Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
24-02-2010

Unha das opcións para sair da crise é a través de cambios estructurais profundos que orienten a conformación dun novo modelo de organización económica e social

Un novo modelo económico e social como saída á crise

XESÚS SEIXO FERNÁNDEZ


Estamos realmente superando a fase de recesión económica provocada pola crise, como se está a predicar desde gobernos e institucións financeiras?

É difícil de crer que un situación económica cun enorme fraude financeiro cometido polo capital especulativo, unha porcentaxe áinda moi alta de activos lixo por descubrir, con máis de 300.000 millóns de Euros que os promotores deben á banca no Estado Español, con miles de novos desempregados e numerosas empresas en risco grave de peche ou de reducción de plantillas, se poida dar por superada, nun período escaso de dous anos, sen que se teñan adoptado cambios estruturais ningún e onde se siguen a promover as políticas neoliberais de sempre.            

Se estamos a saír da recesión, se só é un espellismo ou mera propaganda do poder, ou cando esto vai a suceder, é difícil de predecir, pero o que si non ofrece dúbida ningunha é que o modelo neoliberal non está a ser cuestionado, nen por gobernos nen polas institucións financeiras, e que quen sigue a marcar a política económica, no Estado e no mundo, é a oligarquía financeira.            

Cando se iniciou a crise económica sabíamos que había dúas opcións para sair dela. Unha delas era a través de cambios estructurais profundos que orientasen a conformación dun novo modelo de organización económica e social. A outra posibilidade era que se reforzasen as políticas neoliberais e polo tanto se afondase no modelo de capitalismo neoliberal hoxe en crise. É evidente que o poder, como era lóxico que así sucedese, optou por esta segunda opción.            

Nada se fixo para gravar os movementos especulativos de capital,  suprimir os paraísos fiscais, levar adiante o control público dos sectores estratéxicos da economía, reformar a política fiscal cara un modelo progresivo, facer unha política de rendas favorábel a mellora do poder adquisitivo dos salarios ou promover a creación dunha banca pública. Polo contrario anuncianse políticas de recorte de dereitos laborais e sociais (reforma pensións, abaratamento despedimento), páctanse acordos estatais de recorte do poder adquisitivo dos salarios, recórtase o gasto público ou apórtanse miles de millóns de euros á banca para que siga especulando con eles nos mercados financeiros. 

Séguese pois, fomentándose a economía especulativa fronte a economía produtiva e séguese a afondar na precarización laboral e a perda de peso dos salarios fronte ao incremento dos beneficios empresariais. É dicir, aliméntanse as dúas causas principais que están detrás desta crise económica. E todo esto coa cobertura de, practicamente, toda a parafernalia mediática, de "esquerdas" e de dereitas, privada e gubernamental, e coa connivencia das centrais sindicais estatais.  

Diante deste panorama, temos que reafirmarnos na idea de que os cambios cara un novo modelo económico e social, só van vir da man da organización e a mobilización social, promovida pola clase que obxectivamente está interesada, é dicir, a clase traballadora, e na nosa nación, baixo a dirección política e ideolóxica do nacionalismo.