Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-11-2010

Por vez primeira na historia, a poboación urbana mundial supera a poboación que vive no rural

Menoscabo do rural

XOÁN COLAZO PAZÓ


Modernicemos de vez; abonda xa dunha Galiza rural, ancorada no pasado.

O mundo alanca cara o futuro, desaforado, e nós non podemos ficar reféns dun ruralismo paralisante e sen saídas. Os estudos estatísticos sinalan que, neste ano, por vez primeira na historia, a poboación urbana mundial supera a poboación que vive no rural. Imos ser nós menos? Imos quedar outra volta atrasados? Seremos tan papóns de permanecer no andén dos subdesenvolvidos, ou meterémonos de cheo na vía dos países en desenvolvemento?

O dato de que dos 6.600 millóns de persoas que viven neste planeta, máis da metade o fagan en cidades e núcleos urbanos, e de que os e as habitantes do rural, do agro, do campo sexan agora minoría é quizais un simple dato máis psicolóxico ca con consecuencias directas e inmediatas. Pero pode valernos para algunhas breves reflexións dende Galiza.

A metodoloxía de obtención dos dados pode ser discutida, e tamén o que se entende por poboación rural ou non. En calquera caso, a nova, de primeiras, puidera levarnos a pensar que o progreso das formacións humanas leva necesariamente a concentrar a vida nas cidades, de que Galiza, país rural onde os haxa, está tamén nisto fóra de onda. E que este proceso civilizador -de utilizarmos unha terminoloxía equívoca- se produce sen distorsións, é boa en si mesma e non xera desigualdades. Todo isto semella moi discutíbel xa non dende a óptica de cada un, senón incluso dende a realidade demográfica e económica galega.

É Galiza un país rural? Sen dúbida foino até hai poucas décadas, case poderiamos contar mellor por anos. Pero susténtase hoxe en día en realidades tanxíbeis esa afirmación? É un tema complexo, mais penso que agora non se pode considerar Galiza como rural en termos xerais.

A grandes trazos ollamos que o 99% das entidades de poboación galegas son menores de 1.000 habitantes. Que as persoas que viven en entidades de menos de 100 habitantes son máis cás que residen nas 7 cidades maiores de 50.000 habitantes. Mais isto é moi matizábel, pois a tendencia dos últimos anos é drasticamente "correctora" deste feito, e, por outra banda, só un terzo dos galegos e galegas habitan en concellos rurais (de menos de 150 habitantes por quilómetro cadrado) fronte aos 2/3 que se concentran en concellos de natureza urbana. A isto hai que engadir o declive demográfico e o avellentamento. A maiores poderíase discutir que entendemos por rural ou urbano, por exemplo nos espallados asentamentos do franxa costeira galega.

De estudarmos o eido económico vemos que Galiza non pode considerarse un país rural, ou que teña unha forte base do sector primario nin sequera no noso contexto. O peso da produción agraria na economía galega non deixa de baixar, as rendas agrarias están en regresión, e hai unha especialización gandeira bovina pexada por unha chea de atrancos. O abandono de terras agrarias é masivo e acelerado. A superficie agraria utilizada desceu bruscamente en 75.000 hectáreas dende 1990 (non estamos a falar polo tanto dos anos 60 e 70 de desarrollismo franquista). A superficie de cultivos e pastos supón menos do 30% do total do territorio galego, cifra sensibelmente inferior a Portugal e ao Estado Español. Mentres pouleiras e ermos se estenden pola nosa terra, medra a dependencia alimentaria e incluso doutras producións rurais que ben se poderían dar aquí. Estase a afondar nesta contradición antieconómica, tan propia da globalización que destraga e desaproveita recursos. E os activos agrarios, quérese dicir, os labregos e labregas que traballan en explotacións que producen para os mercados, son xa pouco máis de 65.000 persoas, unha inmensa minoría en Galiza, cando hai tres décadas representaban case a metade dos traballadores e traballadoras do país.

O proceso de urbanización produciuse na maioría dos países europeos a finais do século XIX e principios do XX, isto é, hai máis de 100 anos, e foi parello a un proceso industrializador. Certamente se puideron producir desaxustes neste cambio, pero a día de hoxe semella que existe un certo equilibrio entre os dous mundos, rural e urbano, e non unha subordinación do primeiro. En calquera caso a base territorial e económica agraria doutros países non está gravemente cuestionado, e Alemaña, Franza, Austria ou Holanda, con ser países industrializados manteñen un agro máis puxante, equilibrado e con perspectivas de futuro ca nós. En troques, Galiza perdeu a súa base económica e demográfica agraria sen ter construído un modelo alternativo e viábel que supoña calidade de servizos e boas perspectivas de futuro para os veciños e veciñas do rural galego. Só existe un modelo depredador do territorio e dos nosos recursos, semellante aos países espoliados, chamados do terceiro mundo. Daí o estrangulamento das nosas producións agrarias, o risco de privatización dos montes veciñais, a extraversión dos recursos mineiros e enerxéticos.

Galiza pagou un enorme prezo pola súa modernización económica e social inflixida pola Política Agraria Común, a Unión Europea e a inserción periférica no Estado. Enténdase ben, pagamos un prezo altísimo polas decisións que supuxeron unha renuncia aos nosos recursos, a desenvolvernos dende un modelo propio e autocentrado. Cal modernidade, logo?

Unha característica do universo rural é a súa adaptabilidade e capacidade de subsistencia, por ser un medio de refuxio en tempo de crises. Ao cabo, é o lugar onde se producen os alimentos dos que todos vivimos, os habitantes do rural e das cidades. O lugar, tamén que reciben os subprodutos residuais das urbes. O mundo rural podería vivir sen as cidades, ao contrario, non.

Nesas dúas metades nas que simbolicamente se separa a poboación humana, Galiza sitúase, paradoxalmente, no mundo non rural. Pero esta modernidade xa debéramos saber que quizais non conduce a ningures.