A Cultura galega na espiral da crise


As ringleiras que seguen van sobre a contraditoria conduta humana na loita pola existencia. O sálvese quen poida, a loita pola vida en contra da mesma vida. Referímonos as relacións dos individuos entre si e co medio, á sociedade da que formamos parte e á cultura que construímos para resolver esas relacións e para identificarnos e distinguirnos entre a uniformidade imperante. A cultura valese de herdos tradicionais, de creacións, invencións e tamén do aprendido polas relacións con outras culturas. A cultura que levamos posta está marcada polas cicatrices do pasado e do acontecer.

O asunto é saber administrar os dereitos e os deberes culturalmente adscritos ó individuo para a convivencia. A cultura ou a incultura levámola posta, chegando incluso a ser simples pasmóns, portadores dunha cultura que non se entende por non pararse a comprendela, que por algo tampouco se ensina nuns plans que respostan a outros intereses. Para estar dispostos a ser aplaudidores, a aceptar o que veña ou se impoña, como si fora unha turbulencia momentánea, pura meteoroloxía. Sendo así chegamos a entender o acontecer como un "Accidente histórico", o que non disfraza máis que ignorancia e pasotismo, confundir causas con efectos.

Metémonos entón en cuestións de Psicoloxía, de Socioloxía e mesmo de Antropoloxía, no retrato do colonizado. Filosofías que poden soar de xeito ridículo ou churrusqueiro neste tempo no que contan máis as pragmáticas matemáticas, as frutíferas sumas, os dividendos e os rápidos pelotazos que o talento e as ideas a favor da colectividade. Preocupa hoxe atopar receitas para producir moito e vender co menor esforzo, atopar o xeito de vivir sen traballar. Autobombo, culto á propaganda, falla de metodoloxía na planificación para atallar os tan competitivos retos, improvisación, desfeitas....

Compre afondar sobre o comportamento do ser humano, que perde saber, raiceiras, "humus", o que ten desa Terra que lle da alimento, vida e á que volve ó fin e ó cabo. Esa falla de humanismo, de moral é causante de crises que poñen en perigo a convivencia e a Terra que nos soporta. Neso, "no feiticeiro perigo de ser galego dos bos e xenerosos" insistiu o vello nacionalismo galego. Manda o engano masivo, a propaganda comercial, para vender e crear adictos, impulsivos consumidores como nunha macro granxa avícola, a picar e picar no que lle botan.

Deshumanización=Crise de Identidade

A cultura teledirixida apampa, goberna un presente co que se constrúe o futuro, debilita as raiceiras que permiten florecer as ideas, a cultura. Parte dun proceso maleducativo regado polos mesmos medios, cada día máis de masas. Redes progresivas que o instante forman e conforman, as que dende nenos póñense nas mans como xoguetes e cada vez máis e máis. Educación, ética e estética, responsabilidade nas escolas, na casa, nas rúas, na empresa... E no devalar dese constante aprendizaxe a intelixencia e a ciencia non deben perder a súa base crítica, a de preguntar e querer saber.

Entre tanta imperante superficialidade compre facer intelixible, divulgar deica asumir esta nosa realidade que desaraiga, allea, aplica dobre moral a favor do lucro dalgúns e detrimento dos demais, fomenta a crise ética e de identidade. Indagar as causas e os conseguintes efectos que levan á crise global de deshumanización, a que provocan os incompetentes que a xestionan, sen aplicar o cantado principio do recorte ós seus caprichos, ás prebendas que pagaran todos os demais, para que sigan a muiñar nas súas.

Non hai máis que premer e acender os medios de masas que caracteriza o noso tempo das tecnoloxías dixitais para internarnos no estado da cuestión cultural: o que pide a xente é o que se lle da. O mercadeo deseña o porvir e tras del pérdense as ideoloxías e éivanse as culturas. Manda o zafo e o escatolóxico como nun inmaduro e permanente estado infantil, confúndese o correcto co falso. E pese a tantos resortes "democráticos", comités, "mesas", "órganos consultivos", consellos, academias, universidades, sanedríns de intelectuais ó servizo dunha administración coa que conviñan protocolariamente, rematan sucumbindo, para poñerse fora da terra e do seu tempo. A medicina chega a ser un veleno. Mesmo a crítica esvaece e o progresismo confúndese cun título no currículum. A divulgación, o informar para formar menosprezase como paternalismo e non entra hoxe nos códigos éticos e estéticos dunha sociedade cobizosa, arrogante que parece vir de volta de todo. A Cultura de hoxe súmese nun valor comercial, cuantifícase en cifras, metros, quilos e cartos para engordar a ilusión, a meta é a do "Guinness Wolds Records". Todas as parroquias, todos os concellos queren figurar no "Top Ten", no Trending Topping ou entre os "Treasures of Galicia".... Todo depende do que se pague e sempre haberá un rabo polo que coller a mosca. Celtiberia nestas cousas é a campioa. Imperativa cantidade fronte a calidade. O nivel de espírito, a cultura como valor de uso cotián, o que o ser humano cultiva como resposta ó medio ambiente, ás relacións sociais e que o identificara, o distinguirá fronte á rutina da globalización, pasa a ser arqueoloxía ou antropoloxía.

A Cultura hoxe confeccionase a pulos, encadéase en "actos culturais", na esperpéntica performance de mesas repletas de poñentes e menos público, en custosas solemnidades e liturxias de "días", en mastodónticas carcasas de "Casas" e ate en "Cidades", como nunha chanza burlesca adxectivadas "da Cultura"... Cando as verdadeiras casas, os talleres dos creadores e dos artesáns, dos que construíron o idioma, a linguaxe dos símbolos, as formas, dos que complementaron a paisaxe co seu traballo, subsisten malamente. E velaí as pegadas da Historia, os megalitos, os castros, os espazos románicos e barrocos, novísimos creadores sen saída, recursos de identidade e tamén turísticos por revitalizar. Decadencia progresiva para quen a queira enxergar, deica chegar a desaparecer códices dos arquivos, cadros das dependencias públicas ou cruceiros das encrucilladas, empresas da memoria desvirtuadas.... e en ningures se nos explica quen era Exeria, Prisciliano, Mateo, Xelmirez, Castelao, Seoane ou Díaz Pardo, por certo que morreu -na véspera dun día de Magos en terra de meigos, como Valle-Inclán e a que ten agora en veciñanza de sepultura- exiliado do seu Laboratorio de Formas de Galicia, onde se reflexionaba, cultivábanse ideas, temperábanse gaitas, limpábase merda e creábase arte e industria con ética e estética que non lle deben sobrar a un país que busca futuro. ¿Qué se pode esperar?, ¿Qué esperanza queda onde non se cultiva ó apego e o estímulo?. A Cultura non é un adorno, é un recurso valioso para o tempo de crise. A peregrinación, a feira e a romería, o viño, a castaña, o polbo, a empanada... que sempre venden, teñen tras si a súa Historia, unha Cultura que tampouco remata nestes tópicos.

Non son estas cuestións para resolver nun laboratorio ou nesas mesas de xuntas, pese a que haxa quen se empeñe en controlar ambientes. Tampouco é fácil valorar culturas dende o prisma doutras culturas, dende a incultura do negocio e menos dende a ignorancia. O certo é que a sociedade está enfrontada, confusa e todo repercute sobre o escenario común. Naqueles seminarios do Laboratorio de Formas de Sargadelos, cando os da mesa discutían sobre as súas teimas de ética-estética, o inesquecible Díaz Pardo, que deu exemplo de vida, de teoría e obra, á pregunta de si o que facía era industria ou artesanía, el atallaba e dicía con sorna que o que irremediablemente facía era "capitalisanía". Asumía a cuestión e sabía administrar.

Neste significativo tempo crise, no que tanto se fala de refundacións, compre tamén redefinir a cultura, volver a súa orixe, ó que o ser humano cultiva para resolver a vida e as relacións. A cultura é un recurso, a cultura é marca, distinción da personalidade dun pobo e dos seus individuos, pero tamén enferma por presión imperativa: degrádase entre diglosia, dialectalización idiomática, anomia, acultúrase en feismos físicos e psíquicos, afectada por interesados virus infecciosos, para dividir a convivencia, ó medioambente, escravizar e marcar dependencias doutros agudos oportunistas salteadores de camiños posmodernos. E velaí que chegamos a gozar coa rexouba e a murmuración, con comportamentos e obras asociais.

Aínda que o humanismo, iso de ter os pes no "humus", na terra que da acollida e vida, trabúcase, esmorece, non faltan os estrelampos creativos que alumean camiños. Sempre hai verdadeiros artistas, voces e traballo que non se deixan dominar, nin se prestaron ó suborno ou ó penoso espectáculo do rabaño pastando a carón da Consellería de Cultura, bailando ó son das doses da subvención. Ceibes das cadeas administrativas, facer, creatividade, arte cavilado para servir e non para servirse, que iso xa vai implícito cando cumpre o seu fin. É curioso ver como en momentos difíciles da Historia, incluso en ditaduras, nas cárceres, no exilio, houbo a anécdota da creación. A iso Galiza está afeita, e como mostra a obra de Castelao e dos seus seguidores, proba das fondas e resistentes raiceiras na Terra. Fronte ó campante esperpento, o zafo, o escatolóxico, a frivolidade e o disparate dos que tentan reducir o idioma, a tradición, a cultura dun pobo a unha vía morta... sen faltar a sensibilidade de creadores de formas, de quen ofrece remedios, o seu particular I+D .