falou de reino de Madrid ou de Valladolid e, mañá, a capital pode mudar para Barcelona ou Sevilla, pero o reino seguirá a ser España. Non esquezamos que Holanda ten dúas capitais e que a propia Unión Europea ten o seu parlamento en tres sés doutros tantos países. Galicia, aquela Galicia, era o reino e Santiago de Compostela a capital relixiosa, mais a súa situación xeográfica marxinal fixo que a corte avanzase cara a posicións máis próximas a al-Ándalus, perdendo así preeminencia a Galicia actual. Teremos, na altura do século X, un reino de Galicia co poder civil na sé de León e o eclesiástico na de Santiago.

No ano 711 entran abruptamente os musulmáns na Península, desbaratando o exército visigodo e facéndose con todo o territorio agás as montañas do norte. Díxosenos que os invasores africanos eran un fato de violentos que vestían raro, falaban máis raro e mataban a todo aquel que non se quixese converter ao Islam, e que os cristiáns en masa fuxiron para o norte e desde alí principiaron a Reconquista. Teño dito aos meus alumnos que imaxinasen que uns invasores os botaban das súas casas en Pontevedra, tendo que fuxir para A Coruña, onde seus pais se afanarían por procurar un medio de vida en cidade allea (e hostil; os visigodos e os montañeses non tiñan precisamente boas relacións), mentres pensaban en recuperar o que deixaron atrás; morren os pais e continúan eles, morren eles e continúan os netos... Sempre coa teima de recuperar a casiña de Pontevedra, e así durante case... 800 anos. Pegáballes a risa. Pois iso é o que din os libros de historia: que uns godos estiveron durante case 800 anos loitando por recuperar a súa casiña, o que provoca hilaridade a calquera que o pense.

No Baixo Imperio, a Península e a Mauritania Tinxitana (zona da actual Marrocos) formaron unha Diocese dependente da Prefectura das Galias. Todo o norte de África foi unha das zonas máis cultas do Imperio; pensemos en San Agostiño e na visita que lle fixo o bracarense Orosio, e parece ser que na cristianización da Península tiveron un papel importante eclesiásticos vindos desta zona africana. Caeron logo en mans dos vándalos, foron recuperados por Bizancio, aínda imperio romano de Oriente, e remataron dentro da órbita musulmá. Por lingua e cultura, moitos dos que entraron non eran, xa que logo, moi diferentes dos peninsulares, e boa parte deles aínda tiñan moi fresca a conversión e unha enorme heterodoxia. Cando desembarcaron, estaba o exército visigodo en territorio vascón, tentando, unha vez máis, manter a raia aos belicosos e aínda politeístas vascos (azote de igrexas lles chamaban, ata a súa logarítmica conversión, segundo o medievalista García de Cortázar, en contacto cos colonos cristiáns asentados na súa veciñanza en tempos de Afonso I). Sempre escoitamos que Navarra non é Euskadi, tentando ocultar ou ignorando que os vascos, entre os séculos V e VII, se espallaron polos Pireneos ocupando o norte de Aragón e máis alá ata Urgell, Andorra e Cerdaña, onde, segundo Bartolomé Bennassar, abondan topónimos tardíos que denuncian este expansionismo. Ocuparon tamén, nesa altura, a zona comprendida entre o río Garona e os Pireneos, de onde procede o nome de Gascuña (
Os musulmáns, afeitos a convivir coas “xentes do Libro” (a Biblia), non forzaron conversións, senón que permitiron que os cristiáns baixo o seu dominio mantivesen as súas actividades, así como os seus propios xuíces e bispos. Cousa distinta é que os mesmos mozárabes, os cristiáns de al-Ándalus que non trocaron de relixión, arabizaron no lingüístico, atopándose Afonso VI con que os moradores cristiáns de Toledo, no século XI, xa unicamente falaban árabe, e as propias elites, caso do xuíz dos cristiáns de Córdoba ou o mesmo bispo, tiñan, en 962, nomes como Walid ibn Khayzuran ou Asbagh ibn ‘Abd Allah respectivamente. Calculouse que, ao entrar os musulmáns, habería uns 7 millóns de habitantes na península, cifra que se debeu de manter estable no século XI, cando, seguindo a Thomas F. Glick, vemos que o 80%, é dicir, uns 5,6 millóns tiñan aceptada a relixión musulmá alá polo ano 1100. Non resulta estraño, pois a conversión abría as portas do ascenso social e evitaba pagar o imposto de capitación, que só afectaba aos non musulmáns. Cantas conversións habería hoxe ao Islam, se nos librasen de pagar o IRPF?

A Reconquista que nos ensinaron e na que España baseou a súa historia semellaba ter sido unha loita sen cuartel contra os musulmáns, cando a realidade foi moi diferente. Dicíasenos que Almanzor chegou a Santiago e destruíu a igrexa do Apóstolo no ano 997; o que non se nos dicía é que nobres galegos do sur do Miño acompañaron voluntariamente ao exército musulmán. É máis, segundo lemos en Pierre Bonnassie, trala toma de Barcelona por Almanzor (985) “É moi posible que tivesen participado [mercenarios cataláns], xunto a compañeiros de armas navarros, vascos, leoneses e casteláns, na grande campaña de 977 que debía de se coroar coa toma de Santiago de Compostela polo propio al-Mansur”. As alianzas cristiáns-mouros foron o habitual ao longo dos séculos:

Se o rei de Galicia Sancho o Gordo, despois dunha cura de adelgazamento en Córdoba, recuperou o seu trono, no ano 959, coa axuda militar do califa Abderramán III, Pedro II de Aragón, en 1283, para loitar contra Francia pediu axuda militar, concretamente besteiros e lanceiros, aos mouros do seu reino de Valencia. Na Guerra Civil (1282-1283) entre Afonso X e o seu fillo, o futuro Sancho IV, o rei chama no seu auxilio aos Banu Marín de Marrocos, chegando con eles case ata Toledo, mentres o fillo contou coa axuda do rei mouro de Granada. A así, sen falar do Cid, poderiamos seguir con moreas de citas. Outro tanto temos con respecto aos casamentos, dos que só traerei dous casos: o de Vermudo II, quen, para atraer a Almanzor, envioulle unha súa filla, o que non impediu que, tras gozala, viñese destruír Compostela. O outro exemplo é o do tamén noso rei Afonso VI, quen, malia as súas varias esposas e concubinas, só conseguiu ter un fillo varón, Sancho, da súa unión coa princesa Zaida de Sevilla.
En oito séculos houbo loitas con, contra e entre mouros e cristiáns, paces, pactos e conquistas, pero as diferenzas entre os godos que perderon o seu reino en 711 e os casteláns que conquistaron Granada en 1492 eran, culturalmente falando, abismais. Os que completaron a conquista (sen re-) da Península non foron os mesmos que a perderon. A aqueles, aos Reis Católicos, dedicaremos a seguinte entrega.