A fonte de Porta Miñá de Lugo leva dous anos esperando que a Xunta termine a súa recuperación
12 de maio de 2011 (00:00 h.)
Lugo é unha cidade non sei se con mala sorte, malos xestores ou pouco reinvindicativa, porque calquera obra que se proxecte ou inicie non se termina en menos de dez anos. A recuperación da fonte de Porta Miñá vai tamén por este camiño. No ano 2001 fixéronse obras de urbanización na zona e no seguimento arqueolóxico detectáronse estruturas desta fonte que ten a súa orixe nun pozo medieval.
No ano 2003 ao rehabilitarse para hotel o Pazo de Orbán descubriuse a estrutura soterrada da fonte no interior do edificio construído en 1769. Segundo os arquitectos autores do proxecto, Alberte González e Jorge Salvador, a súa recuperación tiña unha dobre finalidade, por unha banda recuperar a fisionomía da fachada Leste do edificio e por outra recuperar o espazo ou pequena praza situada entre a porta da muralla romana, o hospital de peregrinos de San Miguel e a fonte.
No ano 2006, Ignacio Rodríguez Eguibar, xerente da SA. de Xestión do Plan Xacobeo co bipartito, interesouse por esta fonte dentro das accións de recuperación e potenciación do Camiño Primitivo que pasa por este lugar. No ano 2007 fíxose a escavación e no 2008 redactouse o proxecto de rehabilitación tendo en conta os datos obtidos da intervención arqueolóxica. Estaba previsto que no ano 2009 se iniciasen as obras de recuperación da fonte e do seu contorno, pero o cambio de goberno paralizou o proxecto. E así levamos dous anos.
Ante esta pasividade e desinterese da Consellería de Cultura e Turismo, o alcalde de Lugo José Clemente López Orozco pediu en varias ocasións que lle entreguen o proxecto para executalo con fondos do Plan Urban, pero non o consegue, de maneira que aos responsables actuais ben se lles pode aplicar o dito de que "nin comen, nin deixan comer".
O exemplo de Santiago de Compostela
A situación de Lugo contrasta coa que, para un caso similar, se deu en Santiago de Compostela. Alí tamén durante as obras para reurbanizar a rúa de San Clemente, apareceu unha fonte de orixe medieval entre esta rúa e a chamada Avenida de Raxoy. Un ano despois pódese ver a acertada recuperación deste espazo urbano, non só polo feito de pór en valor un elemento arqueolóxico que estaba oculto senón pola actuación no contorno que gañou tanto en amplitude como en estética.
A fonte, que fora descuberta no mes de abril do ano 2010 a unha profundidade de dous metros, foi visitada por moitos composteláns mediante visitas guiadas organizadas polo Concello, un labor pedagóxico destinada a concienciar aos cidadáns da importancia que ten a recuperación destes elementos urbanos do pasado que contribúen a achegar máis elementos para a historia da cidade e para o turismo.
Segundo os datos arqueolóxicos a fonte, posiblemente do século XIV, sería tapada a principios do século XIX. A documentación histórica relaciónaa co Colexio de San Clemente.
A fonte está formada pola chamada arca, que é o lugar de captación, saíndo a auga ao exterior por un caño. A auga cae sobre unha pila rectangular cunha canle de desaugadoiro. Ante a fonte fórmase un atrio con lastras de granito no pavimento e un banco corrido ao redor. Accédese a ela mediante unha escaleira lateral.
A fonte de Porta Miñá
Menciónase en documentos do século XII como un pozo. Con motivo da transformación en fonte tápase cun marco de madeira de carballo, pechándoo con dúas laxas para que pasasen os carros por encima con seguridade.
A raíz do pedimento realizado polo procurador xeral á Real Audiencia sobre o estado das fontes lucenses, o oidor Andrés de Zárate veu a Lugo en setembro de 1581 para comprobalo persoalmente. Na visita viu que na Porta Miñá había un pozo do que saía gran cantidade de auga, e que sacado co seu caño para chafariz, sería de gran proveito para os veciños e pasaxeiros, pola falta de auga que había para beber as cabalarias.
O oidor ordenou que se sacase do pozo unha fonte coa súa chafariz, que se fixo en 1581 por un equipo de canteiros trasmeranos, que traballaban na Coruña, algúns da mesma familia, encabezado polo fontaneiro Gonzalo de la Bárcena e o seu curmán Pedro de la Bárcena, actuando de aparellador Juan de Caxigal.
Debido á falta de auga, a fonte renacentista desmontouse en 1638, baixouse o seu nivel e interveuse no contorno. A obra estivo a cargo do mestre de cantería Alonso Rodríguez, que canalizou de novo o pozo, engadiulle outro máis e dous caños, pasando a ter tres.
A segunda modificación foi en 1765. O día 9 de febreiro, don José Javier de Armesto e Quiroga, señor de Orbán, pediu ao Concello que lle permitise reedificar a casa que tiña sobre a fonte da Porta Miñá facendo un arco para que a fonte quedase debaixo, dándolle autorización.
A fonte foi tapiada con motivo das obras de urbanización da zona en 1942 cando xa había auga corrente nas casas e o Concello non consideraba necesarias as fontes. ¿Haberá agora que esperar que se cumpran dez anos para que a Xunta termine a súa recuperación?