A muralla de Lugo na idade moderna


Para que os lectores teñan unha idea máis concreta do que foi e é a muralla romana de Lugo, un edificio con máis de 1700 anos de existencia, e xa que logo de historia, declarada ben Patrimonio da Humanidade, imos falar hoxe do período comprendido entre nos séculos XVI ao XVIII.

Co levantamento irmandiño de 1467 e as posteriores medidas tomadas polos Reis Católicos entramos na Idade Moderna, Nesta etapa a muralla vai coñecer unha ausencia de conflitos bélicos de maneira que a súa degradación vai ser consecuencia do paso do tempo e da acción humana.

A muralla era do bispo por razón do señorío e a el correspondía a súa conservación, e así o fai ata a primeira metade do século XVII, en que o rei responsabiliza ao bispo das reparacións, pero no século seguinte, vemos ao Concello tomando decisións neste tema cando antes só se preocupaba de denunciar o seu estado. Así ocorreu a principios do século XVI, cando solicitou a Carlos I e a dona Juana, un imposto de mil ducados, que concederon o 5 de marzo de 1523 para atender ás reparacións xa que los muros de la dicha çibdad estan muy aportillados y las torres dellas caydas y otras para se caer.

Opúxose o Cabido da catedral por consideralo innecesario, pois o gobernador e os alcaldes maiores que estiveran na Lugo mandaran facer as reparacións. Atrasouse o cobro debido á pobreza da veciñanza, e á obrigación que tiñan os bispos de facer os arranxos.

As taxacións dos bispos

Cando entraba un novo bispo, ben por falecemento ou por traslado a outra sé, o entrante mandaba facer unha revisión do estado en que se atopaban os edificios que dependían da mitra, como os palacios, o castelo e a muralla, taxando os danos. Se o anterior prelado non fora dilixente no seu mantemento, o sucesor reclamáballe a cantidade necesaria para facer as reparacións, aínda que houbo quen non as fixo quedándose cos cartos. De maneira que ao longo do século XVI case todos os prelados preitearon entre eles por estas cuestións.

O bispo don Juan Suárez de Carvajal (1539-1562) queixouse a Carlos I do mal estado en que recibía as casas e fortalezas, cuxos danos foran taxados. O 8 de marzo de 1543 ordenou facer unha nova taxación e o 18 de maio de 1545 obrigoulle a pagar 359.886 marabedís ao seu antecesor don Martín Trisitán Calvete (1534-1539).

Tras a renuncia de don Juan Suárez de Carvajal o 30 de setembro de 1562 unha Real Provisión manda ao procurador do bispado que deixase libres os bens embargados ao bispo e ao seu mordomo Francisco Reciente, por terse depositado suficiente fianza.

O 16 de setembro de 1563 o novo bispo don Francisco Delgado (1562-1566), fai a mesma reclamación. Solicita o nomeamento de taxadores e que se abonasen os danos polos seus antecesores para poder acometer as obras. As deterioracións foron avaliadas en máis de 5.000 ducados, ademais dos 500.000 marabedís que don Juan Suárez de Carvajal cobrara de don Tristán Calvete, sen facer ningunha reparación. En 1579 condenaron a don Juan a pagar as dúas terceiras partes das taxacións e a outra terza a don Francisco Delgado.

Don Fernando de Velosillo (1567-1587), tamén reclamou ao Real Consello o 10 de novembro de 1567. Efectuada a taxación o bispo pediu o pago dos 567.074 marabedís para a restauración. Pero don Francisco Delgado manifestou que o preito sobre a reclamación feita ao seu antecesor aínda estaba sen fallar, dicindo que non entanto durante a súa permanencia no bispado de Lugo se ocupara dos arranxos máis necesarios.

Por Real Provisión de 3 de abril de 1570 conseguiu que os dous antecesores lle pagasen uns 2.000 ducados destinados ás obras de conservación. Por sentenza de 25 de novembro de 1573 absolveron a don Francisco Delgado e condenaron a don Juan Suárez de Carvajal a pagar 577.074 marabedís. Recorreu a sentenza pero foi confirmada ao ano seguinte. Volveuse a recorrer fallándose o 30 de setembro de 1579 no sentido de que don Juan Suárez de Carvajal pagase dous terzos do importe das taxacións e don Francisco Delgado un.

O bispo Velosillo morre o 22 de febreiro de 1587. Pouco despois, o 7 de agosto, o procurador xeral Luís de Castelo Reymondez, manifesta ao Real Consello que a muralla estaba tan cayda y maltratada que por ser como hera una fuerza tan ynportante, y la mejor que abia en todo el reyno, conbenía a nuestro serviçio que con mucha brevedad se reparase, engadindo que don Fernando de Velosillo tivera tan pouco coidado en reparala que abía venido en deterioridad. En consecuencia decrétase o embargo dos seus bens e ordénase facer novas taxacións. Os herdeiros opóñense e din que as reparacións correspondían ás cidades e vilas, pero unha real provisión de 20 de xaneiro de 1597 ordena pagar máis de 4.000 ducados ao bispo don Lorenzo Asensio de Otaduy e Avendaño (1591-1599), procedentes do espolio de don Fernando de Velosillo polos danos dos distintos edificios episcopais, entre os que está a muralla.

A Muralla nos séculos XVII e XVIII

As disputas entre os bispos continuaron no século XVII. Don Diego de Castejón e Fonseca (1634-1636) tamén reclamou a don Diego Vela Becerril (1624-1632), que foi trasladado a Tui. O Real Consello ordenoulle que nomease un taxador. No caso de que os dous taxadores non se puxesen de acordo nos danos, nomearían un terceiro, aceptándose o que acordasen os tres.

Na segunda metade do século XVIII, a muralla vai sufrir notables desfeitas, ao aforar o Concello os terreos situados entre as torres para construír casas co que pensaban que se evitarían os danos dos paramentos e ao mesmo tempo obtiñan ingresos para a renda de Propios. Pero algúns incumpriron as condicións do foro ao facer escavacións na muralla para ampliar o seu predio, dando lugar a que as autoridades municipais, e ata o capitán xeneral do Reino de Galicia, don Pedro Martín Cermeño, tomen serias providencias para evitar estes desmáns.