Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
19-04-2021

Os EEUU xa saben dabondo que endexamais conseguirán someter aos bravos pobos orixinarios, que abarcan o 80 por cento do conxunto da poboación de Bolivia

Bolivia na encrucillada

FRANCISCO GRAÑA


Retorno ao Goberno do Movemento ao Socialismo IPSP, -Instrumento Político para a Soberania dos Pobos- por certo, un título moi idóneo, xa que en Bolivia nunca aconteceu unha Revolución que con plenitude a liberara do asoballamento feudal capitalista herdado da antiga colonia española. O actual Estado Plurinacional construído pola maioría organizada dos pobos orixinarios segue a padecer a carga deste tumor arraizado sobre Bolivia, e que as veces a paraliza impedindo o seu desenvolvemento. O último golpe de Estado foi unha nova manifestación desta doenza. Unha ocasional debilidade na forza da unidade dos pobos orixinarios e das clases populares,crearon o escenario axeitado para a usurpación violenta do poder lexítimo polo asalto da minoría feudal capitalista, proxectado desde os EEUU dunha maneira encuberta, e xa a cara descuberta pola OEA e a Unión Europea.

Un levantamento organizado pola Igrexa Católica dentro da Universidade Católica cos sectores  golpistas como Mesa, Tuto Quiroga, Cívicos....e executado polas Forzas Armadas, Policía e paramilitares cívicos que arrastraron aos sectores racistas e algúns dos orixinarios das clases medias, especialmente en Sta Cruz de la Sierra (Unha reliquia do colonialismo español), con Camacho a cabeza. A proclamación por un xeneral do Exército e da indíxena guaraní Jeanine Añez, entrando esta última coa Biblia na man nun Parlamento baleiro, é todo un símbolo inequívoco da violencia terrorista desatada no País contra o Goberno lexítimo e o pobo boliviano, que non se dobrega ao Imperialismo.

Os EEUU xa saben dabondo que endexamais conseguirán someter aos bravos pobos orixinarios, que abarcan o 80 por cento do conxunto da poboación de Bolivia, a través dunhas eleccións libres e lexítimas, por iso, os golpistas tamén inventan calquera cousa para impedilas ou entrampalas. Sen dúbida unha dominación polo voto verídico e favorábel da poboación sería a solución máis estábel, duradeira e a máis desexábel para o Imperio Ianqui, como acontece en moitas partes do mundo Occidental, mas isto non é posíbel, como non o foi cos pobos orixinarios do Norte americano e tiveron que recorrer ao seo exterminio xenocida.

Hoxe dadas as novas circunstancias históricas, con EEUU inmerso nunha profunda decadencia, nin sequera dun xeito cabal pode aplicar na América Latina, o seu patio traseiro, a súa doutrina Monroe de “América para os americanos (do Norte certamente)”, pondo a dedo Gobernos a súa conveniencia, e moito menos  a  práctica de intervencións militares directas; só lle restan as intervencións encubertas e coidadosamente planificadas polo Departamento de Estado, especialmente en Bolivia onde só poden contar dunha maneira fiábel coa minoría racista de orixe europeo que controla a economía privada centrada no Oriente do País e vinculada a oligarquía estadounidense e global, mas tamén moi limitada e incapacitada para medrar no electoral, debido ao seu racismo excluínte, co cal os amotinamentos de Estado en Bolivia ca cara destapada crean máis dificultades que garantías para unha dominación estábel do Imperio Estadounidense e o espolio dos seus recursos. Non lle queda outra que o (Caos organizado como alternativa).

O Golpe de Estado en Bolivia tivo moitas destas características e é previsíbel que se sucedan no futuro, cando se presenten unhas circunstancias oportunas que sexan favorábeis para a súa execución. Mas de inmediato non é probábel debido a forza manifestada pola gran unidade da maioría dos pobos orixinarios e as clases populares bolivianas conducidas por Evo Morales; de aí o interese en asasinalo ou anulalo. Cun resultado favorábel nas urnas de máis do 55 por cento o MAS-IPSP arrasou nas eleccións presidenciaís. Pero nas últimas eleccións sub-nacionaís, xa comezaron as fracturas na unidade do Pobo,e dentro do propio MAS. O Imperialismo non da tregua certamente.

Malia, a cada pouco o País atura un tráxico xogo de poderes e contra-poderes, ás veces non ben delimitados. As últimas eleccións presidenciais  e Novembro do 2020, gañadas polos candidatos do MAS-IPSP deron outra vez o Goberno aos representantes da maioría do pobo organizado de Bolivia, mas a porción minoritaria oposta, segue mantendo nas súas mans o Poder económico do Estado Plurinacional e gran parte do político. Un Poder semi–feudal capitalista, racista e reaccionario baixo a elite cruzeña e pitita, que controla os medios económicos como as Finanzas e Banca, Medios de Información e  Comunicación, Centros de Saúde, Ensino en colaboración directa coa Igrexa Católica Vaticana, e as ONGs evanxelistas ianquis... Este conglomerado é o tumor maligno vinculado a oligarquía globalista protexida polos EEUU que oprime á Bolivia popular, con capacidade suficiente para inutilizar o Poder Popular. Por outra banda, ten unha forte influenza nas Forzas Armadas, Policía e aparello xudicial, póndose estes últimos ao seu servizo con relativa facilidade.

O Estado Plurinacional coa súa Constitución democrática, constitúe un gran obstáculo para esta elite minoritaria reaccionaria, como xa quedou demostrado nos últimos acontecementos, sendo inservibles para estes sectores cívicos cruzeños que se negan a pagar impostos ao Estado,  e as das cidades como Cochabamba, La Paz ou Potosí. Para poder exercer o seu poder a esta elite fáltalle unha República de Cidadáns que antepoña os seus dereitos burgueses sobre o Estado e  a Soberanía Nacional que defenden os sectores orixinarios e populares, a maioría do pobo boliviano, 36 nacionalidades, e as organizacións sociais co sustentan; sendo o MAS ata hoxe o seu brazo político indiscutíbel, tendo a Evo Morales como o líder histórico principal.

No presente, a situación internacional é favorábel ao proceso de cambio boliviano, e a América Latina camiña con altibaixos cara a Patria Grande, pouco a pouco. Medran os movementos progresistas e autóctonos   orixinarios, o que favorece ao actual Goberno da maioría  do Pobo boliviano. Así mesmo para este resulta propicia a  crecente debilidade do Imperialismo, sen contar coa vitalidade do crecemento poboacional do pobo orixinario  en relación co encoramento dos descendentes europeos,. O Imperialismo vese obrigado a confrontar cada vez máis en numerosos frontes abertos, coa conseguinte dispersión de esforzos, tendo que recorrer as intervencións encubertas usando o infalíbel método histórico “divide e reinarás” aderezado con pretextos “democráticos” e humanistas bendicidos polo Vaticano, aproveitando a semente deixada pola conquista española da América Latina.

Certamente, o presente non é unha ocasión oportuna para o Imperio.  Porén, Bolivia non dispón  na actualidade dos seus propios instrumentos políticos e económicos, os económicos foron desmantelados coas  Empresas estatais polo Goberno sedicioso, e o pobo de Bolivia segue sen contar cun aparello estatal que defenda dun xeito cabal os intereses populares, diante dos poderes ilexítimos privados da elite racista. Hoxe, grazas á dirección política do Goberno do MAS, presidido por Lucho Arce Catacora, foi devolto un préstamo envelenado do FMI, a pesar dos quebrantos orixinados, para a salvagarda da Soberanía de Bolivia; decisión que merece  todos os parabéns. Mas para ben ou para mal, Bolivia segue na encrucillada exposta a novos acontecementos golpistas  da Oligarquía Doméstica e Global.