A casa-museo de Manuel María como un proxecto galego
Transcorreron tres anos desde que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, creada por Saleta Goy, se embarcou no labor de darlle forma ao proxecto da Casa Museo Manuel María. A consciencia de que, co paso do tempo, o importantísimo legado do escritor corría perigo de perder a súa unidade e, con iso, diminuír a súa relevancia social, foi un elemento fundamental para que Saleta se entusiasmase na idea e puxese todo o seu empeño en sacala adiante. Como tamén o foi, a certeza de que con esta iniciativa se garantiría mellor a dimensión galega do proxecto cultural que terá a súa matriz na casa de Hortas de Outeiro de Rei.
O proxecto da Casa Museo pretende darlle continuidade e permanencia á obra do noso grande poeta, coa máxima fidelidade ao profundo compromiso que el sempre tivo con Galiza e coa máxima dose de xenerosidade, comprensión e humanidade que el sempre practicou en vida. Igual que a obra de Manuel María, o proxecto cultural da súa Casa Museo pretende ser un faro que, desde Outeiro de Rei, bote un pouco de luz ao País enteiro.
Felizmente, xa son importantes os apoios públicos e privados recibidos até o de hoxe o que fai confiar nunha realización medianamente próxima do proxecto. A fase na que estamos pode ser definitiva para culminalo. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) acordou asinar un convenio coa Fundación mediante o cal se crea o marco para que os concellos galegos asinen os respectivos Protocolos de Adhesión e así contribuír a sacar adiante dito proxecto, acomodándose ás características de cada un. Pola súa parte a Fundación comprométese a darlle a consideración de Entidades Colaboradoras a eses concellos e, en razón diso, a colaborar na realización de actividades culturais no seu ámbito. Así, neste momento, está a pór a disposición desas entidades locais a exposición ¡Rosalía sempre viva. Viva Rosalía! que a entidade elaborou con motivo do 125 aniversario da morte da nosa escritora máis universal.
,
Estou seguro que para quen teña responsabilidades de goberno no ámbito local e coñeza a obra de Manuel María, non lle resultará difícil sumarse a esta iniciativa que contou co apoio unánime na Executiva da FEGAMP. Estou certo de que non vai botar man do argumento de que "isto non é da nosa competencia", nin sequera de que "non temos diñeiro". No primeiro porque Manuel María debe ser "competencia" común e solidaria, non segundo porque sempre estamos a falar de cantidades modestas que non ocasionan ningún quebranto aos adelgazados orzamentos locais. Así o entenderon xa os concellos que decidiron adherirse ou están en proceso de facelo.
Mentres tanto, a Fundación sigue a realizar todas as xestións para ampliar eses apoios institucionais, mais tamén o de particulares. Por iso se está a presentar publicamente por toda Galiza o proxecto de Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites para que a casa de Hortas e o seu contorno sexa a Casa Museo Manuel María nun futuro próximo. Tamén de inmediato, sairá á luz a segunda obra inédita de Manuel María titulada "Galiza", onde o seu autor fai unha interpretación persoal da nosa historia e xeografía feita cunha mirada poética e acudindo a unha trama narrativa.