Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
20-12-2021

Honduras como síntoma

Zelaya, malia ser a súa muller a futura presidenta de Honduras, quedou fóra do xogo político

XURXO MARTIZ CRESPO


Nas recentes eleccións hondureñas, gañadas pola candidata Xiomara Castro, muller do deposto expresidente Zelaya, tentei procurar algún acto electoral en que aparecese Zelaya coa súa muller: non atopei ningún. Probabelmente foi a algún pero con perfil baixo. A candidata era ela e el... é xa pasado por moito que se presente como asesor, e ese “ser pasado” é un triunfo para aqueles que o destituíron.

“Le dieron un ta’ te quieto”, é unha expresión latinoamericana  que anuncia que a alguén lle deron un “aviso”,  “destituírono sen matalo” e, xa que logo, ten que mudar de actitude, estar calado, marchar do posto ou invisibilizarse. As súas variantes van desde a acusación xudicial, a incriminación de familiares, a destitución no goberno baixo calquera escusa etc.

Zelaya, malia ser a súa muller a futura presidenta de Honduras, quedou fóra do xogo político. Todos estes anos son irrecuperábeis e o que se podería ter sementado e recollido agora non é máis que un proxecto de colleita... e, ademais, está “avisado”.

Pero a lista é moito máis cumprida. O expresidente paraguaio Fernando Lugo, malia participar na vida activa do Paraguai (na actualidade é presidente do Senado), ten un pequeno grupo político de apenas 5 ou 6 deputados. Cun perfil baixo e sen pretensións, “está calado” e sen posibilidade de voltar á presidencia, malia a liberdade dos labregos condenados inxustamente pola matanza de Curuguaty, que xustificou a destitución de Lugo como presidente do Paraguai.

Evo Morales y Álvaro García Linera de Bolivia, unha vez depostos, quedaron á sombra do seu mesmo partido, que hoxe está mandando en Bolivia, pero con outra xente e arredados, como Zelaya, de calquera protagonismo político.

A invisibilización dos destituídos é o principal obxectivo da destitución. Todo un triunfo para a reacción que procura por este medio anular para o futuro a actividade revolucionaria do pasado.