Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
07-06-2021

Peaxe nas vías de alta capacidade

EDUARDO ÁLVAREZ

Peaxe nas vías de alta capacidade


Velaquí unha manifestación máis do capitalismo liberal que procura a desaparición do Estado e a entrega das infraestruturas nas mans das grandes corporacións co beneplácito do Goberno

Na Galiza temos actualmente 335 quilómetros de autoestradas con peaxe, entre eles os que rexistran as tarifas máis elevadas do Estado. Os quilómetros de autovías que por agora son gratuítas suman 560. Nestes momentos existen algúns treitos en obras que, unha vez postos en funcionamento, incrementarán a uns mil quilómetros a rede. No Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno español enviou o pasado mes de abril a Bruxelas comprometeuse coa Comisión Europea a “desenvolver un sistema de pagamento por uso da rede de vías de alta capacidade que permita cubrir os custos de mantemento.” Isto supón instaurar peaxe en todas estas vías a partir de 2024. Como xustificación díxosenos que se trata dunha imposición da Unión Europea e que esta medida xa está en vigor actualmente en moitos dos seus estados. Isto é falso. Como norma xeral, con algunhas excepcións en función do tipo de vehículos e de determinados treitos da vía, na Alemaña, Bélxica, Chipre, Dinamarca, Estonia, Letonia, Lituania, Finlandia, Luxemburgo, Países Baixos e Suecia non existen peaxes. En Austria e en cinco estados máis está en vigor o sistema de autocolante, que consiste en que se paga unha pequena cantidade anual para poder circular a discreción por este tipo de vías. En Irlanda existe peaxe nalgúns treitos. Si existen en Francia, Italia, Polonia, Grecia e Portugal, neste último país desde hai dez anos por imposición da Troika. No caso de España, trátase tamén dunha imposición da Comisión Europea, mais non porque as peaxes sexan obrigatorias senón a cambio de poder recibir importantes cantidades de cartos para paliar a situación crítica derivada da pandemia. Estas esixencias tradúcense tamén noutras medidas fiscais para “sanear as contas” co fin de reducir o déficit e a débeda pública nun período de tempo fixado. E isto vaise traducir no mantemento das reformas laborais anteriores, nos recortes das pensións e noutras obrigas, entre as que figura a introdución da peaxe nas estradas.

Por circular polas autoestradas, os galegos vimos pagando elevadas tarifas desde sempre e agora, lonxe de rebaixalas como se prometeu, queren que paguemos tamén por facelo polas autovías. E isto constitúe a imposición dunha taxa inxusta por ser contraria á capacidade económica e á progresividade que constitucionalmente se recoñece para os impostos: van estaren obrigados a satisfacer a mesma cantidade os usuarios que utilicen un simple utilitario que aqueles que o fagan en custosos vehículos de grande potencia, vai pagar o mesmo quen se desprace por motivos laborais que quen viaxe por pracer. Fronte a este imposto indirecto tan regresivo, os perceptores dos salarios baixos serán os máis prexudicados e tamén os autónomos e as pequenas empresas que necesitan realizaren desprazamentos. Traballadores que acoden diariamente aos seus traballos, profesionais e empresarios que teñen que ofrecer os seus servizos e entregar as súas mercadorías a distancia, funcionarios co destino afastado do seu domicilio, persoal interino e eventual que cambia decote de localidade... serán vítimas desta taxa. O sector primario vai tamén ser obxecto da baixada de ingresos porque nel vai repercutir o incremento dos custos do transporte dos seus produtos. E, en definitiva, todos, como consumidores, sufriremos a suba dos prezos derivados desta lesiva imposición.

A SEOPAN, Asociación de Empresas Construtoras e Concesionarias de Infraestruturas, na que se integran as grandes corporacións, xa aplaudiu esta proposta do Goberno e de inmediato presentou un informe no que indica que as tarifas adecuadas serían de 9 céntimos por quilómetro para os vehículos lixeiros e de 19 para os pesados. Neste mesmo informe, esta grande patronal afirma que as concesións para o mantemento destas vías deberá ser polo menos de vinte e cinco anos. Mais, mentres a construción das autopistas se veu realizando con financiación privada, auxiliada con cuantiosas axudas públicas, mediante o réxime de concesión a cambio do sistema de peaxe durante un longo período de tempo, coa entrega dos servizos de mantemento das autovías a estas empresas estaríanselles regalando infraestruturas que foron integramente sufragadas cos impostos de toda a cidadanía. Velaquí unha manifestación máis do capitalismo liberal que procura a desaparición do Estado e a entrega das infraestruturas nas mans das grandes corporacións co beneplácito do Goberno.

Ademais disto, a permanencia das peaxes nas autoestradas e a súa imposición no resto das vías de alta capacidade atenta contra a vertebración do noso territorio por mor das graves eivas que padecemos no transporte público e nas infraestruturas ferroviarias que impiden desprazamentos de viaxeiros e de mercadorías. Neste eido, resulta ofensivo para a cidadanía galega que no mesmo parágrafo da páxina 127 do texto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en que se plasma o compromiso da introdución das peaxes, o Goberno afirme que “no ámbito do transporte é preciso completar os corredores ferroviarios que conectan co resto da UE (Mediterráneo, Atlántico) para impulsar o transporte de mercadorías alternativo á estrada. Tamén fai falta investir en nodos de interconexión clave para garantir a intermodalidade (por exemplo, o enlace cos portos de Bilbao e Algeciras) e reforzar significativamente as redes de proximidade, clave para a boa articulación da poboación no territorio.” Sobra a análise destas liñas para chegar á conclusión do nulo interese que manifesta o Goberno por remediar as graves deficiencias que sufrimos na Galiza en corredores ferroviarios, no transporte de mercadorías alternativos ás estradas, na intermodalidade, xa non en reforzar as redes de proximidade, que non existen, senón en crealas e, en definitiva, no esforzo para articular a nosa poboación no territorio.



Eduardo Álvarez
xuño 2021