Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
13-07-2010

Baixo o título: Un mar de posibilidades, tivo lugar o primeiro acto de conciliación social dende o remate da caza de baleas en Galiza, dende hai 25 anos

Cara a paz social diante da caza das baleas en Galiza

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


No ámbito das V Xornadas de Pesca organizadas pola Confraria de Pescadores do Pindo
, Carnota, baixo o título: Un mar de posibilidades, tivo lugar o primeiro acto de conciliación social dende o remate da caza de baleas en Galiza, dende hai 25 anos. Ademais da variada oferta temática mariña, que foi dende os temas hitórico-patrimoniais marítimos ás posibilidades de futuro do sector produtivo en torno ao mar, cabe destacar a temática sobre a actividade baleeira, así como a cordial acollida dos organizadores a todos os presentes e as actividades lúdico-culturais que encheron un completo programa, entre as que destacou a interpretación do tema inédito A última balea de Caneliñas do músico Bieito Romero (Luar na Lubre) ou o recital do poeta fisterrá Alexandre Nerium. A temática da caza das baleas é de ampla actualidade ao coincidir as xornadas coa reunión anual da Comisión Baleeira Internacional (IWC) e a súa problemática sobre a caza científica, celebrada en Agadir.

O venres 25 e o sábado 26 centrou as presentacións e debates sobre a caza da balea en Galiza e sobre a actividade da baleeira da antiga baleeira de Gures, Cee. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA colaborou no evento mediante a presentación sobre A historia ambiental da caza das baleas, que abriu a sesión expositiva do venres. Durante a exposición aportouse importante información e argumentos científicos para tombar algúns mitos transformados en falsidades históricas como que: os vascos extinguiron a balea franca na Península no século XVI, que perseguiron as baleas ata Terranova ou que os galegos non cazaban baleas na época medieval. Quizais o novedoso desta exposición foi o propio tratamento da historia ambiental representada con dúas imaxes, por unha banda a imaxe denominada A rendición de Granada, obra de Francisco Padilla pintada no século XIX por encargo do Senado español, onde se representa ao rei nazarí Abū Abd Allāh Muammad, ou Boabdil, entregando as chaves de Granada aos reis Católicos. Esta imaxe representaría a historia clásica: escrita e interpretada polos vencedores, neste caso polo imperialismo español. Por frente, a segunda imaxe amosa a unha muller, aínda anónima, cunha patela na cabeza, levando un palangre alestido, como representación do que significa a historia ambiental, é dicir, a historia e a evolución da relación entre a cultura humana e o medio ambiente que a rodea, reflectida polo traballo. 

A CEMMA insistiu nunha reclamación, que foi a orixe do seu nacemento no ano 1990, a necesidade da posta en marcha dun Museo da Balea en Galicia, que recolla a actividade histórica e moderna da caza da balea, como acto de xustiza aos traballadores e traballadoras que desenvolveron a súa actividade o máis dignamente que puideron, mais tamén co ánimo de que se destaque no mesmo a entrega da último arpón baleeiro como acto de conciliación social e de paz entre as persoas humanas e as persoas cetáceas. Como exemplo, na exposición figuraba unha fotografía do armador baleeiro madeirense, D. Eleuterio Reis, facendo entrega do último arpón e converténdose en exemplo de conservación dos cetáceos nas illas Macaronésicas. A imaxe ocupa un lugar destacado no Museo da Baleia do Caniçal. Posteriormente, o sábado, houbo unha actividade sobre a baleeira de Gures cos traballadores como protagonistas, onde estiveron presentes Julio Arias, Carmen García, Pedro Ares, Josefina Outes e Xesús Manuel como representación dos ex traballadores da factoría e dos baleeiros onde expuxeron o que facer diario e a súa problemática coa moratoria. Abriuse un interesante debate entre os presentes, entre o que se atopaba Xosé Manuel Penas Patiño, que estivo ao fronte das actividades contra a caza de baleas que a Sociedade Galega de Historia Natural desenvolveu naqueles difíciles anos. Pola tarde realizouse unha visita ao que queda da factoría, onde, percorrendo os seus derruídos e baleiros muros, a señora Josefina guiou os pasos dos visitantes ao longo da baleeira de Caneliñas por todos e cada un dos traballos relatados durante a maña.

stas xornadas no Pindo coa temática da caza de baleas como eixo central supoñen o primeiro acto de reconciliación social despois de vintecinco anos, xa que as campañas de sensibilización social de finais dos setenta, encabezadas a nivel mundial por Greenpeace e a nivel galego pola Sociedade Galega de Historia Natural, que remataran coa apertura da moratoria mundial da caza de baleas no ano 1985, e o consecuente peche posterior das factorías galegas, abriu unha fenda social aínda por pechar, cuestión xa superada noutras costas baleeiras como Os Açores ou Madeira.

A necesidade de recoller, e plasmar, nun Museo da balea a importancia histórica, social e económica da actividade baleeira de Galiza e os actuais labores de conservación das baleas, e dos cetáceos en xeral, como acción de educación ambiental sobre o propio medio mariño, considérase a ollos da CEMMA, como unha urxente necesidade para o país, pois canto máis tempo pasa máis difícil será acoller materiais ou testemuñas como as presentes nestas xornadas.