A adoctrinación da muller polo franquismo: Os campamentos falanxistas, II: Almeiras (Culleredo), 1942-1944

binary comment
A adoctrinación da muller polo franquismo: Os campamentos falanxistas, II: Almeiras (Culleredo), 1942-1944
1942
De novo celébrase o Campamento “Pilar Madrazo” do “Frente de Juventudes”. As dúas primeiras quendas, reservadas a “flechas azules”, asistiron 59 e 59 rapazas.

Na primeira quenda, que comezou o 5 de xullo, estivo o gobernador civil e xerarquías do Movemento. O xefe provincial do Movemento deu a primeira lección, sobre os conceptos de “Hermandad, camaradería y jerarquía dentro de la Falange”. Izáronse bandeiras, himnos e berros regulamentarios polo gobernador civil. Moitas “flechas” eran de Ourense, así como da Coruña, Ferrol, Pontedeume, Betanzos ou Carral. O día 22 visitaron a cidade da Coruña (igrexas de Santa María e Santiago, Xardín de San Carlos, Torre de Hércules e a “Escuela del Hogar”; marchaban cantando polas rúas, regresando a Almeiras a última hora da tarde. Esta quenda clausuraríase o domingo 26, en acto presidido polo secretario provincial do “Frente de Juventudes”, acompañado da rexedora provincial, asesor relixioso e outras xerarquías. Desenvolveuse a coreografía habitual: desfile cantando á explanada, táboas de ximnasia rítmica, cantos “regionales”, bailes típicos en parella, xogo de aros. Logo, formación ante a cruz dos caídos, con discurso do asesor relixioso, “pidiéndoles no olviden nunca a aquéllos que cayeron para dejarnos una España mejor”. O delegado provincial, nun breve discurso, “pronuncia unas consignas y les desea tengan presente ya en sus hogares, el espíritu alegre y falangista que presidió todos sus actos durante los veinte días, siempre breves, pero provechosos, de estancia en el campamento”.

A segunda quenda, tamén de “flechas azules” femeninas, foi visitada, o 14 de agosto, polo ministro secretario xeral do Movemento, José Luis de Arrese, acompañado de Diego Salas Pombo, xefe privincial. No acto de clausura realizouse primeiro unha demostración ximnástica, e a continuación foi colocada unha coroña de loureiro ao pé da cruz dos caídos. Neste acto rezou un “pai noso” o Padre Iruín, e despois cantouse o “Cara al sol”, dándose os vítores regulamentarios polo capitán xeneral, señor Soláns. A continuación, no patio, mentres as autoridades, xerarquías e representacións oficiais foron obsequiadas cunha copa de viño español, as “flechas” tiveron ao seu cargo unha sesión de cantos e bailes rexionais e realizaron uns xogos cómicos de carreiras.

Na terceira quenda asisten 52 “flechas” da capital e provincia. Á clausura desta asiste o xefe provincial do Movemento, -que pronunciou a primeira lección-, delegada e secretaria provincial da Sección Femenina e xerarquías do Frente de Xuventudes e o capitán xeneral, Luis Soláns. De novo, as demostracións habituais das anteriores quendas.

(El Ideal Gallego: 7, 23, 25 e 29-7-1942.; 15-8-1942; 3 e 15-9-1942; El Pueblo Gallego, 29-7-1942, 6-8-1942, 15-8-1942, 15-9-1942; Proa (León), 16-8-1942; Imperio (Zamora), 2-1-1942; Falange (Las Palmas de Gran Canaria), 16-9-1942; Hoja Oficial del Lunes (A Coruña), 14-9-1942).

1943
65 “flechas azules” asistiron, en catro quendas de 20 días, ao Campamento “Pilar Madrazo”. Inaugurouse o 14 de xullo. As “flechas azules” eran o paso anterior ao ingreso na “Sección Femenina” das adultas.

Á inauguración asistiu o secretario provincial do Movemento, rexedora provincial e outras xerarquías. A primeira lección foi pronunciada polo secretario provincial, Izar Saavedra. Neses días, visita diaria á praia de Santa Cristina, en Oleiros, con baños e exercicios ximnásticos. Realizarían unha excursión a Santiago.

O Campamento estaba baixo a dirección de instrutoras nacionais graduadas na Academia “Isabel la Católica”, auxiliadas por mozas da “Sección Femenina” do “Frente de Juventudes” da Coruña. A acampada era “escuela de educación política, física y del hogar”. As mozas recibían leccións de nacionalsindicalismo, aprendían cantos e bailes rexionais, practicaban exercicios ximnásticos e labores caseiros.

Na hora do “Fogo de campamento” organizábanse pasatempos culturais e artísticos, escenificando romances… Tiñan un periódico mural titulado “Volante”, que lles achegaba información de todo tipo, con seccioóns de humor, colaboración e temas doctrinais, do Movemento e relixioso. Tamén tiñan clases de mesteres do fogar, de cuxas práticas saían “canastillas para las gentes necesitadas”.

A fin de mes, o sábado 31 de xullo, clausurouse a primeira quenda, asistindo o xefe provincial do Movemento, Diego Salas Pombo (conselleiro nacional), delegado provincial do “Frente de Juventudes” e a rexedora provincial. Salas, que impartiu a última lección, “les recordó las enseñanzas que habían recibido y que serían para el futuro estímulo para cumplir con el deber”. Finalizou o acto cunha oración na cruz dos caídos, armar bandeiras, canto do himno da Falanxe e os berros de rigor. Á noite, regresaron as acampadas á Coruña.

Na semana seguinte, o día 10, comezou outra quenda, para mandos de “Flechas Azules”, asistindo 70 mandos menores das provincias de Ourense e A Coruña. Asistiron o Delegado provincial, rexedora do “Frente de Juventudes”, así como as delegada e secretaria provincial da “Sección Femenin”. A primeira lección pronunciouna o delegado provincial, baixo o título de “Camaradería en los campamentos”.

(La Voz de Galicia, 15-7-1943; 1-8-1943; El Ideal Gallego, 13, 15 e 25-7-1943; El Pueblo Gallego, 15-7-1943, 11-8-1943).

1944
A primeiros de xullo inaugurouse a primeira quenda no campamento femenino “Pilar Madrazo”, que se clausuraría o 24 de xullo. A esta primeira quenda asistiron preto dun centenar de “flechas azules”, que alternaban “los ejercicios al aire libre con las labores propias del sexo femenino”. Ante os asistentes ao acto de clausura, “pusieron de manifiesto las jóvenes camaradas, su elevado espíritu y las enseñanzas obtenidas en estos días pasados al aire libre para fortalecimiento físico y moral, que les permitirá regresar a sus hogares, en toda la provincia, con la satisfacción del servicio cumplido en su período de campamento”. No transcurso do acto realizaron exercicios de ximnasia rítmica e escenificaron un conto, procedéndose ao arriado de bandeiras, cantándose o himno do Movemento e dándose os berros de rigor.

Á outra nova quenda, en agosto, asistiron unhas 70 camaradas das “Falanges Juveniles” da provincia. Foi inaugurada polo secretario provincial do “Frente de Juventudes”, que deu a primeira lección ás acampadas, e as xerarquías da Rexiduría provincial. O día 25 o ditador Francisco Franco (nunha visita aos campamentos que había na zona) tamén se achegará a Almeiras, acompañado polo xefe da súa casa militar, tenente xeneral Muñoz Grandes, e axudantes. Para recibilo congregáranse alí previamente o capitán xeneral da VIII Rexión Militar, José Los Arcos, o xeneral gobernador militar da Coruña, Coll Fuster, o gobernador civil, Emilio de Aspe Vaamonde, o vicesecretario central do S.E.M. e xefe nacional de Deportes de “F.E.T. y de las J.O.N.S.”, José María Gutiérrez del Castillo, o xefe provincial do Movemento e conselleiro nacional do Corpo de Exército de Galicia, Iturzueta; o presidente da Deputación, Romay, o tenente de alcalde, Míguez, en representación do alcalde da Coruña, o fiscal da Audiencia Territorial e delegado provincial de Xustiza e Dereito, Alcántara, o delegado provincial do “Frente de Juventudes”, Salgado; a delegada provincial da “Sección Femenina”, Carmen Navarro, e outras autoridades e xerarquías así como os xefes dos corpos da guarnición e dos institutos armados na Coruña, representacións oficiais civís e militares, eclesiásticas, xerarquías e numerosos membros da Falanxe. Cando chegou saudou ás autoridades e xerarquías e dirixiuse ao interior do campamento, onde estaban formadas as mozas do “Frente de Juventudes”, que o saudaron “con los gritos entusiastas de «¡Franco! ¡Franco! ¡Franco!»”. O xefe provincial do Movemento, Salas Pombo, e o secretario local, Vicens, amosáronlle ao ditador os planos expostos no recinto do campamento, relacionados coa adquisición e reforma do Castelo de Santa Cruz, onde se proxectaba establecer un campamento permanente para o “Frente de Juventudes” femenino. Despois, Franco visitou a horta anexa ao campamento, ocupando alí un sitial ante un escenario ao aire libre e adornado con flores e columnas, que tiñan no centro unha monumental fonte de flores. Unha moza leu unha salutación e entregoulle unha cartolina con debuxos e composicións obra das mozas acampadas, que contiña o programa da función que en honor a el íase celebrar. A continuación, as mozas do grupo de danzas, ataviadas con traxes canarios, interpretaron unha «isa» con cancións e danzas típicas das illas. Logo, outro coro fíxoo con cancións galegas. O cadro artístico executou despois unha escenificación de «La Cenicienta», escrita en verso romanceado pola instrutora Manolita Martínez Romero. Franco felicitou ás instrutoras, e marchou a visitar o Albergue Nacional do S.E.U. establecido en Bergondo, para logo regresar ao pazo de Meirás.

Cambios na organización destes Campamentos, coa apertura de novas instalacións, deberon provocar que, en 1945, xa non encontremos noticias referidas a Almeiras. (La Voz de Galicia, 25-7-1944, 9 e 26-8-1944, 8-9-1944; El Ideal Gallego, 1 e 11-8-1943, 8-8-1944; Falange, 26-8-1944; Imperio, 26-8-1944; Proa, 26-8-1944; Yugo (Almería), 26-8-1944; La Nueva España (Oviedo), 30-8-1944; ABC (Madrid), 26-8-1944; La Vanguardia (Barcelona), 26-8-1944; Diario de Burgos (Burgos), 26-8-1944; Pensamiento alavés (Vitoria), 26-8-1944; La Provincia (Las Palmas de Gran Canaria), 26-8-1944).