Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
03-10-2020

Liñas como as de A Coruña-Ferrol e Coruña-Lugo manteñen o mesmo trazado desde que se inauguraron hai máis de cen anos

Cando o tren chega tarde, non dá chegado ou deixa de chegar

EDUARDO ÁLVAREZ


Liñas como as de A Coruña-Ferrol e Coruña-Lugo manteñen o mesmo trazado desde que se inauguraron hai máis de cen anos e a velocidade media que acadan os trens sen electrificar que circulan por elas en moi escasas frecuencias diarias é de 53 quilómetros por hora

Estes días, mercé á exposición organizada pola profesora María Pilar García Negro no Parlamento de Galiza sobre Carvalho Calero, que se inaugurou este pasado día 1, puiden contemplar o libro deste autor Pondal. Versos iñorados ou esquecidos, publicado en 1961 por Galaxia e auspiciado polo Centro de Estudos Fingoy. Entre outros poemas ignorados, o profesor Carvalho inclúe nesta escolma unha oda pondaliana en lingua española datada en setembro de 1864 con motivo de que o daquela ministro de Fomento, o galego Augusto Ulloa Castañón, convocase a poxa para a execución das obras dos camiños de ferro na Galiza. O mozo Pondal, seguindo os parámetros fixados polos poetas clásicos, cunha linguaxe solemne e festiva e ton emocionado, salienta a importancia que terá a presenza do tren nestas nosas terras “de obscuro oprobio llenas”. Considera que é o momento de sacudir o horríbel monstro que aflixía a “patria mísera” e de que Galiza alce a mirada ao ceo como leoa altiva para contemplar como a velocidade das locomotoras ardentes desafían os altivos inimigos. Este poema pondaliano adiántase en dezasete anos ao que, en 1881, compón Curros con motivo da chegada da primeira locomotora a Ourense. Os dous poetas coinciden en identificar os camiños de ferro co progreso en oposición aos poderes que se opoñen a el: o clero, no caso de Curros, e os tiranos da patria, no de Pondal, que condenan a poboación á miseria. Para ambos, os camiños de ferro representan tamén a vitoria sobre os males que impiden o desenvolvemento social. Por isto, en Curros, a máquina é o “Cristo dos tempos modernos” e, en Pondal, o tren sepultará para sempre o “poder nefando” no “abismo impuro” e a anémica Galiza revestirase de “noble orgullo y dignidad severa”.

Mais, o optimismo de Pondal choca pronto coa realidade. O galego Augusto Ulloa Castañón só se mantén como ministro de Fomento durante seis meses, os primeiros 41 quilómetros de ferrocarril que unen Compostela con Carril inaugúranse nove anos despois e as liñas de A Coruña a Lugo e de Vigo a Redondela, once e trece anos máis tarde respectivamente; e dezasete despois, en 1881, chega a primeira locomotora desde Vigo a Ourense para xúbilo de Curros e de tantos ourensáns que se congregaron nesta cidade con tal motivo. E a conexión de Galiza co sistema ferroviario peninsular ten que agardar até 1883 en que os camiños de ferro se unen en Ponferrada.

No período tan breve de tempo en que Augusto Ulloa Castañón desempeñou o cargo de ministro de Fomento, ocupando a Dirección Xeral de Obras públicas o eumés Frutos Saavedra Meneses, tamén foi concedida a autorización para o proxecto do trazado da liña Betanzos-Ferrol coa finalidade de comunicar esta segunda cidade coa da Coruña. Mais, terían que transcorrer 49 anos para que o tren chegase a Ferrol en 1913.

Hoxe, liñas como as de A Coruña-Ferrol e Coruña-Lugo manteñen o mesmo trazado desde que se inauguraron hai máis de cen anos e a velocidade media que acadan os trens sen electrificar que circulan por elas en moi escasas frecuencias diarias é de 53 quilómetros por hora.

Despois de máis de quince anos de obras e de numerosos prazos incumpridos, o AVE continúa sen data para a súa operatividade. As baleiras promesas dos ministros e ministras de Fomento só serven para seren pregoadas impunemente na prensa. O 2 de maio de 1988, Abel Caballero, ministro de Transportes daquela, proclamaba solemnemente en Vigo a chegada do AVE a Galiza para o ano 1993. Dez anos despois, en novembro de 2003, Núñez Feixoo, conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda en substitución de Cuiña no goberno de Fraga, anuncia que a viaxe entre A Coruña e Ferrol ía realizarse en AVE no ano 2010.

Estamos en 2020. Desde 1864, en que Augusto Ulloa fora ministro de Fomento, trece galegos e unha galega ocuparon este mesmo cargo como responsábeis das obras públicas no Estado... e os camiños de ferro na Galiza seguen no abandono entre tantas promesas incumpridas.