50 anos de Memorias dun neno labrego


Este ano cúmprense 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. A primeira edición é de comezos de 1961 na editorial Follas Novas, en Bos Aires, con portada de Luís Seoane. As seguintes edicións saen en Galiza en Ediciós do Castro, editorial que publicou durante anos libros fundamentais da nosa historia.

Xosé Neira Vilas continúa a desenvolver unha grande actividade e centra parte do seu labor na Fundación Neira Vilas, en Vila de Cruces. Este ano con motivo dos 50 anos das Memorias dun neno labrego participa en numerosos actos nos que mostra unha vitalidade extraordinaria e comparte as súas opinións e ideas sobre diferentes temas. Cándido Pazó realizou un espectáculo como homenaxe a este libro co título Memoria das memorias dun neno labrego. Esta montaxe percorrerá as diferentes vilas e cidades do país e poderemos ver en escena as impresións que causou Balbino.

Son moitas as actividades que se están a celebrar para conmemorar esta data. Un exemplo é o clube de lectura da Pomba do Arco, de Foz, que en febreiro quixo que o protagonista fose Balbino. Memorias dun neno labrego é un libro dunha gran calidade que non perde co paso do tempo pois a través dos sentimentos chegamos a identificarnos co que lle acontece a Balbino. É unha obra que nos fala do noso pasado mais non dunha forma costumista senón co obxectivo de coñecermos e comprendermos a nosa realidade. Por iso, Memorias dun neno labrego é unha obra actual.

Memorias dun neno labrego é un referente na nosa literatura. Foron varias as causas do éxito deste libro. Por un lado, na época en que se publicou eran poucos os libros en galego e iso facía que se leran cunha gran devoción. Por outro lado, a temática, a vida dun rapaz de aldea, era moi atractiva para moitos lectores e lectoras que coñecían esa realidade.

En 2011 a sociedade galega é totalmente diferente mais a obra de Neira Vilas aínda nos emociona porque aínda nos recoñecemos na curiosidade inocente de Balbino cando afirma: "Eu non sei se esvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. ¿Que é todo esto? Ninguén me di, poño por caso, para que sirven as estrelas, nin onde morren os paxaros".

O protagonista, Balbino, escribe os pensamentos máis íntimos que non se atreve a pronunciar en alto por medo á reacción da xente: "Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por eso escribo. ¡Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é para menos. Porque nel devorco todo o que sinto".

Ao lermos o libro dámonos conta por que Balbino non pode expresar eses pensamentos. Ao longo de toda a obra o protagonista fará reflexións profundas sobre a realidade na que o silencio é o mellor compañeiro: "Nós vimos ó mundo cunha alforxa de preguntas. As cousas éntrannos polos ollos, polo nariz, polas orellas, e queremos deprender o seu nome e significado. Mais non sempre o logramos. (...) Calamos. Porque é perigoso non calar a tempo".

Neira Vilas consegue que a primeira sensación sexa de simpatía cara ao neno sen decatármonos que Balbino ten a capacidade de dicir a verdade sen complexos e prexuízos, dunha forma directa aínda que estea a falar da hipocresía da sociedade: "¡O que é a roupa! Trátano a un segundo o ven por fóra."

Memorias dun neno labrego é considerado como un libro triste pois narra a dura vida dun "rapaz da aldea. Un ninguén". Porén, no fondo Balbino é optimista e ao longo da obra vai xurdindo a esperanza. A clave para o cambio segundo Balbino é pensar: "¡Se poidese entender moitas cousas! Ou falar tan siquera delas; contarlle ós demais as miñas cavilacións. Pero xa o teño feito e rínseme. E a min doime. Doime que a xente ande polo mundo como andan as vacas e os burros: procurando soamente o pesebre."

A pesar desa tristeza que sente polo comportamento dos demais el non cambia de idea e insiste na importancia de pensar ao dicir: "Os que non pensan non merecen ser persoas, digo eu." Por iso alégrase cando consegue que o seu amigo Lelo tamén pense e así teren conversas interesantes como: "Estivemos dacordo en que no mundo hai pobres e ricos e non debería ser así". O Xudío expresa moi ben a asociación entre pensar, a verdade e a xustiza: "Síntoo por eles, que parecen ovelliñas en vez de homes e mulleres. Ninguén pensa pola súa conta. Pensar é pecado. Pedir xusticia, verdadeira xusticia é pecado. E tamén é pecado ter ideias ou andar pola propia conta á procura da verdade".

Todas as reflexións que vai tendo ao longo do libro sérvenlle a Balbino para chegar á conclusión de que é necesario o compromiso e traballo: "Xurei para min que cando chegue a grande farei cousas de valemento para non morrer de todo cando morra". Na obra tamén aparece unha referencia ás persoas que só se dedican a criticar: "Pero hainos que non fan branca e inda teñen o tupé de esbargallar o que hai feito".

Xosé Neira Vilas, que viviu a emigración en primeira persoa, fai neste libro unha denuncia clara das causas e consecuencias da emigración. Ten unha consideración negativa pois supón a perda dos nosos sinais de identidade: "Primeiro pérdense costumes, xeitos de vida do país de orixe. Pérdese a alegría. Rematando, as máis das veces, por perdelo todo. É coma cando se arrinca unha árbore e se deixa coas raiceiras encoiro, sen terra".

A lingua tamén ten o seu protagonismo nas historias de Balbino. O mestre andaluz Alfonso representa unha clara imposición do español que vai provocar que o destitúan : "Se non entende váiase para o seu país. Nós non imos trocar de lingua". Hai por tanto nesta obra unha clara defensa do galego e como exemplo de que a situación pode cambiar a nova mestra, Eladia, falará galego.

Memorias dun neno labrego seguirá a ser unha obra lida e querida polos lectores e lectoras porque nos chega ao corazón con frases cheas de optimismo como: "Pero para min é milagre todo. Dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo."