A crise e os museos de arte contemporánea

A crise e os museos de arte contemporánea

A actual crise económica que ten á maior parte da poboación inerte, apampada, vexase se non o resultado das últimas eleccións, está servindo de pretexto para reconducir o malgasto, pero que tamén se aproveita para minguar o desenvolvemento da política cultural, coa conseguinte repercusión nos sectores que viven diso e na sociedade, que ao cabo é a súa destinataria.

Os anos de bonanza fixeron que proliferasen centros dedicados á arte contemporánea, máis por mimetismo que por necesidade, porque ter un dáballe prestixio ao político progre. O certo é que a día de hoxe son moi poucos os que tiveron un aceptable éxito, que vén marcado pola demanda que deles fai o público aos que están destinados. Tal abundancia non sería mala se se diferenciasen uns doutros, pero desafortunadamente todos ofrecen unha mercancía mediocre e fan unhas compras para as súas coleccións, que xeralmente non se mostran, cuxos prezos en relación coa calidade da suposta obra artística, resultan na súa maioría escandalosos.

Por iso deberíase de aproveitar o momento para facer unha revisión destas políticas e unha avaliación da rendibilidade social destes centros cuxos custos de mantemento non están en consonancia co seu proveito para a sociedade á que están destinados nin cumpren os fins da súa fundación.

Arte de difícil comprensión


A arte contemporánea adoita ser de difícil comprensión para a maioría das persoas para as que é máis doado entender e apreciar unha obra realista. Pero iso non debe ser a desculpa ou o pretexto para dar gato por lebre. Hai moito artista e entendido de pacotilla. A aceptación desta arte require unha aprendizaxe previa, a base de ver, para educar o gusto, de maneira que estes centros teñen un papel importante neste labor.

O meu primeiro encontro cunha representación internacional e vangardista foi na Galería Nacional de Arte Moderna (GNAM) de Roma, unha mostra de arte moderna e contemporánea que ía desde os impresionistas franceses, como Vicent Van Gogh, Edgar Degas, Claude Monet, Paul Cézanne, realistas, ao expresionismo abstracto de Jackson Pollock, ou a arte povera, de Alberto Burri. Este artista impactoume naquel momento. Creador dun estilo propio ao que se lle denominou «polimaterialista”, tiña unha sala na que se expuñan uns enormes “lenzos”, que en realidade eran varias capas de plásticos montados nun bastidor, que engurraba, dobraba e queimaba cun facho, conseguindo unhas calidades esteticamente interesantes.

Cando visitei o museo en 1971, non fun capaz de asimilar todo o que vía e saín con dor de cabeza. Cometín o erro de comezar pola arte contemporánea e terminar pola do século XIX. O choque foi brutal. Era a primeira vez que me enfrontaba a unha produción artística de vangarda, pois o Museo Español de Arte Contemporánea era unha tímida e modesta representación de pintores, como Benjamín Palencia, e algúns do grupo Crónica, que hoxe teñen renome internacional, situada nunha sala da planta baixa do edificio da Biblioteca Nacional en Madrid. Era unha concesión política, unha mostra da apertura do Réxime. Aqueles tempos non daban para máis.

Naqueles anos estudaba Artes Aplicadas e acompañábame na visita un compañeiro ao que lle gustaba pintar bodegóns. Recordo unha escultura formada por un bidón, uns ferros e un pedal para que o pisase o visitante. Puxen o pé encima e aqueles ferros comezaron a moverse con certo estrépito. Era unha escultura móbil. O meu acompañante exclamou: “Isto é unha carallada”. Despois estudei Xeografía e Historia na especialidade de Arte Moderna e Contemporáneo, en Santiago de Compostela, anque o profesorado que tiven na materia de Arte Contemporánea non pasaba das primeiras épocas de Picasso. Así que me formei a base de ver e de ler.

Da nada á inflación


Aquí non nos andamos con termos medios, de maneira que, para ser modernos, a partir da década dos 80, abríronse as mentes á produción contemporánea, e coas autonomías comezaron a proliferar Centros de Arte, de xeito que non hai comunidade autónoma que se prece que non teña alomenos un, cando non máis coma é o caso de Galicia. E aquí foi tamén por iniciativa dun goberno progresista, tripartito, cando en 1988 se iniciou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que despois continuou Fraga, nun edificio encargado ao portugués Álvaro Siza que se construíu en Caramoniña á beira do Museo do Pobo Galego en Santo Domingo de Bonaval.

Xa que logo fomos pioneiros porque o primeiro referente foi o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia, creado o 27 de maio de 1988, por iniciativa do Goberno de Felipe González, cos fondos artísticos do Museo Español de Arte Contemporánea, que se inaugurou o 10 de setembro de 1992, no Hospital de San Carlos de Madrid. Previamente veu o Guernica de Picasso que se instalou no Casón del Buen Retiro, e unha exposición con motivo do traslado que se abriu no Museo de Arte Moderno instalado na Ciudad Universitaria, hoxe dedicado a Museo del Traje. A partir dese momento abríase un centro de arte contemporánea de categoría internacional, do que fun membro da súa Asociación de Amigos durante moitos anos e asiduo visitante.

Con isto quero dicir que tiven a oportunidade de ver un gran número de exposicións, instalacións, vídeos, fotografías e formas varias de expresión artística contemporánea, tanto de creadores españois como estranxeiros. Por iso podo dicir a estas alturas, que teño un certo criterio e que sei separar o po da palla.

O caso do CGAC


Como todos estes centros de titularidade pública, o CGAC tampouco se librou das interferencias políticas no nomeamento dos seus directores, de maneira que os acertos do seu labor dalgúns non tivo continuidade. Aínda que snterior conselleiro de Cultura, Roberto Varela, encargou a un comité de expertos a selección dun proxecto de actuación para o Centro, que recaeu no presentado polo portugués Miguel von Hafe Pérez, a pesar das expectativas espertadas no mundiño no que se moven estas cousas, ao meu entender non mellorou o labor do director anterior, que xa non me gustaba, de maneira que o declive deste Centro é evidente, reflectíndose no cada vez máis reducido número de visitantes, posiblemente porque unha parte do público está farta de ver “caralladas”. Un director que se prece non debe permitir que se rompan os cristais das ventás do edificio o que se arrinquen as táboas do piso para satisfacer a ocorrencia creativa do suposto artista, como ocorreu en alomenos dúas ocasións.

O CGAC defínese como “un espazo de difusión cultural cuxa función é dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade dás conformacións culturais na sociedade contemporánea”. Algo hai que dicir. Pero o que se presenta e se ve non é nada novo, senón máis do mesmo, repetido reiteradamente aquí e alá, exposicións de fotografías de dubidosa calidade, instalacións cutres e proxeccións de vídeos incapaces de espertar o interese dos ociosos e mal entretidos.

E postos a escoller eu prefiro que sexan artistas galegos os que dean a coñecer nesta institución as súas creacións, pois esto seguro que a maioría ten tanto talento e capacidade como calquera dos de fóra aos que se lles dá a oportunidade para expoñer. Xa que logo esta institución nin promociona aos nosos artistas, nin dinamiza o panorama artístico.

Os que terían que reflexionar sobre a desafección do público son os responsables do Centro, os membros do seu Padroado e os responsables políticos do mesmo. Deberían preguntarse por que o Reina Sofía gaña cada vez máis visitantes e o CGAC os perde.

Eu como espectador estou farto de ver sempre o mesmo. Non entendo porque non se segue a fórmula mixta do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia de presentar a colección permanente e dedicar uns espazos a exposicións temporais e instalacións. Porque de seguir como ata agora algúns xa reflexionamos prometendo non volver. Pero que lle imos facer, algúns damos un cento de veces na mesma pedra.