Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.
01-02-2020

A situación mudou desde o anterior congreso, os paxaros de mal agoiro erraron e non viron cumprirse os seus desexos.

Tempo de Congreso

DUARTE CORREA PIÑEIRO

Na intervención de clausura do XIV Congreso Nacional da UPG o reelixido Secretario Xeral, Néstor Rego, dirixíase a militantes e simpatizantes dicindo “Non nos vai deter un revés no camiño nin moito menos nos vai vencer o desánimo nin as frustracións que sabemos que corresponden a unha etapa que habemos  de superar como superamos outras anteriores.“

Era maio de 2016, un momento duro para o nacionalismo galego e por tanto tamén para o noso partido, Galiza deixara meses antes de estar presente, por medio de unha forza política sen dependencias españolas, na política estatal. Catro meses despois celebraríanse as eleccións ao Parlamento Galego e nas semanas anteriores era case unánime en comentaristas, opinadores de todo tipo, editorialistas e sondaxes electorais a mensaxe de que o BNG estaba en situación crítica camiño de converterse en forza testemuñal.

Catro anos antes na XIII Asemblea Nacional do BNG, a asemblea de Amio, producírase un debate moi duro, por unha banda estaban quen defendían que debiamos desbotar o principio de auto-organización en todos os ámbitos subsumíndonos en alianzas orgánicas e electorais con forzas de obediencia estatal , e quen apostaban por centrar todo o noso labor na vía electoral e na consecución de maiores competencias pero sen cuestionar as bases do sistema político existente no estado español; e por outra estaba a maioría da militancia defendendo que o BNG debía manterse firme como forza soberanista de carácter popular e non hipotecada a decisións de forzas co seu centro de decisión fóra de Galiza. Os resultados electorais non acompañaban e había compañeiros e compañeiras que mostraban as súas dúbidas sobre se o camiño decidido fora o correcto.

O vindeiro 16 de febreiro celebraremos o plenario final do XV Congreso da UPG, tras un amplo  calendario de debate entre a militancia e presentación pública a simpatizantes, dos documentos aprobados polo Comité Central.

A situación mudou desde o anterior congreso, os paxaros de mal agoiro erraron e non viron cumprirse os seus desexos; superamos aquela dura etapa e hoxe o nacionalismo no seu conxunto está máis forte, hai máis xente que se suma ao proxecto e persoas que se afastaran daquela volven mirar cara nós e a escoitar as nosas propostas para que Galiza saia desta segunda longa noite de pedra.

Pero a nova situación non nos ten provocado unha borracheira, nin imos asaltar o Pazo de Inverno mañá, nin temos a liberación nacional e social á volta da esquina. Estamos mellor pero precisamos aínda superar moitas debilidades para fortalecer o nacionalismo, encarar os  retos inmediatos e cumprir expectativas; e tampouco ignoramos os perigos que nos agardan no camiño e as propostas para destecer o tecido neste tempo.

Como sinalamos nos documentos que nestes días son obxecto de debate en todas as instancias partidarias, o nacionalismo non pode ter unha postura acomodaticia, pois a nosa propia historia demostra que se avanza con “...mobilización e cun traballo social e institucional que enfronte con decisión o conflito social e político e a batalla das ideas.”

Nas teses sinalamos que fronte a aqueles discursos baleiros de contido que semellaban instalarse nos últimos tempos, a crise sistémica iniciada en 2008 a nivel mundial e a crise do sistema político da transición no estado español demostran:

-Que a loita de clases non desapareceu, por contra as súas manifestacións coa perda de dereitos laborais e sociais reforzan o seu papel central.

-Que a cuestión nacional é o centro do debate para socavar os piares do réxime do 78.

Nunca esquezamos que a contradición nacionalismo-españolismo é a manifestación no noso país da loita de clases, ou máis correctamente, a loita de liberación nacional é en Galiza a manifestación principal das loitas de clases ás que se referían Marx e Engels (orixinariamente en plural) no Manifesto Comunista. E fuxindo de mimetismos ou de atallos que levan a camiños sen saída debemos de adaptar a nosa actuación ás características propias do noso país pois a teoría non serve de nada se descoñece a realidade sobre a que se actúa.