A quen debemos o estado do benestar?
14 de maio de 2011 (00:00 h.)
Días atrás tiven oportunidade de asistir a unha conferencia sobre o denominado Estado do benestar ou Estado social, tema moi oportuno nos tempos que
corren. Cun primeiro e superficial golpe de vista decateime de que entre o público asistente predominaba o breve segmento ideolóxico que se traza entre progresía e socialdemocracia, algo aparentemente lóxico dado o título convocante, pero que en realidade presupón a arrogación gratuíta dunha falsa paternidade.
O núcleo da exposición e debate situouse, comprensiblemente, no actual proceso de desmantelamente dese tipo de Estado. Deixemos agora de lado o acerto ou non de incluír a España saída do desarrollismo dos anos 60 entre os estados do benestar, cunha proporción de emigrantes que en Galicia era catastrófica, uns índices de paro aínda así elevados e unhas condicións de vida entre amplas capas da poboación moi alonxadas do benestar, por non falar do benestar posible baixo o fascismo. Conveñamos (para non discutir eses detalles) en que a estabilidade no posto de traballo e a universalización do ensino, a sanidade e outras prestacións sociais públicas autoricen a falar, tamén aquí, de Estado social, sobre todo se o comparamos co modelo neoliberal.
O que me chamou a atención foi que na explicación da súa xénese histórica -da que se dan os primeiros pasos na Alemaña de finais do século XIX e se xeneraliza como modelo no período de entreguerras (anos vinte do séc. XX), seguindo as recomendacións teóricas do economista Keynes-, se puxese todo o acento nos factores endóxenos, como se o Estado do benestar fose resultado da execución dunha terceira vía socialdemócrata, pretendidamente equidistante do capitalismo e do comunismo, menosprezando en cambio dous factores de contexto tan notoriamente relevantes como foron, en significativo paralelismo cronolóxico, por un lado o desenvolvemento do movemento obreiro comunista, desde a Comuna de París de 1871 ata o despregue da IIIª Internacional, pasando naturalmente pola revolución soviética de 1917, e ao mesmo tempo a expansión imperialista, que no caso europeo ten como data referencial o ano 1885 (Congreso de Berlín, no que se reparte África), para acadar nas décadas seguintes o seu paroxismo brutal.
Precisamente na conxunción destes dous fenómenos de enorme alcance histórico é onde coido que se deben procurar as verdadeiras razóns da posta en marcha do chamado Estado do benestar europeo, mediante o cal se quixeron superar da forma menos traumática posible (e por tanto menos propensa ás respostas revolucionarias) as fases sucesivas de reconstrución subseguinte á Iª Guerra Mundial (anos 20), da Gran Depresión dos anos 30 e da nova reconstrución posterior á catástrofe da IIª Guerra Mundial (anos 50 e 60). Despois da Revolución rusa de 1917 (e da húngara de Bela Kun e dos espartaquistas alemáns en 1919) a supervivencia do capitalismo, acosado pola potencia do movemento obreiro, organizado nos fortes partidos comunistas da IIIª Internacional e susceptible de contaxio revolucionario, pasaba pola concesión de melloras sociais e económicas en favor dos traballadores,.
Mais estas concesións non estaba previsto facelas a costa dos beneficios do capital (o cal iría contra a propia esencia de desenvolvemento capitalista), senón grazas ao prodixioso aumento das taxas de beneficios que reportou o saqueo de África e do chamado Terceiro Mundo en xeral. Este plus de beneficios que revertiu nos grandes oligopolios occidentais permitiulle ao gran capital (dono dos Estados) mostrárense moderadamente xenerosos cos traballadores nacionais, atenuando os efectos máis extremos da explotación mediante a xeneralización das prestacións sociais e o fomento do consumismo, algo que resultaba á vez politicamente útil e economicamente rendible: ampliábase o mercado interno, aminorábase a contestación social e as grandes masas da poboación, integradas politicamente na democracia, convertíanse, na proporción correspondente, en beneficiarias e cómplices do imperialismo.
Por tanto, é completamente arbitrario incluír o Estado do benestar no haber da socialdemocracia, erro que un simple repaso histórico contradí con facilidade. As primeiras medidas nese nova (e pasaxeira, como hoxe se comproba) orientación do capitalismo europeo foron adoptadas a finais do séc. XIX na recén nacida Alemaña polo chanceler Bismarck (que non tiña absolutamente nada de socialdemócrata), alertado pola experiencia da Comuna parisina e tomando en seria consideración a importancia do movemento obreiro alemán.
Durante os anos 30 do pasado século o modelo keynesiano aplicouse, en proporción variable, en moitos lugares do mundo, incluídos os Estado Unidos baixo a presidencia de Roosvelt (a quen sería esaxerado cualificar de socialdemócrata). Despois da IIª Guerra Mundial (durante os anos 40 e 50) constituíu a política económica característica de Europa occidental, posta en práctica por socialdemócratas/socialistas, cristián-demócratas e incluso polos "desarrollistas" do franquismo. Mais en canto a ameaza comunista desapareceu e comezaron a flouxear os macrobeneficios imperialistas por culpa da concorrencia dos "emerxentes" e dos proxectos emancipatorios latinoamericanos, todos eles se aprestaron a desmontalo, desde os tatcheristas neoliberais ata os socialistas Felipe González/Zapatero, pasando polo laborista Blair.
Ponse entón de manifesto que as deferencias entre neoliberalismo e socialdemocracia son de matiz na xestión do capitalismo e de formas (con oferta de talantes a gusto do consumidor). A mellora nas condicións de vida da gran maioría da poboación europea foi resultado da loita dos traballadores nunha fase en que os capitalistas se viron en condicións de ceder para evitar o conflito, e incluso sacarlle rendemento.
Así se entende que hoxe o gran capital, intransixente sempre na preservación da integridade dos seus privilexios económicos, cando non os pode seguir obtendo fóra, volva a reclamalos dentro, coa prepotencia con que o fai, e co acordo unánime de todos os seus xestores políticos, chámense como se chamen.