A lingua, nai do año


Recentemente tiven a oportunidade de ler un proveitoso artigo de Cibrán Arxibai relativo ao Día Internacional da Lingua Materna, onde se denuncia como “Ano tras ano, a Xunta vén deturpando o significado que a UNESCO lle outorgou desde a súa institución”, por medio da publicación dunha declaración que destaca pola súa hipocrisía. Con algo máis dun mes de atraso, quero aproveitar este espazo para retomar o fío desta efeméride internacional que se celebra o 21 de febreiro, pois as reflexións que me suscitou transcenden ese día.

Detrás da denominación augada e descafeinada de ‘día internacional da lingua materna’ agóchase unha loita en defensa da lingua dun pobo fronte á tentativa por parte do Estado de impor unha lingua allea. A data ten as súas orixes nunha marcha ilegalizada no antigo Paquistán Oriental –hoxe Bangladesh– en 1952, que reivindicaba o bengalí fronte ao urdú que o goberno pretendía impor como lingua oficial única a todo o Paquistán. Recuperar e reivindicar as apelacións alternativas e tamén máis acaídas ‘Día da revolución da lingua’ ou ‘Día dos mártires da lingua’, en honor aos oito manifestantes que morreron baixo as balas da policía e as rodas dos seus camións, axudaría a revelar o duro que pode chegar a ser ter que combater para preservar o propio fronte ás imposicións alleas.

Mais non é só a reivindicación do carácter xenuíno da defensa histórica do bengalí como símbolo da loita para a emancipación lingüística dos pobos asoballados do mundo que me motiva, senón reflectir sobre o concepto mesmo de ‘lingua materna’, que calquera lingüista que se prece utiliza pouco debido a un alto grao de imprecisión que se presta a confusións e más interpretacións. Na súa acepción máis obvia, trátase da lingua que se aprende da nai, mais así só ten sentido ao nivel individual sen a máis mínima transcendencia social, polo que nada axuda a esclarecer situacións sociolingüísticas diglósicas como a galega. Poñamos a miña filla como exemplo: ao ter aprendido francés da súa nai, será esta, pois, a súa lingua materna, fronte ao inglés que aprendeu do seu pai, sen que ningunha destas teña calquera importancia na situación sociolingüística no país onde vive e con que se sente identificada. A lingua en que máis soltura ten é o galego, mais non pode ser esta a súa lingua materna, xa que, loxicamente, como as nais, só pode haber unha…

Estas elucubracións baseadas na miña casuística particular van máis alá do simplemente anecdótico: por un lado, non é tan inhabitual hoxe por hoxe na Galiza dar con familias onde se utilizan linguas diferentes das dúas cooficiais. Mais, sobre todo, este tipo de determinismo lingüístico, que nada ten a ver co apego a unha determinada lingua grazas a ou malia as circunstancias en que cada un/ha crece, serve de alicerce ideolóxico para sustentar grande parte do argumentario do Partido Popular e os seus lacaios na súa cruzada para acabar cos hablas bárbaras e impor a lingua cervantina (?) de Madrí como símbolo desta España única, grande y libre con que nunca deixaron de soñar. Así, a tristemente célebre Consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario de Galicia –finalmente declarada de nula validez xurídica polo TSXG– repousa sobre a potestade de as nais e pais determinaren cal é a lingua das súas crianzas en función da que utilizan para se dirixiren a elas, para logo impartir docencia ‘respectando’ a lingua materna maioritaria... É o mundo ao revés: o ensino debe garantir que o alumnado sexa quen de se desenvolver plenamente e a todos os niveis nas dúas linguas cooficiais, polo que loxicamente habería que reforzar o coñecemento activo do galego en ámbitos cultos do saber para paliar as deficiencias actuais derivadas da situación diglósica. En todo o caso, como é obvio, os centros educativos son elementos sociais cuxa planificación pedagóxica non pode depender de simplismos populistas que perseguen fins concretos (o exterminio do galego como elemento diferenciador do pobo), recorrendo, ao fin e ao cabo, a conceptos anticientíficos e reducionistas como ‘lingua materna’ ou, se se preferir, ‘lingua familiar’, entendida como aquela que, polas razóns que foren, as nais e os pais optan por transmitiren á súa prole.

Ao redor do concepto ‘lingua materna’ xira tamén o preconcepto de que ‘o galego hai que mamalo’ (por que razóns non se podería aprender como calquera outra lingua do mundo?), que serve, á súa vez, para perpetuar a perniciosa distinción entre ‘neofalantes’ e ‘falantes nativos’. Trátase dun dos grandes obstáculos que impide que se inicie a revitalización lingüística en situacións onde, por motivos de dominación política, existe unha ruptura na transmisión ‘natural’ interxeracional e onde as persoas ‘neofalantes’, que non merecen ser menosprezadas por non teren chupado o galego da teta desde a máis tenra infancia, poden chegar a desempeñar un papel destacado na recuperación da lingua.

Nun artigo titulado ‘Gallaica lingua: quo vadis?’, publicado nos Cadernos da lingua da RAG (revista da que é director), Manuel González González, profesor da Universidade de Compostela e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, escribe o seguinte: “E é especialmente preocupante o que é unha variedade de galego utilizada por un número crecente de falantes, maioritariamente urbanos, que teñen na súa maioría o castelán como lingua materna”. Sen caer na trampa de que calquera tempo pasado foi mellor coa mitificación das xeracións inmediatamente anteriores como depositarias dun galego impoluto, concordo en que hoxe por hoxe existe unha perda importante de calidade lingüística por influencia do español, ou sexa por influencia política allea, non por vontade propia ou espontánea d@s falantes. Porén, o que a min máis me resulta “especialmente preocupante” é que se deixe de falar a lingua da Galiza, tanto nas súas vilas e cidades, como nas aldeas.

O egrexio autor non dubida en falar de “verdadeiros galegofalantes”, sementando unha confusión maior cando realmente quere dicir “galegofalantes verdadeiros”, pois un/ha verdadeira/o falante é calquera que fale a lingua, sexa quen for e veña de onde viñer. Ou talvez el non opina así: haberá quen o é e quen non é máis que unha triste imitación dun/ha ‘xenuín@’ galegofalante que mamou a lingua desde o berce e no colo da súa nai? E de aí só fica un paso para acuñar o aberrante denominación de “galegofalantes auténticos”, como se o resto dos mortais, que nunca poderíamos aspirar a tan ilustre rango, fosemos galegofalantes adulterados, finxidos, ilexítimos ou fraudulentos.

Persoalmente admiro a fonética e os recursos estilísticos de persoas que creceron desde sempre co galego, do mesmo xeito que admiro outras persoas que aprenderon o galego máis adiante e se afanan en faceren un uso esmerado del. Mais non por isto divido perniciosamente o mundo en castas segunda a súa estirpe lingüística. A división que eu fago é máis sinxela: entre quen fala galego e quen español, sen importarme cal puido ser a lingua que lle falou o seu pai ou a súa nai. Para min, non hai falantes auténtic@s, verdadeir@s por un lado, fronte a neofalantes polo outro: só falantes.

Basta xa de racismo lingüístico! Abondo temos con nos defendermos do español sen que se sementen falsas divisións entre nós. Máis que nunca é a hora de camiñarmos xunt@s tod@s @s galegofalantes para defendermos a plena restitución da lingua nacional da Galiza, que máis que mamala hai que amala.