Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-07-2010

Un percorrido pola cidade de Dublín observando a xente mostra o conflito social que se está a vivir tamén noutras cidades europeas

Éire, Dublín: escenas dun día

LOIS DIÉGUEZ


Éire, en gaélico, esa terra coñecida como Irlanda (Ireland en inglés), era un mito para a xeración Nós, un espello no que se querían ver daquela, cando a longa revolución dos primeiros anos do s. XX que trouxo a súa independencia. Como en Irlanda, érguete e anda, dicían, diciamos, seguindo ese berro baril. E nos anos 70 liamos os escritores irlandeses apaixonadamente, poetas e dramaturgos, (Yeats, Synge, O´Casey) e mesmo o nacionalismo galego tiña relacións con partidos soberanistas desta impresionante Terra verde chamada, xustamente, a Illa Esmeralda. Cantos, cantas nacionalistas, hoxe, coñecen a longa loita irlandesa para se desfacer do xugo dos ingleses? Ou os mitos celtas que aquí tamén cultivamos?

Baile Áthia Cliat é en gaélico o nome da capital da República irlandesa, ou Dublín para os ingleses. Eu pensaba que había unha relación máis estreita entre o gaélico e o inglés, mais nada se parecen, como se pode comprobar nas frases, escasos escritos ou topónimos que se poden ver nun paseo por esta cidade gris que anima, como as nosas, a nostalxia, o ensimesmamento, como diría Vicente Risco.  A choiva cae morna docemente e obriga a xente a correr ou gardarse baixo os beirados dos edificios.

Camiño e observo, pensando en buscarlle a realidade aos mitos que eu mesmo criaba naqueles anos 70 xa mencionados, en Madrid, e logo na Galiza.  Baile Áthia Cliat aparece limpa baixo o cristal da choiva. Pero un pode botar ao chan un vaso de plástico, mesmo nun lugar público, no tren ou no bus, que será pisado unha e outra vez sen que ninguén o recolla, nen novos, nen vellos. É como se todos pensasen que iso é obriga dos varredores que aparecen de cando en vez co seu carriño, ou do coche do lixo.

A cervexa, a Guinnes, negra e escumosa, morna máis que fría, de sabor levemente tostado e suave, é a bebida nacional. A medida resulta cumprida tamén, a pinta, o medio litro, aproximadamente. Hai que meterse nos pub que ateigan case cada baixo de calquera edificio para ver ou sentir eses rostros colorados, ollos de febre, mans grandes agarradas a unha xerra, dúas, tres... Un grupo toca e canta en inglés. Hai que berrar para entenderse, apertados nos locais escuros, abarrocados de obxectos e de espellos, co verniz do tempo embelecéndoos. Verás, case sempre, mociños e mociñas adolescentes dando conta da súa pinta tamén, ás veces cos pais, cando hai que escoitar algo que guste. O Temple Bar, ese barrio antigo ofreceravos un bo escaparate dos pub clásicos. Por el cruzan de forma continuada grupos de mozos e mozas falando en inglés. O inglés é o idioma de Baile Áthia Cliat.

Un garda bótase a un mozo de torso espido que trata de vender unhas figuriñas feitas seguramente por el. Bótase de xeito agresivo e sen máis inmobilízao coas esposas. Moi perto, nunha rúa paralela á principal, un camelo ofrécelle droga á xente nova que pasa por alí. Todo o mundo ve a escena e segue de largo como se fose cousa de cada días. Os gardas non se botan aos camelos. Andan desaparecidos. E se avanzas unha miga polas rúas verás tamén xente tirada, baixo a choiva, ou leas realmente violentas.

Dublín, ese talismán agrisado polo tempo, escacha as imaxes que del tiña gravadas. Hai estatuas de James Joyce en varias rúas, e moitos cafés recollen frases do Ulyses referidas á súa descripción. Bram Stoker (o do Drácula), Oscar Wilde, Swift... son lembrados tamén e sinalan as casas ou edificios que tiveron que ver dalgún xeito coa súa biografía.  Celébrase o triunfo en Londres destes homes, o recoñecemento internacional, pero apenas o traballo, mesmo contraditorio, pola supervivencia do gaélico no pobo e na cultura (outros son: Brendan Behan, Synge, Yeats...) Hai itinerarios de escritores que nos levan a Sandycove onde está a Torre Martello na que Joyce desenvolve as primeiras escenas do Ulyses. É interesante a lectura ou relectura. Os temas que aquí relato aparecen baixo o prisma da súa filosofía, o idioma entre eles, nuns parágrafos realmente definidores do conflito que se viviu e se segue a vivir ao respecto.

E fin, o ceo teimosamente gris, as escenas da desfeita, os mesmos monumentos inspirados na arquitectura de Londres ou París, métenme con dureza nunha realidade que nen tan sequera intuía. Podería ser outra a historia desenvolvida polos actores da independencia. A revolución comeza unha vez que se collen as rendas do país. E a evolución das nosas cabezas para construír outras escenas máis solidarias, xustas e activas. Non cabe dúbida de que andan polos ceos de Europa os tres xenetes bravos e descarnados coas gadañas,  e que a semente que deixan é destrutiva; de que a historia do Éire é, certamente particular e eu non vou ser tan atrevido para criticar aspectos que poden parecer unha cousa e son realmente outra... Non cabe dúbida. Pero é necesario tamén advertir que os cambios sociais han ir da man dos humildes, e nunca irán  nas dos que, sen selo, se fan pasar por tales. É o conflito fundamental do momento: a invasión institucional dos embaucadores.

Mais,  comparando situación por situación, nada é distinto aquí, a non ser a realidade propia, a historia diferente que fai países e loitas tamén diferentes. A miseria económica trae a miseria mental, a fuxida cara ao lado equivocado. E se non aparecen guías firmes a caída virará en vertixe. A droga da televisión creou mundos irreais e conciencias confusas, e Dublín, como as demais capitais europeas, é unha vítima disto. Por iso volvemos aos escritos esperanzados de Synge, Yeats ou O´Casey, e buscamos outros actuais que aínda non coñecemos, pois non é doado chegar a eles. Quizabes  neles atopemos outra vez a pureza da ilusión, e iso será o que nos erga, porque sen a ilusión nunca a adversidade será escorrentada. E Baile Áthia Cliat ofrecerá sen dúbida a amabilidade de seu, o cálido sorriso e a forza musical da arpa.