Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
24-02-2010

O noso pais sempre foi berce do sector primario, máis coas súas particularidades, excepcións e problemáticas

A crise económica e o mundo rural: punto de partida

LINO GARCÍA SALGADO


A situación actual
 

Atopámonos en tempos difíciles, a situación económica (esa famosa dama que todo manipula, sen rostro visible ) non mellora e o paro aumenta. Deberían ser tempos reivindicativos, de cambio de actitudes e, sobre todo, tempos nos que a clase traballadora loitara con máis forza polos seus dereitos dada a oportunidade que se presenta diante de todas e todos con esta radiografía concisa do sistema que deixa a especulación á vista e as miserias que este arrastra tras de si.

Nembargante resulta paradoxal e até ofensivo que as voces que máis se ergueron foron as de empresarios modélicos, negociantes de mercados e aduladores do diñeiro alleo, entre outros, para pedir que o estado aplicase certo tipo de intervención para salvar o sistema da ruína total. Pois ben, supoño que a ninguén se lle escapa que tras desa axuda atópase unha perversión difícil de asimilar por aqueles que non formamos parte deste grupo de elixidos. En primeiro lugar, temos que asumir os seus erros como especuladores axudando ao seu fortalecemento para que podan seguir na súa torre de vixía, de seguido temos que asumir os custes monetarios que se desprende da súa praxe diaria e, finalmente temos que pregarnos ás consecuencias que se derivan de todo este proceso. Si, a todos eles, aos que tanto bramaban polo mercado libre hoxe temos que ser condescendentes e axudar co noso diñeiro de meros empregadas/os renunciando, ao mesmo tempo, aos nosos dereitos, ás nosas conquistas. 

Agricultura e desenvolvemento
 

Tendo en conta as regras do xogo, as que veñen impostas dende os grandes grupos económicos de presión, un dos piares básicos de desenvolvemento da economía de calquera país está fundamentado no sector primario dende o que emerxe unha cadea de movemento laboral, económico e social que é quen de manter unha dinámica sostible que no peor dos tempos sobrevive e, incluso, reactiva os procesos económicos.

O agro galego non é unha excepción. O noso pais sempre foi berce do sector primario, máis coas súas particularidades, excepcións e problemáticas. Temos condicións suficientes e apropiadas para estar á vangarda e ter un sector desenvolto e forte, pero todo resulta ao revés. Ter a oportunidade non significa que se aproveite. A diferenza radica entre as política sostibles e sostidas, termos antónimos que marcan o futuro dun pais. 

A ausencia dunha ordenación do territorio desembocou nunha total anarquía do noso chan, vemos produción forestal onde debía estar a agraria e ao revés ( aínda que moito menos ), coa consecuente inmobilización deses terreos e a súa repercusión de cara á economía das explotacións que subsisten. A non existencia dunha autonomía dos insumos necesarios para a produción deriva nunha dependencia de materias primas foráneas que marcan a rendibilidade económica das explotacións facendo destas meras intermediarias sen outra función nin control. Logo... daría o mesmo ter unha explotación no centro de Compostela como en Melide. 

Todo o dito, xunto cunha acelerada absorción de determinados tipos de produción vendidos por outros países sen ter en conta a nosa particularidade ( xa desbotados por eles ) fixeron que as explotacións entraran nunha dinámica perigosa, case que sen retorno, que levou á desfeita actual. As cifras falan por si mesmas, arredor de 40.000 explotacións pechadas durante estes anos de política agraria comunitaria, quedando as que resisten nunha situación de forte endebedamento e sen control algún sobre o proceso de venda e comercialización.

Contando con esta viciada atmosfera o que menos se pode esperar é que o propio goberno da Xunta sexa outro inimigo a ter en conta, máis os datos así o demostran. Nos sucesivos intervalos onde o partido popular tivo responsabilidades de goberno o factor redundante foi, precisamente, o non aplicar ningún tipo de política agraria propia, senón fundamentar e aplicar aqueles factores máis negativos para o noso agro, lembrémonos, por exemplo, da forestación de terreos agrarios e moitas máis que resultaría imposible nomear nun só artigo. 

A convivencia e participación do goberno coa destrución do agro

Pero as cousas poden ir a peor. O goberno actual encóntrase máis preocupado por desfacer a maior parte do construído pola anterior consellería do medio rural sen ningún tipo de miramentos e cuns arrestos de vinganza propios doutra época, xusto onde precisamente as políticas podían incidir no cambio de modelo de produción: Banco de terras, contratos homologados, unidades de xestión forestal, contratos de explotación sostible e grupo lácteo galego. Non convén esquecer o ridículo e a falla de ética política que se deu fai uns días cando a compra ou aluguer da planta de almacenamento e tratamento de leite que Pascual tiña en Outeiro de Rei e que foi entregada a dedo ( ao máis puro estilo caciquil e prevaricador ) a dirixentes destacados do partido popular diante doutras opcións que tiñan demostrado saneamento nas súas contas. 

Mais existen dúas peculiaridades que fan esta nova era do partido popular máis perigosa aínda polo que ten de transfundo. A primeira é o despedimento masivo que teñen executado coa xente contratada para levar a diante as axudas propostas na anterior lexislatura, utilizando como escusa a famosa austeridade, deixando, desta forma, sen efecto as mesmas, retrasándoas ou aburrindo aos perceptores até a súa eliminación por falla de solicitudes. A segunda peculiaridade é o mencionado contrato de explotación sostible, unha liña de axudas incluídas no plan de desenvolvemento rural ( non se poden eliminar até o 2013 ) e que supoñían un inicio no troco do modelo de produción ao fomentar economicamente a utilización de materias primas propias ( sobre todo pasto en verde ) que fan diminuír os custos no balance fiscal e, ao mesmo tempo, mobilizar a terra que nestes momentos podería estar erma ou plantada con especies forestais. Compre subliñar tamén que con este tipo de axudas pretendíase equilibrar dalgunha maneira o déficit mantido con outros países da unión europea, competidores no mercado, que teñen establecido este tipo de axudas dende fai moitos anos. Pois estas axudas están a ser sistematicamente rebaixadas pola actual consellería sen ningún tipo de reparo nin comunicación utilizando ademais estratexias próximas ao chantaxe sabedores como son da importancia destas liñas e da dificultade que entraña cumprimentalas na totalidade e trasladando, con total covardía, a responsabilidade aos técnicos que traballan nas asociacións para certificar estas liñas de actuación. Baixo o meu criterio é moi perigosa esta forma de procedemento que debería ter resposta clara e contundente dos representantes do mundo agrario se non queremos retroceder até a desaparición total dos activos.