Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
27-02-2010

Vale máis un país con arbores nos montes que con ouro nos bancos

Unidades de Xestión Forestal (UXFOR): Unha oportunidade para o noso monte

XABIER BRUÑA GARCÍA

Solicitudes de creación de UXFOR a nivel provincial.


Con esta frase de Castelao comeza o manifesto en defensa das UXFOR da plataforma que está a loitar por esixirlle ao actual goberno da Xunta dúas cuestións moi concretas:

1)   respecto dos compromisos adquiridos coas UXFOR existentes e a finalización os procesos en marcha.

2)   apoio decidido á xestión en común dos nosos montes, dirixida pola comunidade de propietarios, como medida xeradora de riqueza e de postos de traballo e, en xeral, de mellora do benestar dos galegos e galegas.

Que son as UXFOR?

Unha nova verba sumouse á linguaxe cotiá do noso rural: UXFOR, Unidades de Xestión Forestal. Nome de unha entidade con personalidade xurídica propia, formada por alomenos dous propietarios de terreo forestal que suman un mínimo de 15 hectáreas e que deciden agruparse para facer unha xestión conxunta e ordenada das súas parcelas. As UXFOR, xunto ao Bantegal, formaron parte da estratexia que o BNG puxo en marcha no goberno co fin de ordenar o territorio, poñer en valor as producións e previr os incendios forestais. Unha ferramenta pensada para solucionar os problemas do monte galego adaptada a nosa realidade e elemento básico para loitar contra o abandono e a desorde. Ao concentrar a xestión de parcelas acádase un mellor rendemento dos aproveitamentos, redúcense os custes, súmanse os esforzos, profesionalízase a xestión, e sobre todo obtense un territorio vivo e con futuro.

O xuíz Luis Villares define esta ferramenta como unha corporación de dereito público de base sectorial e non lucrativa, formada pola unión de propietarios de terreos forestais, que persegue a xestión ordenada da propiedade forestal para garantir a defensa contra os incendios e promover o uso racional do monte. As súas decisións adóptanse por maioría de cotas e os seus actos teñen natureza administrativa. Esta nova definición, outórgalle unha diferenza significativa con outros instrumentos similares e permite abrir unha nova perspectiva de integración do territorio no ámbito social e ambiental.

A situación actual das UXFOR

O actual goberno do PP está a afundir unha ferramenta imprescindible para o noso monte, só polo feito de ter un nacemento nacionalista. Seguindo en vigor o decreto 101/2008 de creación das UXFOR, que xurde ao abeiro da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais, a Xunta de Galicia está a proceder do xeito máis destrutivo para o noso país: paralizou todos os proxectos en tramitación das UXFOR sen deixarlles finalizar o proceso, e impediu o apoio administrativo ás novas iniciativas.

A día de hoxe, están pendentes de tramitación 45 UXFOR en todo o país, que agrupan a 2.602 propietarios/as con 12.285 parcelas en 4.182 hectáreas. A isto hai que sumar os máis de 952 grupos de persoas propietarias que manifestaron a súa interese por esta ferramenta e que tiveron algún contacto inicial (charla informativa) ou están en fase de tramitación de declaración de interese ou solicitude.

Solicitudes de creación de UXFOR a nivel provincial.

Fonte: Consellería do Medio Rural - Xunta de Galicia (2009).

Curiosamente cando este goberno non aproveita o traballo feito e a oportunidade que este instrumento ofrece para o noso monte, outros lugares como Asturias, Euskadi, Portugal, Holanda, Alemaña; están a estudar as UXFOR como medida para aplicar nos seus territorios. É máis, tendo xa desenvolto todo un procedemento administrativo e iniciada a súa aplicación no terreo, non se entende a proposición non de lei do parlamento galego para a creación dunha nova figura de agrupación de propietarios forestais, aproba o 25 de febreiro de 2010 cos votos a favor do PP e a abstención do PSdeG.

A radiografía do noso monte

A inmensa maioría do monte galego está en mans privadas (98% segundo o III Inventario Forestal Nacional), repartíndose este en 2/3 partes en propiedade privada individual e 1/3 parte en Monte Veciñal en Man Común. Centrándonos na propiedade forestal privada individual que se reparten uns 675.000 propietarios e propietarias, o 35%, está concentrada principalmente na provincia A Coruña, na que representa o 90% da superficie de monte existente na provincia e o 52% da superficie provincial. En Lugo concéntrase o 31% da propiedade individual de Galicia e representa o 60% da superficie de monte provincial. En menor proporción están Ourense e Pontevedra, aínda que nesta última, o 53% do monte provincial é de propiedade privada.

A superficie media da propiedade privada do monte galego ten un valor de 1,78 ha, distribuídas en algo máis de 10 parcelas, o que supón menos de 2.000 metros cadrados por parcela (moi por debaixo da superficie media agraria galega, de forma inversa a todo o resto de países da contorna). Este valor indica claramente a situación de atomización e minifundismo do monte galego, que fai ineficaz calquera tipo de xestión individual centrada na parcela. A nivel provincial, Lugo presenta maior superficie media por propietario (3,23 ha) fronte a Pontevedra que presenta o valor máis baixo (0,90 ha). Este feito relacionase co grado de minifundismo da propiedade que se concentra en maior medida en Pontevedra e en A Coruña, froito en gran medida do tipo de propiedade de partida e os sistemas tradicionais de herdanza.

A súa aplicación nun caso real

Na imaxe pódese observar un exemplo concreto de estrutura tipo do monte galego. Trátase do monte "Fonte das Meigas" na parroquia de Arcos do concello de Chantada (Lugo). O monte ten 54 ha, 92 propietarios/as e 392 parcelas; o que representa unha media de 0,59 ha por propietario/a e repartidas en algo máis de catro parcelas (0,14 ha/parcela). Asemade a xeometría das parcelas é moi alongada facendo inviable deste xeito a súa mecanización. Cando un se fai a pregunta básica de cal é a solución a este monte, tan só atopa unha resposta clara que é a xestión conxunta a través dunha UXFOR. Esta idea foi a que deu pé á constitución da comisión de propietarios da UXFOR "Fonte das Meigas"  en agosto de 2008. Logo foron dándose os pasos administrativos e os traballos no propio terreo ata abril de 2009, data na que o goberno do PP decide parar toda actividade vinculada con este monte e coa súa comisión de propietarios sen darlles unha explicación concreta do motivo.

Plano de investigación da propiedade na UXFOR "Fonte das Meigas" (Arcos - Chantada).

E agora que?

As Unidades de Xestión Forestal teñen un funcionamento democrático garantindo a participación de todas as persoas propietarias na toma de decisións. Supoñen en definitiva, unha nova ferramenta para a estruturación e cohesión dos predios do monte e o primeiro instrumento legal do noso país que dá cobertura as agrupación forestais.

O noso rural non se pode permitir a perda desta medida de vertebración social e territorial, xa que pode ser unha das últimas oportunidades para o noso monte. Este país non debe perder a ilusión de milleiros de persoas propietarias que iniciaron un cambio significativo na súa relación co monte e apostaron pola construción do territorio en conxunto.

As UXFOR son un dos principais elementos para recuperar a ilusión da nosa terra e a riqueza esquecida do noso monte, porén está na man do actual goberno o seu emprego, mantemento e continuidade.

Para máis información consultar:

Información xeral UXFOR

www.uxfor.info

www.voluntariadomontegalego.org/.../Que_e_unha_UXFOR.pdf