Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
06-10-2010

A existencia dunha equipa ciclista galega profesional tiña as horas contadas por decisión do PP

A tumba aberta

XOÁN COLAZO PAZÓ


A existencia dunha equipa ciclista galega profesional tiña as horas contadas por decisión do PP. Porén, non estaba sendo doado de coar esta decisión xustificadamente ante a opinión pública. Agora, da peor maneira posíbel, foxen como da peste utilizando a técnica do choco de confundirse tras unha enxurrada de tinta para escapulirse con disimulo.

Non é novidade ningunha que o actual goberno galego estea a desmantelar toda iniciativa que o nacionalismo encetara na lexislatura anterior. Con especial zúnia cargou contra todo o que cheirase a galego, contra os nosos principais signos de identidade, contra a base das medidas que eran realmente transformadoras. Tamén contra aqueloutras que permitisen ao galego identificarse como pobo diferenciado, orgulloso, situado no mundo á par dos demais.

No deporte, o primeiro caso que o exemplifica é a eliminación fulminante do partido anual da Selección Galega, pola que tantos anos houbo que reclamar, que tan boa aceitación popular tivo e de tan bos resultados. Nada máis chegar ao goberno da Xunta, a dereita españolista eliminouna de vez, para situarnos, tamén neste espazo simbólico, por baixo das comunidades de terceira división. Para iso tivo que inocular na sociedade a falacia do seu suposto alto custo. Quen quixer que faga as comparacións oportunas co que nos custa a galegos e galegas soster outros combinados de obrigado apoio e inmutábel existencia pola graza de deus.

No ano e medio de goberno do PP a crise económica é o asunto recorrente para lexitimar todo canto están a desfacer e para xustificar a parálise e inacción nos asuntos da súa responsabilidade. É un argumento doado de lanzar e asimilar por moita xente, que evita ter que dar máis explicacións. A súa utilidade provén de que apoñerlle matizacións sería complicalo demasiado. Que a crise implica escoller, priorizar o destino duns recursos sempre limitados levaría a ter que debater sobre a que se dedican os cartos públicos nestes intres. Quizais a actuar en contra do noso idioma, por exemplo? Ese debate non lles interesa, está claro.

Neste contexto hai que situar o vergoñento espectáculo que se deu esta última semana respecto da equipa ciclista galega. A simple crónica dos acontecementos permite comprobar ás claras o tamaño da infamia. O Partido Popular atopouse na súa chegada ao goberno galego cunha realidade molesta como era a existencia do Xacobeo Galiza, unha equipa consolidada que lle estaba a dar oportunidades aos corredores galegos e que obtivo moi bos resultados deportivos e grande apoio e repercusión social. Ao non poder dar cabo dela, a comezos de 2010 o PP tentou a manobra descarada de impoñer a entrada na equipa dun deportista acabado como Óscar Pereiro. O obxectivo era apropiarse partidariamente da escuadra por medio de quen -parvo útil ou colonizado consciente- resmungaba contra a imposición do galego mentres o puro de Raxoi o atufaba nos touros de Pontevedra. Neutralizaríase así calquera outra orientación ou identificación que eles non puideran controlar. O perfil de Pereiro era moi diferente e máis acaído có de Ezequiel Mosquera, o verdadeiro líder gañado na estrada. O augador segundón dos líderes naturais españois, fronte a quen si cría na potencialidade das propias forzas, quen, por exemplo, escribía crónicas en galego nas proscritas páxinas de deportes dun medio españolísimo. A operación non trunfou, e o PP tivo que apandar un ano máis, mentres rinchaba os dentes ao ver uns galegos salientar no pelotón internacional, que mal exemplo.

O ano santo xacobeo debera ser para toda a vida, durar anos e anos, e mesmo até se fixo o paripé da intercesión papal, sabendo como sabemos que é a solución de Feixoo contra a crise. Pero o Xacobeo ciclista debía desaparecer canto antes. Que a equipa seguise a obter éxitos, que se gañasen xeiras, que se estivese a piques de gañar a Vuelta non eran un bo contexto para anunciar a eliminación do mesmo. Os medios informaron que até na festa do PP o asunto foi tratado de xeito especial. Que facer coa pataca quente que tiñan entre mans? As supostas negociacións con empresas privadas carecían de entidade abonda para xustificar a papeleta. Entón veu a escusa perfecta, o cravo ardendo ao que se agarrar, dunha oportunidade no tempo tan precisa que até fai pensar mal. Foi o día mesmo que se anunciaba que Contador era suspeito de dopaxe, que restaba un día para decidir a continuidade do Xacobeo, que unha concentración popular ía reclamar que non se desandase o camiño encetado. Unha canle española -sempre elas tan remisas a valorar ponderadamente os logros dos nosos deportistas- aventuraba que os dous principais corredores do Xacobeo poderían ter tomado substancias prohibidas... Que iso fose incerto, que os propios corredores non o souberan antes cós medios de comunicación, que se estendera a ignominia sobre todo un colectivo de ciclistas non importaba. O obxectivo do PP estaba acadado: destruír unha equipa ciclista nitidamente galega sen ter que apandar cos custos de tan controvertida decisión. Acabouse. Todo o que se puidera dicir era debater sobre algo pasado.

Nesta crónica están retratados algúns dos elementos que seguen operativos á hora de limitar toda iniciativa positiva para a nosa nación: a potencialidade esmagada, a falla de apoio para quen cre nas propias forzas, o colaboracionismo que prefire a terra queimada a un só gromo que non poida controlar ou desactivar, a visión pexorativa que de fóra pesa sobre nós, a limitación das nosas respostas ante as aldraxes, o fatalismo que nos asombra ante unhas forzas que non somos quen de controlar.

O PP lanzouse a tumba aberta para neutralizar un equipo galego que non controlaba. O deporte non está libre de intervencións políticas. Pero o nacionalismo non o utilizou, nin neste caso nin noutros, de xeito dirixista ou partidario. Pola contra, o imperialismo español non pode aturar que medre a herba fóra do seu control, tampouco no eido deportivo. Practican un separatismo excluínte a todo tren. O PP non permite de xeito ningún a identificación co país, por iso traballa para manternos no alleamento de nós.