Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
02-05-2022

A alianza progresista e de esquerda Pacto Histórico, ten moitas posibilidades de acceder á presidencia do país.

Colombia pode virar

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Hai un ano por estas datas as rúas de Colombia ardían con centos de milleiros de persoas mobilizadas, en apoio a un paro nacional baixo a consigna “Por vida, Paz, Democracia e contra la Reforma Tributaria e o Paquetazo Neoliberal de Duque”. Á gran protesta que se producía  o goberno respondía con unha forte represión, que segundo diversas fontes deixou máis de 70 persoas mortas, centos de persoas feridas e un número aínda non concretado de persoas desaparecidas.

A represión foi tan brutal, que incluso unha institución como a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH), organismo dependente da OEA e por tanto nada sospeitoso de ser contrario aos intereses que defende o actual goberno colombiano, condenou a vulneración dos dereitos humanos dos e das manifestantes.

As mobilizacións mantivéronse no tempo ao longo de 2021 con maior ou menor intensidade; o Paro Nacional, ademais da reivindicación concreta de facer fronte a un conxunto de medidas económicas moi lesivas para as clases populares, foi un gran estoupido que levou á rúa os múltiples conflitos existentes no país, como o incumprimento dos Acordos de Paz asinados coas FARC, o asasinato día si e día tamén de membros da guerrilla desmobilizados e de dirixentes sindicais e sociais, e unha xestión sanitaria e económica da pandemia que deixaba desprotexida á maioría da poboación.

As masivas mobilizacións de 2021, se ben é certo que non conseguiron a maioría dos obxectivos concretos polos que foron convocadas, deron un duro golpe ao presidente Iván Duque; e sobre todo abriron unha nova etapa, con un goberno desgastado, incapaz de negociar e que só respondía  ás xustas reivindicacións da súa poboación con unha represión brutal. Fronte a esa situación a oposición mostrouse disposta a buscar os mecanismos precisos para trasladar as mobilizacións ao campo electoral, consciente de que 2022 ía ser chave no futuro do país, ao celebrarse dúas importantes eleccións no primeiro semestre.

O domingo día 29 deste mes de maio celebraranse eleccións presidenciais, e nelas Gustavo Petro, candidato da ampla alianza progresista e de esquerda Pacto Histórico, ten moitas posibilidades de acceder á  Casa de Nariño, sede da presidencia de Colombia.

Todas as enquisas dan a vitoria a Gustavo Petro, tanto na primeira como na segunda volta; consolidando a tendencia marcada polo resultado que obtivo a esquerda nas eleccións parlamentarias do pasado mes de marzo; eleccións nas que o Pacto Histórico foi a candidatura máis votada, aínda que moi lonxe da maioría absoluta, obtendo un 17% de apoio nun Congreso Bicameral ao que accederon 16 candidaturas.

Resta menos dun mes para a cita electoral e segundo trasladan persoas que participan activamente na campaña os  prognósticos son bos, aínda que os ataques contra Petro e contra quen o apoian están sendo durísimos. E nun país como Colombia pode pasar calquera cousa,  pois como escribía hai uns días o camarada colombiano Jaime Cedano, “nos últimos setenta anos foron asasinados catro candidatos presidenciais, centenas de concelleiros, alcaldes, deputados, congresistas, milleiros de líderes sindicais e sociais, exterminando a varios partidos e movementos políticos”.

Non esquezamos que Colombia é a peza central da política dos EUA en América Latina, unha función reafirmada o pasado 10 de marzo por Joe Biden cando anunciou a presentación de un proxecto de lei para a Alianza Estratéxica entre Estados Unidos e Colombia;  proxecto que afonda na condición de socio global extra-continental da OTAN que ten ese país desde 2018.

Haberá que seguir con atención os movementos que se poidan producir nas vindeiras semanas; pois unha viraxe en Colombia co acceso de Petro á presidencia tería o efecto de un auténtico terremoto no continente, algo que o imperialismo tentará evitar por todos os medios.