Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
20-07-2010

Acompáñanos nun sintético percorrido histórico sobre as orixes, o desenvolvemento e o significado desta data

90 anos do Día da Patria Galega (1920-2010)

Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez

Alexandre Bóveda nun acto patriótico en Ourense (1936)


Queremos aproveitar o 90 aniversario da primeira convocatoria da festa maior dos galegos, como afirmaba Castelao, para clarificar e botar luz sobre as orixes, o desenvolvemento e o significado desta data. Son moitas as razóns que nos asisten para isto, a empezar polo intento de manipulación desta celebración desde os ámbitos académicos para xustificar as posicións políticas dos que sentan cátedra sobre o nacionalismo; a seguir pola operación de falsificación da nosa historia recente a fin de poñela ao servizo de proxectos ou persoas que nada teñen a ver cos obxectivos que se agochaban tras os feitos ou o suceder histórico; e a rematar porque pensamos que o pobo galego ten dereito/merécese unha historia contrastada, real, non falseada, que faga xustiza con nós e dé folgos ao proceso de liberación da nación galega.

O 25 de Xullo de 1920, conforme ao acordado un ano antes na II Asemblea Nacionalista celebrada en Compostela, as Irmandades da Fala convocan por primeira vez o Día da Patria Galega coa intención, así manifestada no seu propio boletín ese mesmo día, "de autoafirmación e para que dentro de poucos anos, o 25 de Xullo, non haxa un fogar galego que non deixe de exteriorizar o seu patriotismo". Neste primeiro trienio da década dos 20, reflectindo o arraigamento social, a celebración non pasou da organización de conferencias, homenaxes a Rosalía, presentación de libros, actuacións musicais e teatrais, ou a colocación da bandeira galega en institucións públicas, como no Concello da Coruña, xa en 1921, ou en Vigo e Compostela en 1923. A labor de dignificación da Patria e da súa simboloxía xunto á construción dun imaxinario colectivo propio encetado polas Irmandades, vaise ver cortada co Ditadura de Primo de Rivera que prohibe expresamente a celebración da data até 1930. Xa que logo, desde 1924 até 1930, a conmemoración do Día da Patria Galega quedou restrinxida aos editoriais de A Nosa Terra, xornal naquela altura vinculado ao nacionalismo, iso si, visados pola censura militar, dada a imposibilidade de celebrar actos e mesmo de exhibir simboloxía que non fose común ao conxunto do Estado.

A proclamación da II República vai permitir restaurar a convocatoria, normalizándose os actos na xornada do 25 naquelas vilas e cidades onde o nacionalismo tiña representación, organizándose xantares no que tomaban a palabra os dirixentes do Partido, distribuíndose manifestos e follas voandeiras así como recuperando espazos para a simboloxía nacional, nomeadamente a bandeira. Porén, será a partir de 1934, coa instauración do Mitin das Arengas a celebrar a partir das 11 da noite do 24 de Xullo na Praza da Quintana, cando se lle dá un novo pulo a data. O Mitin das Arengas, da que só se celebraron dúas edicións, e que xuntaba en Compostela aos nacionalistas de toda Galiza, iniciábase coa intervención dos dirixentes do nacionalismo e daba remate cunha manifestación que tiña como final a estatua a Rosalía na Ferradura, que só se puido celebrar na primeira edición. O acto que era duramente criticado na prensa da época polo seu carácter anti-español, anunciaba unha nova metodoloxía, sen experimentar na práctica nacionalista, para actuar entre as masas ao tempo que servía, en palabras de Bóveda, para facer máis real e concreta unha xornada dedicada até o entón en abstracto á Terra.

O Golpe de Estado militar e a ditadura franquista significou que durante un longo período de tempo a convocatoria do Día da Patria Galega ficara restrinxida ao ámbito da emigración, onde precisamente máis se cuestionara e seguía a cuestionar a data escollida pola súa vinculación ao "Matamouros", propoñendo na contra o 17 de Decembro data do asasinato de Pardo de Cela, como símbolo da perda das liberdades galegas. Así e todo a mediados da década dos cincuenta comezase a celebrar o 25 de Xullo a "Misa de Rosalía" en Santo Domingos de Bonaval, onde se dan cita o conxunto dos galeguistas, fosen ou non de orientación piñeirista. Haberá que agardar a 1968 a que a UPG, fundada catro anos antes rescate a data na denominación e no contido, do secuestro á que tiñan sometido a dirixencia do Grupo de Galaxia.

O 25 de Xullo de 1968 a capital de Galiza amenceu tomada pola Policía Militar que tentaba impedir a celebración do Día da Patria Galega convocada pola Unión do Povo Galego cunha concentración na Praza do Obradoiro. Porén, as forzas represivas do franquismo, non foron quen de evitar que os nacionalistas penduraran na entrada da Alameda compostelá unha faixa co lema "Viva Galiza ceibe e socialista" que mantivo presente a reivindicación nacionalista até ben entrado o mediodía. A resposta policial era a reacción do réxime a intensa campaña de propaganda que a UPG desenvolveu durante as semanas previas ao longo da nación chamando a participar da mobilización patriótica e que se concretou na distribución de milleiros de follas voandeiras, redactadas e impresas en Madrid por Bautista Álvarez, que permitiron que a reivindicación chegara a cada recuncho da Patria. Un ano máis tarde a dirección da UPG, nunha discusión non exenta de polémica, acorda aproveitar a saída da misa de Rosalía de Castro, para celebrar a data, os berros de "Viva Galiza Ceibe", foron coreados ao final do canto do Himno que naquela ocasión acompañouse do "Venceremos Nos", o que provocou a intervención indiscriminada dos corpos represivos e a detención de varias persoas, entre elas, de Xaime Illa Couto.

A Unión do Povo Galego, do mesmo xeito que nos dous anos anteriores, vai seguir convocando en solitario o Día da Patria Galega entre 1970 e 1974 cun éxito desigual en canto a resposta popular e chamando, agora, a concentrarse en Santo Domingos de Bonaval. O aumento da introdución social do nacionalismo vai dar particular relevo a xornada de 1974, no que após unha intensa campaña previa de axitación social, a marcha patriótica non pode desenvolverse ao aparecer outra vez Compostela tomada pola policía tanto nas súas entradas de acceso como nas súas prazas máis céntricas. A altura de 1975 a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), que viña de constituírse en Abril deste ano, toma o relevo da UPG na convocatoria e chama ao pobo galego a unha manifestación que partirá ás 6 da tarde de Santo Domingos de Bonaval, no que participan un milleiro de persoas, a pesar da forte presión policial, que remata coa detención de 11 militantes nacionalistas. Un ano máis tarde, respondendo tamén a un chamamento da AN-PG, 5.000 persoas mobilízanse por Compostela. A marcha que non pode saír da Alameda como estaba prevista, tras máis de 100 detencións, disólvese, tendo continuidade ao mediodía con catro manifestacións en catro puntos de Compostela e posteriormente con dúas mobilizacións ás 6 da tarde que conflúen na Ferradura, onde volven actuar con extrema dureza as forzas de orde pública.

A partir de 1978, á tradicional convocatoria da UPG e da AN-PG sumáselle outra nova, como consecuencia do proceso de galeguización formal das forzas políticas de obediencia española. Aínda así a manifestación convocada polo Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) -alianza formada pola UPG e a AN-PG, supera de longo á da Xunta pre-autonómica co apoio da totalidade das forzas políticas de Galiza baixo a denominación de "Dia Nacional de Galicia", agás o PSG e un pequeno grupo escindido do nacionalismo que organizan un acto no Teatro Principal, e xa en 1979 volta a ser única mobilización a convocada polo BN-PG. As organizacións e institucións convocantes no ano anterior desistiran ao verse superados pola do nacionalismo, que enche de novo a Praza da Quintana, cunha participación de 20.000 persoas. Será nestes anos cando se asenta o formato da xornada do Día da Patria Galega, tal como a coñecemos hoxe, manifestación na xornada de mañá e convivio lúdico-festivo en horario de tarde na Carballeira de Santa Susana.

O 25 de Xullo de 1980, impídese o aceso da manifestación, nesta ocasión convocada polo BN-PG e o PSG, á Praza da Quintana, recuperada para o nacionalismo nun acto pola amnistía organizado pola AN-PG o 31 de decembro de 1975 coincidindo coa visita a Galiza dos Reis españois, polo que as forzas organizadoras, BN-PG e PSG, deciden dar remate á manifestación na Alameda. No marco dunha onda represiva contra o nacionalismo, directamente vinculado ao proceso recentralizador que xa se inicia antes do Golpe de Estado do 23-F (1981) e que se acentúa cos primeiros  anos do PSOE no Goberno (outubro de 1982), onde destaca a expulsión dos deputados  nacionalistas do Parlamento (novembro de 1982), vólvese a prohibir ao aceso do nacionalismo á Quintana en 1981, 1982 e 1983. Nin eran inocentes as motivacións do poder de impedir o acceso do nacionalismo a Quintana, nin eran caprichosas as reivindicacións deste de rematar a manifestación no casco histórico; uns e outros sabiamos, que o que estaba en xogo era a exclusión e a eliminación do nacionalismo da vida do país, ben pola vía da asimilación, ben polo vía da marxinalización. Os duros enfrontamentos vividos en Compostela o 25 de Xullo de 1983 entre os militantes nacionalistas e as forzas de orde público, no que ocupa un papel central a sentada de máis de 6 horas e a carga policial na Praza de Galiza abriron a vía a que o nacionalismo recupere en 1984 a Praza da Quintana.

A partir de 1984 a xornada de loita do 25 de Xullo convocada polo BNG vai ser un espello do estado de saúde, da evolución e das preocupacións políticas que ocupan a axenda do nacionalismo galego, mais isto xa é outra historia, unha historia que tamén compre contar, mais que seguimos construíndo ano a ano coa nosa presenza nas rúas Composteláns. Unha historia que nos fala de perseverar e saber a onde queremos ir como xeito de continuar a avanzar e non perdernos polo camiño, un relato que nos informa do que fomos, do que somos pero sobre todo que nos indica que o que queremos ser implica a superación do actual marco xurídico-político, unha crónica escrita con fluxos e refluxos, que nos permite visualizar mancheas de experimentos fracasados porque a única elaboración doutrinal correcta é aquela que supera o peneirado da práctica, un romance que nos lembra que o traballo social e institucional son dúas caras da mesma moeda precisos para dotar a acción política de utilidade e eficacia, pero fundamentalmente que nacionalismo e Galiza van da man.