A Doctrina Galicianista, de P. Pardo de Cela


Con este pseudónimo tan expresivo publica en 1905 esta obra na Imprenta Regionalista (Rúa Baixa, núm. 1, A Coruña), o eumés Constantino Horta y Pardo, afincado en Cuba desde a súa primeira mocidade. E co mesmo pseudónimo do tan admirado por el “mártir do Castelo da Frouxeira” figura tamén como Director da Biblioteca Galicianista, que anuncia a publicación doutros títulos semellantes: Proyecto de Constitución Autonómica de Galicia, El Centralismo y el Regionalismo, Extensión de la Lengua Gallega, La Emigración Gallega y el Centralismo, Galicia Autonómica. Porén, non hai constancia de que se publicase ningún deles.

Á Libraría Couceiro debemos a reprodución facsimilar da Doctrina Galicianista no ano 1999, edición non venal para agasallo de amigos e clientes. O texto conta ademais cun documentado posfacio do profesor e erudito Antón Capelán, de grande utilidade para contextualizarmos debidamente a obra e o pensamento desta relevante personalidade, así como o doutras figuras coetáneas na Cuba dos cruciais anos que van de fins do século XIX até comezos dos anos vinte do seguinte século. Esa etapa que na historia da literatura galega é considerada baixo o epígrafe de depresión intersecular e que resulta tan pouco coñecida, por tan pouco estudado o labor dos nosos emigrados, até o ponto de crearse a falsa imaxe de que a fundación das Irmandades da Fala en 1916 xorde da nada ou da inspirada iniciativa dun individuo.

No plano político, a etapa á que aludimos –sempre referíndonos aos emigrantes da colonia galega na illa de Cuba-, o autor e a obra que analizamos, resultan, cando menos, ilustrativos do seguinte:

1º) Existe unha liña de pensamento vertebradora que enlaza con Rosalía, Murguía, Curros..., que acredita que Galiza foi e segue a ser maltratada, e que por moito que implore benevolencia ou concesións do Estado, non vai conseguir nada. Faise preciso unir as enerxías dos galegos arredor dunha alternativa política que se exprese con contundencia en torno a esta causa. Este pensamento, ou sentir, ben se exprese en termos de rexionalismo ou ben de galicianismo –termo preferido por C. Horta- non é máis que mostra dun lúcido e fondo patriotismo.

2º) Por outro lado, como veremos máis adiante, existen formulacións ideolóxicas radicais e programas con reivindicacións que semellan máis avanzadas que as do nacionalismo dos anos trinta. Non, o problema non eran as análises sobre a orixe dos problemas ou a existencia de formulacións máis ou menos revolucionarias; o problema que máis preocupa é a incapacidade para materializar iso en alternativas politicamente organizadas. Son conscientes das dificultades, até o ponto de chegaren a pensar que o pobo galego era irredimíbel ou, como manifestou Castelao, a chegar a sentirse “o derradeiro supervivente dun pobo suicida”. En calquera caso, este mesmo feito e o labor de divulgación da “doutrina galicianista” entre os galegos de Cuba, pon de manifesto a fonda inquedanza que existía naquel momento pola sorte do pobo galego e de Galiza como realidade de seu. A mesma angustia que expresa Curros en 1904, na súa derradeira viaxe a Galiza, no poema “Na tumba de Rosalía”. Sérvenos, en definitiva, para comprendermos mellor o significado dalgunhas figuras do nacionalismo das primeiras décadas do XX: Ramón Cabanillas, Castelao, Antón e Ramón Vilar Ponte, etc. Non en balde, Antón Vilar Ponte, considerado alma mater das Irmandades da Fala, cando en 1916 publica o folleto Nacionalismo Gallego. Nuestra afirmación regional, dedícallo, entre outros a Constantino Horta, “hermano espiritual del doctor Robert, que ha creado en Cuba el partido de Emancipación Gallega”.

A proxección de Constantino Horta


Segundo refire A. Capelán no estudo arriba citado, foi unicamente Ramón Vilar Ponte quen se acordou de lembrar unha figura tan esquecida como a de Constantino Horta. Semanas antes do seu pasamento na Coruña, o autor da Doctrina Nazonalista publica na revista Lar de Buenos Aires un artigo sobre esta figura e sobre Severino T. Solloso, no que asegura:

“Como Horta, dimpois de moitos anos de ausenza, tamén Solloso fixo un viaxe á Patria. O mesmo que o doctor, pasou por ila oscuramente, silandeiramente, sin algueireios de ningunha cras. Máis afortunado que Horta, xa que iste voltou a Cuba pra non retornar, Solloso, chegado a Galiza, na Galiza ficou pra sempre, como era o seu desexo. [...]

Na riguileira, xa un pouco longa, dos nosos escolleitos, tanto Horta como Solloso, teñen dereito a un posto soerguido por dereito propio.”

Nado en Pontedeume (non se precisa a data, mais seguramente na década de 1860), emigrou de adolescente a Cuba, onde, a forza de traballo e loita conseguiu superar a súa moi humilde condición. Comezou a traballar nun comercio da Habana en labores de limpeza, mais axiña logrou completar os estudos da Escola de Comercio, obtendo os títulos de perito e profesor mercantil. Nesta mesma Escola da Habana exerce a docencia, primeiro como profesor auxiliar e logo como catedrático, até a independencia da illa en 1898. Tamén cursou na Facultade de Dereito os estudos de avogado e notario en tres anos, logrando o título de doutor ao cuarto. Desempeñou cargos de xuíz, fiscal, asesor e axudante de Mariña, delegado fiscal e escribán de Santa Clara, mais axiña abandona as actividades xurídicas para dedicarse en exclusiva ás ciencias comerciais. Funda en 1894 a Biblioteca Hispanoamericana de Ciencias Comerciais, na que publica folletos libros de texto, tratados, teses..., sobre comercio, banca, bolsa, moeda, etc. Foi traducido ao inglés, chegando algúns destes títulos á 37ª edición xa no ano 1928. Foi membro de prestixiosas sociedades internacionais (Sociedade de Economía Política de EEUU, Oficina Hispanoamericana de Pesas e Medidas, Bureau Francés de Lonxitudes, Instituto Lusitano-Americano de Portugal, Asociación de Educación Nacional de EEUU...). A Xunta de Instrución do goberno de Cuba concedeulle catro medallas de ouro noutras catro ocasións. Ao longo de 25 anos percorreu os países de América desde Canadá á Patagonia publicitando os títulos da súa Biblioteca e abrindo cátedras de estudos comerciais. Todo parece indicar que a súa incorporación á causa galeguista arranca de 1898. Logo da derrota española fronte aos EEUU, ao igual que outros emigrantes acomodados, Horta repatriouse; mais non volveu a Galiza, senón que se instalou en Barcelona, facendo viaxes a Francia, Italia e Portugal. Curiosamente, en 1903 figura como integrante da comisión comercial que dirixen os políticos cataláns J. Zulueta e Frederic Rahola, que viaxa a América do sur para impulsar as exportacións catalás.

O seu interese e preocupación pola situación de Galiza, a partir deste intre, fan que participe en todas as sociedades galegas que se asentaron en Cuba e que anime todas as iniciativas tendentes ao progreso económico e cultural da súa patria. Non parece casual que Alberto Vilanova o defina en termos netamente nacionalistas: “Defendió ardorosamente las ideas nacionalistas gallegas en su etapa de director de la revista Galicia, hasta el punto de abogar por la fusión de Galicia y Portugal”. Coas contradicións que se queira, desde logo podemos consideralo un precursor do nacionalismo, chegando a usar o termo nación para referirse a Galiza en máis dunha ocasión.

No terreo da práctica, cultural e política tamén, forma parte dun cenáculo de 25 personalidades da colonia galega, chamado “La Peña Gallega”, que tiña a Curros de Presidente honorario e único. Moitas das inquedanzas e iniciativas vanse canalizar a través da revista Galicia. Nela danse a coñecer a maioría dos textos da homenaxe a Curros celebrada na Coruña en 1904, na súa derradeira viaxe a Galiza. Contertulianos seus nesta “Peña” eran Xosé Fontenla Leal, Xosé Castro “Chané”, Plácido Lugrís Freire..., personalidades que figurarán na Comisión encargada de redactar os estatutos da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. Constantino Horta tamén figura como socio nº 57 desta Asociación.

Vai ser precisamente neste contexto de activismo no que se publica a Doctrina Galicianista (1905), escrita en español e destinada a convencer e atraer á causa galega aos círculos máis activos da colonia galega de Cuba, co fin de crear organizacións políticas que canalizasen estas reivindicacións. Ao ano seguinte Horta faise cargo da dirección de Galicia, cun equipo de redactores onde destacan Xosé Fontenla, Nan de Allariz, Francisco Lareo, Severino T. Solloso e Mercedes Vieito. Nos seus artigos non para de animar a constitución dunha Liga Patriótica Galega, con “probados y entusiastas patriotas”, que dirixan un manifesto ao pobo galego co obxecto de lograr a unión dos galegos e a rexeneración de Galiza.

A morte de Curros (7 de marzo de 1908) vai ser motivo para un monográfico da revista. Á revista Galicia pertencía a bandeira galega que envolvía o ataúde do poeta e coa que percorreu as rúas da Coruña, no multitudinario enterro que lle tributou a cidade.

Cando en 1909 se produce a matanza de Oseira a tiros da Garda Civil, organízase un gran mitin no Centro Galego e nel intervén C. Horta, culpando directamente do masacre aos non galegos que nos gobernan (o tenente Salinas, o bispo Eustaquio Ilundain e o gobernador civil, Conde de Buena Esperanza). Asegura que para acabar co calvario que sofre o pobo galego, o goberno debe ser do país e para o país, apelando ás novísimas formas de goberno federativo polas que “se rigieron las regiones de la España histórica”. Deste xeito, “no nos mandarían obispos de Navarra, gobernadores de Madrid, fiscales de Cádiz, jueces de Extremadura ni tenientes de la guardia civil de León”.

A finais dese ano fórmase a Unión Redencionista Gallega, que el mesmo chegará a presidir en 1911.

Nos seus artigos segue a denunciar o memorial de agravios cometidos desde o Estado. Entre eles figuran a denuncia do traslado a Cádiz da Escola Naval de Gardas Mariñas, clausurada en Ferrol en 1907 ou a creación da cátedra de lingua galego-portuguesa na Universidade de Madrid en vez de na de Compostela, o que motivou protestas dos universitarios desta última e a realización de actos de protesta na Habana: “implantar el estudio de la lengua gallega allí donde nadie la habla, y donde un vulgo necio exagera la nota del ridículo contra nuestro pueblo, es antipatriótico y los que eso piensan demuestran poco amor a su pais”.

Noutros, percíbese a asunción do modelo irlandés, a necesidade de integración do movemento agrarista (apoiará as actividades de proselitismo da Liga de acción Gallega cando Basilio Álvarez vaia a Cuba en 1913 recadar apoio económico para a causa) e o movemento nacionalista. Tamén participará por estes anos na polémica en torno á nacionalidade de Colón, chegando a publicar en Nova York o libro La verdadera cuna de Cristóbal Colón, cunha reedición ao ano seguinte, 1912, de 25.000 exemplares e ampla difusión nos países de América do sur.

De todos os xeitos, o artigo máis polémico, pola ousadía do autor e polos ataques que suscitou, publícao en 1914: “Galicia y Portugal(¿Independencia, autonomía o anexión?)”. Descarta a primeira opción por difícil e perigosa, xa que Galiza sería absorbida por algunha das grandes potencias. Da autonomía di que é “viable bajo el protectorado de Alemania o de Inglaterra” (sic). Mais opta pola terceira vía, a “confederación natural con Portugal”: “con tal que Inglaterra apriete un poquito y Portugal atraviese el Miño; y entonces se realizaría el ideal de toda la familia lusitana, formando un solo estado, ideal que arranca de los tiempos históricos en que el caudillo gallego-lusitano, Viriato el Régulo, hizo temblar las águilas romanas”. Este longo artigo, que cuestiona a integración de Galiza no Estado español, enmárcase no clima de tensión entre EEUU e España, tras a perda das colonias e no contexto das sorprendentes declaracións de Winston Churchill en Portugal, ao asegurar que este país podía anexionar Galiza polas grandes afinidades étnicas entre ambos.

,
A Doctrina Galicianista: servir e defender a Galiza sobre todas as cousas.


É un folleto breve, de aínda non vinte páxinas, encabezado polo anagrama GALICIA. DEUS FRATESQUE GALLAICAE e escrito en español. Segundo reza o encabezamento, pretende servir de “BASE para a futura Constitución Autonómica de Galiza, de NORMA para os renegados e de PAUTA para os verdadeiros rexionalistas”. A dedicatoria en galego do “autore” é para Murguía, Curros e Salvador Golpe, que aínda sosteñen nas súas mans “a bandeira dos mártires de Carral e do Castelo da Frouxeira; a vosoutros vai dedicado este e outros libriños de reivindicación da nosa Pátrea”. Forma parte dunha tradición, nada da Revolución Francesa, que utiliza os catecismos como forma didáctica para aleccionar a poboación sobre diferentes aspectos da realidade e que, como tal, aínda se utilizarán até ben entrado o século XX.

Non é allea a literatura galega a esta tradición, pois nela temos O catecismo do labrego (1889) de Lamas Carvajal, o Catecismo solidario (1907) de Uxío Carré Aldao. A Doctrina Galicianista resulta interesante por tratarse do primeiro catecismo que pretende infundir sentimento patriótico, ao tempo que ataca de raíz a política centralista. Faino nun estilo sinxelo e directo por medio de oracións, pregarias, mandamentos, etc. Acredítase en Galiza, na súa historia esplendorosa e critícase o espolio a mans alleas, o despotismo e opresión por parte dos reis de Castela. O contrapunto albíscase no renacer cultural, nos Xogos Florais, na literatura, nas Xuntas de Defensa, no galicianismo, que é a “unión dos bos galegos”. Invócase aos galegos, aos “fillos de María Pita”, a se identificaren coa patria e a combateren os seus males, a se arrepentiren por ofendela menosprezando a súa lingua. Entre os males da política centralista está “fomentar o caciquismo”, “absorber a vida das rexións” e “explotar descaradamente o país”. Márcanse dez mandamentos para un bo galego, comezando polo 1º: “Despues de Dios, amar a Galicia sobre todas las cosas”. Chama a atención o avanzado que era na cuestión lingüística: “No usar en todos los actos, ya sociales o particulares, otra lengua que la gallega” (9º). Os dez mandamentos resúmense en dous: “SERVIR y DEFENDER a Galicia sobre todas las cosas, y a nuestros hermanos de causas, antes que a los demás”.

Na parte máis política, que é a que trata aspectos referidos ao Poder Central e as atribucións conferidas ao “Poder Regional”, volve a insistir na mesma cuestión, apelando ao Padre Sarmiento en citas a pé de páxina, e dándolle relevancia en dous artigos sucesivos da táboa reivindicativa:

“3º.- Que sea la Lengua Gallega oficial en Galicia para todas las manifestaciones de la vida de este pueblo.

"4º.- Que la enseñanza en Galicia se dé en lengua gallega.”

Tamén se denuncia o espolio a que fomos sometidos nos nosos monumentos, indo parar todo a arquivos de fóra do país, pedindo a súa devolución, ao tempo que se reclama a potenciación das manifestacións culturais vivas nas clases populares.

Para alén disto, resultan postulados moi avanzados para a época reclamar que Galiza teña unhas cortes xerais “libres e independentes”, onde estean representadas todas as clases sociais, desde as máis humildes ás máis elevadas, e onde se voten os seus orzamentos, así como a cantidade coa que contribuiría aos gastos xerais do Estado. Tamén se declara competente para fixar o continxente do seu exército, “no entrando en quintas sus hijos ni haciéndose levas forzosas, sino tomando soldados voluntarios y a sueldo, los que jamás deberán salir de nuestro territorio”. Sorprendente tamén resulta, no terreo xurídico, a non admisión dunha xustiza foránea:

“5º.- Que todas las causas y litigios se fallen definitivamente dentro del Territorio, siendo gallegos los Tribunales de Justicia, y los demás cargos de la Región Gallega; y nombrados por los mismos gallegos.”

Sabemos pouco das viaxes que fixo a Galiza (Pontedeume, Mondariz....) e sabemos pouco dos últimos anos da súa vida. Polas palabras de Ramón Vilar Ponte pódese supor que foron tan dolorosos como os de calquera emigrante que amase a súa patria e quixese retornar, sen ser comprendido e mesmo ben acollido nela, tal e como lle pasou a Curros. Seguramente, ademais de ser emigrante, por ser home de principios, cargaba e carga co gran pecado dos díscolos que cuestionan de raíz a causa dos males da súa patria e, por tanto, figura na nómina dos excomungados da relixión oficial ou dos loucos.

A finais dos noventa ou comezos do ano 2000 –non podería precisar a data- unha comisión, na que ían cargos municipais da Corporación de Pontedeume, visitou Cuba. Un daqueles concelleiros contoume que C. Horta figuraba na xerarquía de persoeiros distinguidos do Centro Galego da Habana co número 9, tal e como podía verse nas fotos dos salóns da entidade. Mais eses mesmos concelleiros e outros doutras formacións políticas torceron o bico cando o Grupo municipal do BNG levou a Pleno unha moción para render homenaxe a Constantino Horta. Aínda así a moción aprobouse e hoxe temos en Pontedeume unha rúa, a carón do cemiterio municipal, con este nome, certo que secundaria e pouco transitada, pero témola. Mais non houbo vontade de render outras honras nin esforzo por que as revistas de investigación histórica local –véxase Cátedra- se ocupasen de estudar a vida e a obra dun dos fillos con maior proxección internacional desta pequena vila. É mellor ocuparse doutras banalidades!